Os grandes medios esforzáronse en circunscribir o actual conflito bélico no leste de Europa a unha simple conflagración entre Rusia e Ucraína. Porén, a denominada “Guerra de Ucraína” nin sequera se corresponde de forma exclusiva con ese país nas accións militares. O conflito afecta, dalgún xeito, a países como Polonia e Bielorrusia, a zonas marítimas dos países nórdicos no Báltico ou, no caso do Mar Negro, a zonas de influencia de Romanía, Bulgaria e Turquía. Nesas áreas realízanse periodicamente distintos tipos de accións bélicas ou de sabotaxe apoiadas por operacións ISR (Intelixencia, Vixilancia e Recoñecemento) da OTAN. Unha actividade militar esencial que se leva a cabo por medio dun sofisticado exército de drons, buques, radares terrestres, satélites militares e avións espía controlados e dirixidos dende os cuarteis da Alianza Atlántica en Europa e os Estados Unidos. Se engadimos a este escenario a numerosa presenza de mercenarios occidentais, forzas especiais e asesores de alto rango da OTAN, implicados directa ou indirectamente nas accións militares —a nivel de Estado Maior ucraíno ou no campo de batalla—, ademais do masivo bloqueo económico occidental a Rusia ou as graves consecuencias socioeconómicas producidas pola contenda a nivel mundial, a designación máis apropiada sería Guerra Rusia-OTAN. Porén, na medida en que se trata dunha confrontación xeopolítica Occidente-Oriente, nun escenario euroasiático, decidín designala Guerra do Leste.
Antecedentes históricos
O economista e sociólogo marxista italiano Giovanni Arrighi, utilizando a teoría do sistema-mundo de Wallerstein, analizou os procesos imperialistas en Occidente estabelecendo cinco grandes ciclos sistémicos de acumulación capitalista, solapados entre si. Comeza co hispano-xenovés (ss. XV-XVII), segue co holandés (ss. XVI-XVIII), continúa co británico (ss. XVIII-XX) e finaliza co norteamericano (ss. XIX-XXI) en transición, na actualidade, ao ciclo euroasiático con centro na China. Neste último ciclo, aínda nos seus inicios, estariamos asistindo ao xurdimento dun novo sistema financeiro controlado polos estados emerxentes. Segundo o economista ruso Sergei Glaziev, as finanzas, por vez primeira en moitos séculos, deixarían de ser un privilexio exclusivo das elites occidentais. Outras características deste novo ciclo serían o predominio do público sobre o privado e a defensa da soberanía das nacións, cunha periferia emerxente que se reivindica multipolar, anticolonial e anti-hexemónica.
Foi na época de dominio anglo-norteamericano cando se estabeleceu a doutrina británica do Heartland (Mackinder, 1904) que configuraría, xunto á alemá do Lebensraum, a estratexia imperialista occidental de todo o século XX ata a actualidade. Esas doutrinas estabelecen con precisión que, para garantir o dominio hexemónico occidental (e evitar así a última transición sinalada no parágrafo anterior), resultaba indispensábel o sometemento da enorme masa continental que forman os países de Eurasia. En esencia, o Imperio tsarista e, en menor medida, outras nacións de Asia central, como a China. Daquela, o Imperio Ruso pasou a converterse nun obxectivo estratéxico —pola súa enorme extensión, demografía e ilimitados recursos enerxéticos, alimentarios e de materias primas—, o principal obstáculo a eliminar para o pleno dominio do capitalismo imperial británico (e do emerxente norteamericano). Esa estratexia xeopolítica necesitaba achandar o camiño cun proceso previo de eliminación dos imperios menores do leste e centro-Europa e a repartición formal de áreas de influencia entre as potencias coloniais do occidente continental, sempre en beneficio dos anglosaxóns e baixo o seu control. Este é o contexto da Primeira Guerra Mundial (PGM).
E, en efecto, como esperaban os británicos, o resultado da PGM provocou a desaparición do Imperio Austro-Húngaro, o Otomán e o Alemán. Tamén do imperio dos tsares, pero a guerra facilitou a Revolución de Outubro e a creación da Unión Soviética. Coa consecuencia inesperada dun desenvolvemento económico, educativo, científico, tecnolóxico, industrial e militar a unha escala nunca vista, ademais da creación dun gran movemento internacional anti-capitalista e anti-imperialista. Nesas condicións, un enfrontamento directo co núcleo do Heartland (a Unión Soviética) estaba cada vez máis lonxe das posibilidades da Royal Navy. Cumpría debilitar os soviéticos nunha guerra longa, e para iso era preciso —coa aquiescencia norteamericana— volver armar Alemaña e dirixir a súa potencia bélica cara ao leste. Esa foi a estratexia seguida na Segunda Guerra Mundial para desangrar e derrotar a URSS, conseguindo o primeiro, pero non o segundo. A manobra quedou ao descuberto ao dilatar a plena implicación occidental na fronte europea ata unha data tan tardía como xuño de 1944 (desembarco de Normandía), cando a Wehrmacht xa estaba mortalmente ferida nas batallas de Stalingrado (1942-43) e Kursk (1943). Por iso, en coherencia coa doutrina de Mackinder, a pesar do fracaso da Operación Barbarossa nazi e a derrota final do III Reich, os anglo-norteamericanos non renunciaron á conquista do Heartland.
A expansión da OTAN
A idea de seguir co acoso contra a Unión Soviética despois da SGM quedou patente coa fundación da OTAN en 1949. En esencia, unha alianza occidental político-militar anti-soviética e anti-comunista dirixida polos anglo-norteamericanos. Nesa etapa o Heartland púxose ao día coa nova doutrina do Rimland (control dos países euroasiáticos con ribeiras marítimas que rodean o Heartland) promovida polo ianqui N.J. Spykman. O papel da Royal Navy sería substituído pola US Navy dando comezo á Guerra Fría que rematará coa disolución da URSS en 1991. A xeopolítica imperial británica, apoiada agora no brazo militar ianqui, seguía colectando éxitos.
Porén, a caída da URSS non foi suficiente, había que rematar a faena. Amosando unha voracidade xeopolítica extrema, os membros da Alianza Atlántica duplicáronse nos seguintes trinta anos, coa entrada de antigos aliados da Unión Soviética, avanzando a OTAN ata as fronteiras rusas, ademais de redobrar a política intervencionista imperial en todos os continentes. E todo iso, a pesar das garantías ofrecidas polos ianquis a Gorbachov de que non habería “nin unha polgada” de expansión cara ao leste, en palabras do secretario de Estado James Baker (Viena, 1990). O ingreso de Chequia, Hungría e Polonia na Alianza (1999), e despois o resto dos países do Pacto de Varsovia e algúns da URSS, nun proceso que continúa na actualidade con Finlandia e Suecia, revelaron a falacia das promesas occidentais. Por se había aínda algunha dúbida sobre os designios xeopolíticos contemplados nas doutrinas Heartland-Rimland, a verdadeira intención do núcleo reitor da OTAN quedou ao descuberto no 2000 cando Clinton rexeitou a suxestión de Putin de integrar Rusia na Alianza Atlántica e contribuír de forma mancomunada á paz mundial. Esa foi a proba do algodón para o Kremlin de que Occidente non quería a Rusia no seu bando como un par, senón como unha nación sometida.
O obxectivo da OTAN era diluír a influencia do Kremlin sobre os antigos membros e aliados da Unión Soviética, aínda con moitos lazos culturais, económicos, comerciais e militares coa Federación Rusa, ademais de restrinxir as súas relacións político-económicas con Europa occidental todo o que fose posíbel. Como é lóxico, esa estratexia non pasou desapercibida en Rusia [...].
Artigo completo en Enxergar. Revista de pensamento e análise nº6.