Publicacións

Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Dispoñíbel na web o nº8 de Enxergar. Revista de Pensamento e Análise

Editorial

Publicamos este oitavo número da revista Enxergar coincidindo co inicio do ano 2025, no que se rende homenaxe a dúas figuras moi relevantes na historia do nacionalismo galego, e por extensión dúas figuras importantes na historia da Galiza contemporánea. Estámonos a referir á conmemoración do 75 aniversario do falecemento do patriota galego e destacado
cadro do Partido Galeguista, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e o 50 aniversario do asasinato do patriota galego e dirixente da Unión do Pobo Galego, Xosé Ramón Reboiras Noia.

Daniel Rodríguez Castelao, representou o traballo, a entrega militante e xenerosa de dúas xeracións de galegos e galegas que, desde inicios do século XX, sentaron as bases do nacemento do nacionalista galego. Organizacións como as Irmandades da Fala, as sucesivas Asembleas Nacionalistas, o Seminario de Estudos Galegos, e a posterior creación do
Partido Galeguista, representaron chanzos fundamentais na conformación do nacionalismo galego até a actualidade. En todo ese proceso, na primeira metade do s.XX, tivo unha participación destacada Castelao, tanto na súa faceta artística como no seu activismo político-organizativo, destacando en ambos casos o seu compromiso político, converténdose xunto con Alexandre Bóveda nos dous grandes referentes do nacionalismo desa época.
Castelao xogou un papel destacado na defensa dos intereses de Galiza durante a II República, especialmente na defensa do Estatuto de Autonomía desde o PG, fronte ao fascismo diante do golpe militar do 36 e posteriormente no exilio, sendo fundamentais as súas xestións, xunto a Antón Alonso Rios, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde, para a constitución do Consello de Galiza, o 15 de novembro de 1944 en Montevideo, goberno galego no exilio do cal el foi proclamado presidente. Foi fundamental tamén o seu labor na posterior aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza, por parte das Cortes republicanas españolas no exilio, reunidas en México, en novembro de 1945. Así, pois, Castelao simboliza tamén a tradición galeguista de loita pola liberación nacional de Galiza e pola emancipación
socio-económica do pobo galego. Non podemos permitir que a dereita galega, da man do PP, manipulen e terxiversen o seu ideario e os obxectivos políticos polos que loitou, como así o están a intentar desde a década dos anos 80 e, especialmente, semella que no presente ano.

Doutra banda, Moncho Reboiras, a pesar da súa curta vida, foi igualmente un destacado cadro do nacionalismo galego, neste caso na década dos 70. Asasinado pola policía franquista no ano 1975, cando contaba con tan só 25 anos, exemplifica esa mocidade galega que no tardofranquismo, cunha forte convicción ideolóxica e unha militancia intensa, enfrontouse á represión da ditadura arriscando a súa vida, collendo así o relevo da xeración de Castelao e da seguinte, na defensa dos dereitos da nación galega, entre eles e como principal dereito o de autodeterminación. Para isto promoveron a autoorganización do pobo galego a todos os niveis (cultural, labrego, obreiro, estudantil, ecolóxico, político,…), creando así toda unha estrutura organizativa e unha base programática e reivindicativa, no marco da teorización das loitas de liberación nacional do Terceiro Mundo, que foron fundamentais para a toma de conciencia
nacional de amplos sectores da sociedade galega (...),

Ler máis...

Publicouse un novo número de Comprendermos

Baixo a coordenación de Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, publicouse un novo número de “Comprendermos”, caderno de pensamento para o debate e a acción..

Ler máis...

Xa está dispoñíbel o nº 3 de Comprendermos

Viu a luz o terceiro número de ‘Comprendermos’, o caderno de pensamento para o debate e a acción editado pola Fundación Moncho Reboiras, baixo coordenación de Manuel Mera.

Desta volta, a publicación dedica as súas páxinas centrais aos tratados de libre comercio. Nunha peza de análise asinada por Xabier P. Igrexas, descríbese tanto o contexto no que se insire esta nova vaga de tratados, que o autor cualifica de “punta de lanza” dunha nova ofensiva do capital no marco da globalización imperialista. O texto incide na idea de que TPP (acordo transpacífico), CETA (Canadá-UE), TTIP (EUA-UE) e TISA (50 estados), forman parte dunha mesma estratexia. A finalidade sería garantir aos Estados Unidos o control de entre o 60% e o 80% do PIB mundial.

Ler máis...

Xa está dispoñíbel o número 2 de Comprendermos

A Fundación Moncho Reboiras pon a disposición do público un novo número de Comprendermos, o seu caderno de pensamento para o debate e a acción.

Neste segundo caderno, publicado conxuntamente co número 152 do semanario SermosGaliza, abordamos nunha entrevista co Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, a situación e os horizontes da negociación colectiva e da loita de clases no noso país, nun contexto marcado polo novo pacto social subscrito entre a patronal e os sindicatos de colaboración de clases, CCOO e UGT, e máis polo novo marco represivo da coñecida como Lei Mordaza.

Ler máis...

Exposición no Museo Provincial de Lugo: “70 anos do Consello de Galiza. O goberno galego no exilio”

O 26 de maio, a Fundación Moncho Reboiras inaugura en Lugo unha exposición baixo o título: “70 anos do Consello de Galiza. O goberno galego no exilio”, conmemorando o que fora o organismo  de representación institucional do pobo galego creado no exilio por iniciativa de Castelao en novembro do 1944. A iniciativa que conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, intégrase nun proxecto divulgativo que inclúe tamén a edición dun folleto, un video e unha conferencia-coloquio. A exposición poderá verse na Sala Multiusos do Museo Provincial até o domingo 14 de xuño.

Ler máis...

Nace COMPRENDERMOS, caderno de pensamento para o debate e a acción

Co gallo da conmemoración do 40º aniversario da constitución do Sindicato Obreiro Galego (SOG), este 1º de Maio, a Fundación Moncho Reboiras publicou, como separata do número 143 do semanario Sermos Galiza, o primeiro número do caderno Comprendermos. Esta nova publicación seriada da Fundación, da que se editarán 4 números ao ano que se distribuirán conxuntamente co semanario, ten a vocación de ser un espazo para a reflexión e a análise da realidade social, política e histórica do noso país, postas ao servizo da liberación do pobo traballador galego.

Ler máis...

Caderno: ‘Que se agocha tras a Unión Europea? Unha aproximación crítica’

Logo de transcorridos cinco anos desde o inicio da vixente crise capitalista, encetada en 2008 por mor do estalido da burbulla especulativa ligada ao crédito inmobiliario e a súa conseguinte derivación ao sistema financeiro internacional, cobra importancia capital o papel que están a xogar as institucións europeas nesta. De maneira singular a Comisión Europea, como instrumento executivo da propia UE, e o Banco Central Europeo, en tanto organismo regulador da moeda única. Non por casual, ambos niveis que son os chanzos esenciais sob os que se alicerza toda a estrutura da Unión Europea, integran canda a división para Europa do Fondo Monetario Internacional a denominada Troika.

Ler máis...

Percorrido pola historia da nación galega (caderno)

A Fundación Moncho Reboiras-FESGA apresenta a publicación “Percorrido pola historia da nación galega”, que, ao longo de 32 páxinas, traza un itinerario histórico que parte dos inicios do poboamento do territorio até o albor do novo século, pasando por toda unha serie de episodios que foron conformando a idiosincrasia do noso pobo, e sen os cais sería imposíbel entender a nosa realidade actual.

Ler máis...

Caderno: as folgas do ferrocarril de 1931 e 1932 (protestas, solidariedade popular e declaración do Estado galego)

Hai oitenta e un anos proclamábase en varios lugares de Galiza o Estado galego, ao abeiro da conflitiva situación do momento: agromar da Segunda República e das arelas de liberdade das nacións oprimidas da periferia, e da folga dos obreiros contratados pra construción da vía Zamora-Ourense-A Coruña. A República proclamouse o 14 de abril de 1931, nun proceso que abriu unha enxurrada de rápidas mudanzas moito tempo contidas.

Ler máis...

Libro “O sector enerxético en Galiza”

A FESGA vén de publicar o libro “O sector enerxético en Galiza. Situación e perspectivas de futuro”, que xunto ao documental do mesmo nome, forman parte dun proxecto de investigación que contou co apoio da Deputación Provincial da Coruña.

Ler máis...

2025 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |