Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Nace COMPRENDERMOS, caderno de pensamento para o debate e a acción

Publicacións

Co gallo da conmemoración do 40º aniversario da constitución do Sindicato Obreiro Galego (SOG), este 1º de Maio, a Fundación Moncho Reboiras publicou, como separata do número 143 do semanario Sermos Galiza, o primeiro número do caderno Comprendermos. Esta nova publicación seriada da Fundación, da que se editarán 4 números ao ano que se distribuirán conxuntamente co semanario, ten a vocación de ser un espazo para a reflexión e a análise da realidade social, política e histórica do noso país, postas ao servizo da liberación do pobo traballador galego.

Como sinala o editorial do primeiro Comprendermos“Pulamos por erguer a vista para gañarmos en perspectiva”. “Apostamos por profundar para alén da superficie, para comprendermos mellor a realidade, sabendo que o presente ten un vértice no noso pasado histórico”, acrecéntase neste editorial. O caderno quere servir de espazo para unha reflexión máis demorada, onde prevalezan a explicación e os argumentos face os enunciados simplistas. A publicación está concibida como un desafío ao pensamento único desde nós propias.

A partir desas premisas, o caderno Comprendermos fornecerá algunhas chaves teóricas, mais coa finalidade de as incorporar na práctica militante e activista. Esta nova publicación, foi coordinada polo director da Fundación, Manuel Mera.

Contidos do número 1.

Neste primeiro número, dedícanselle as páxinas centrais do caderno aos 40 anos do SOG, cun repaso sobre a historia, o contexto e o desenvolvemento do SOG. A vixencia dos principios sobre os que naceu é reivindicada nun artigo de análise asinado polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

Nunha entrevista en profundidade co economista Bernardo Valdês, debúllase de que maneira ten afectado a crise e as políticas de recorte ás condicións de vida da clase traballadora galega, poñendo de relevo, quer a intensificación da explotación da clase traballadora, quer o aumento dos desequilibrios territoriais.

Completan este número, unha análise do papel que o euro está a xogar na crise, e máis unha introdución ao significado do internacionalismo proletario e a reivindicación da súa vixencia hoxe.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |