Xa está dispoñíbel o nº 3 de Comprendermos
Publicacións
Sectores produtivos
Analízase tamén neste novo número a situación de dous sectores produtivos de importancia para Galiza, ambos os dous inmersos en recentes procesos de mobilización: o sector lácteo e a pesca do cerco. A esta cuestión está dedicado o editorial, intitulado “Queremos producir”, no que se sinala que “as políticas impostas polo Partido Popular e o deseño, de periferia compradora que temos asignado no marco da Unión Europea, son as principais razóns que bloquean a nosa produción”.
Nunha entrevista a dupla páxina, o coordinador xeral da Federación Rural Galega (FRUGA), Manuel Dacal, fai balanzo da xeira de tratoradas que tiveron lugar no noso país hai apenas un par de meses e valora os logros conqueridos. Un balanzo con claros e escuros, que o sindicalista agrario resume salientando que “as tratoradas lograron parar a baixada dos prezos do leite”. Dacal debulla tamén as causas que explican a situación do sector e analiza os retos de futuro que enfronta.
Aliás, o deputado do BNG, Daniel Rodas, é autor dun artigo de análise no que salienta a importancia de resolver o conflito da pesca do cerco. Rodas, denuncia que “a UE e o PP pretenden liquidar a flota galega”.
Imperialismo e FSM
A sección de ‘Conceptos’ está dedicada a tentar explicar, desde unha visión marxista, o fenómeno do imperialismo, que pola súa complexidade será abordada en varias partes.
Finalmente, a ‘Ollada internacional’ do caderno pousa no 70 aniversario da Federación Sindical Mundial, da man de Iuri Domènech. O texto percorre as orixes históricas da FSM, o seu papel como principal polo sindical clasista internacional e tamén as perspectivas de futuro fixadas nos seus últimos congresos.
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza