Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Xosé Ramón, "Moncho", Reboiras - 50 aniversario do seu asasinato (1975-2025)

Novas

A Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo e a Fundación Galiza Sempre veñen de anunciar a creación dunha comisión organizadora de diversas iniciativas en lembranza de Xosé Ramón, "Moncho", Reboiras Noia, con motivo do 50 aniversario do seu asasinato o vindeiro ano 2025.

Elvira Souto e Suso Seixo, portavoces da iniciativa, deron conta en rolda de prensa das actividades que se desenvolverán ao longo do ano 2025, para lembrar e poñer en valor a figura de Moncho Reboiras, militante nacionalista clave para comprender a evolución político-organizativa do nacionalismo galego entre 1969 e 1975.

Reboiras foi crucial na conformación da "Fronte Cultural", que nacería xa por volta de 1973, así como da "Fronte Sindical" e da "Fronte Política", que darían lugar en 1975 ao Sindicato Obreiro Galego (SOG) e á Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), respectivamente.

Segundo se indicou na rolda de prensa, entre as distintas iniciativas que se levarán a cabo por parte da Comisión Organizadora "Moncho Reboiras-50 aniversario do seu asasinato 1975-2025", realizarase unha escultura e un mural conmemorativo, así como a edición dun libro e o desenvolvemento dun acto en Imo (Dodro), convocado polas devanditas tres Fundacións, o 12 de agosto de 2025.

Na rolda de prensa estiveron presentes parte das e dos integrantes do Comité de Honra que se vén de crear, no marco desta iniciativa, con compañeiros e compañeiras de militancia de Moncho Reboiras. Do comité forman parte Elvira Souto Presedo, que actuará de portavoz; Lois Ríos Paredes; Manuel Mera Sánchez; Fernando Souto Ginarte, Xesús Chaves Fandiño, Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Xaquín López Facal, Xaquín Méndez Anta, Xosé Moa Cerdeira, Xosé Manuel Pavón, Lois Diéguez Vázquez, Xesús Sanxoás Formoso, Margarida Ledo Andión, Francisco Lores Santacecilia, Marisa Vázquez Barquero, Alfredo Suárez Canal, Nemesio Barxa, Marisa Canto Reboredo, Xosé Lois Ledo Andión,  Sánchez e Marisol García Juárez.

Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras,  e coportavoz da iniciativa, indicou que o Comité de Honra está aberto a novas incorporacións de persoas que compartiron militancia política con Reboiras.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |