Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Xa está dispoñíbel o número 2 de Comprendermos

Publicacións

A Fundación Moncho Reboiras pon a disposición do público un novo número de Comprendermos, o seu caderno de pensamento para o debate e a acción.

Neste segundo caderno, publicado conxuntamente co número 152 do semanario SermosGaliza, abordamos nunha entrevista co Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, a situación e os horizontes da negociación colectiva e da loita de clases no noso país, nun contexto marcado polo novo pacto social subscrito entre a patronal e os sindicatos de colaboración de clases, CCOO e UGT, e máis polo novo marco represivo da coñecida como Lei Mordaza.

Nas páxinas centrais, co gallo da conmemoración da vitoria popular no plebiscito da autonomía do 28 de xuño do 36 e máis das proclamacións da República Galega entre o 25 e 27 de xuño do 31, achegámonos á nosa historia con dous artigos do historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel sobre o soberanismo na Galiza republicana e arredor do Consello de Galiza, goberno galego no exilio, constituído por iniciativa de Castelao en 1944.

Na sección de Conceptos, tratamos a cuestión moi actual do chamado precariado e a súa relación coas categorías marxistas de clase e explotación capitalista.

Achegamos tamén un artigo do economista uruguaio Fernando Barbeito, colaborador do semanario El Popular editado polo Partido Comunista do Uruguai. Neste traballo sobre o TISA no marco histórico do imperialismo, explícase cal é a función dos tratados de libre comercio, e especialmente do TISA (tratado internacional de comercio de servizos), no desesperado proceso de tentar recuperar a taxa de lucro polo capital.

Finalmente pechamos este número cun artigo do director da Fundación, Manuel Mera, que nos achega á estratexia de loita e confronto co neoliberalismo en Portugal, da man da principal organización de vangarda da clase obreira portuguesa, o PCP.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |