Caderno: ‘Que se agocha tras a Unión Europea? Unha aproximación crítica’
Publicacións
Os efectos sociais (maior empobrecemento das clases populares) e económicos (desartellamento da base produtiva) en Galiza, no conxunto do Estado e na faixa sur do continente, das políticas de austeridade e recorte en dereitos sociais e laborais impulsadas pola Troika desde unha concepción neoliberal, e de maneira singular os planos de duro axuste impostos pola mesma no marco dos chamados rescates financeiros, poñen en cuestión o denominado proceso de construción europea. De tal maneira que se ten aberto o debate a opcións como a saída da moeda única ou mesmo o abandono da propia Unión Europea, como fórmulas que poden permitir a recuperación (ou conquista) da soberanía política e económica como elemento indispensábel que posibilite un cambio nas políticas contra a crise.
Engádese tamén o plano territorial, na medida en que neste contexto se teñen agravado os desequilibrios entre o centro do continente e a súa periferia, tanto no Leste como -sobre todo- no Sur, cun maior impacto naquelas áreas que padecen relacións de dependencia a respecto dos Estados que integran (caso de Galiza).
Para axudar a dar resposta aos importantes interrogantes que xorden de todo o anterior, entendíase preciso superar antes de máis a opacidade existente arredor do proceso de construción europea, do funcionamento das estruturas e institucións comunitarias, do impacto das decisións que estas toman -en termos sociais, económicos e tamén de soberanía-, do papel da moeda única e do rol que Galiza xoga dentro deste marco.
Con ese propósito elabórase o presente caderno, que nace cunha palpábel vocación divulgadora (tanto nos contidos como no formato), afastada de chaves académicas ou excesivamente teóricas. Pensado como un instrumento que permita ao conxunto do pobo formarse unha idea xeral, con rigor mais tamén cun indisimulado enfoque crítico, de que é o que realmente se agocha tras a Unión Europea.
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza