Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Xa na rúa un novo número do Boletín do Arquivo do sindicalismo nacionalista

Publicacións

Mediante esta publicación de carácter divulgativo, a Fundación Moncho Reboiras pretende pór en valor o traballo realizado durante o 2019 no Centro de Documentación da propia central sindical.

Desde a constitución da Fundación Moncho Reboiras por parte da Confederación Intersindical Galega (CIG), unha das encomendas é a xestión do Centro de Documentación da CIG. Esta tarefa supón a recompilación, clasificación, arquivo e, nos últimos anos, o proceso de dixitalización de toda a documentación existente desde os inicios do sindicalismo nacionalista, a principios dos anos 70 do século pasado. Este laborioso traballo de dixitalización abrangue unha vez completada a súa segunda fase máis de 1.400 documentos de todo tipo (cartaces, panfletos, actas, voceiros diversos, etc.).

O compromiso da Fundación Moncho Reboiras é levar adiante este labor con grande rigor, conscientes da responsabilidade que supón recompilar a maior información posíbel, clasificala e pola ao dispor de todas aquelas persoas interesadas en estudar, investigar e divulgar unha parte relevante da historia do sindicalismo galego e do seu movemento obreiro, polo tanto, dun aspecto moi importante do que foi a loita de clases na Galiza nos cincuenta últimos anos.

No presente ano, a Fundación Moncho Reboiras obtivo unha subvención da Deputación da Coruña co obxectivo de recompilar, catalogar e dixitalizar máis de medio milleiro de pezas documentais, Nesta ocasión referidos ao período histórico comprendido entre 1994 e 2005, no que o movemento sindical netamente galego -que emerxera a mediados da década dos ’70- se desenvolve con enorme forza, a partir da súa consolidación na etapa previa, abrindo unha nova etapa histórica de enorme riqueza reivindicativa. Un tempo no que a clase traballadora galega presidiu relevantes mobilizacións ampliando un movemento sindical nacionalista masivo, con presenza en todo o territorio galego, incluso fóra do noso territorio, e onde os conflitos e reivindicacións laborais con epicentro na provincia da Coruña tiveron un papel de especial relevo. Esta nova fase de catalogación e dixitalización do arquivo que administramos, pon en
valor o proceso que deu lugar ao nacemento da Converxencia Intersindical Galega (1994) até o inicio da andaina da Confederación Intersindical Galega (CIG), poñendo luz sobre procesos chave do noso tempo contemporáneo; sen o que non podemos interpretar ponderadamente a realidade actual e o peso do sindicalismo de orientación popular e nacionalista.

 Unha vez rematada está segunda fase de catalogación e que fica dispoñíbel na nosa páxina web, desde a Fundación Moncho Reboiras presentamos esta publicación de carácter divulgativo, baixo o titulo “Boletín do Arquivo do sindicalismo nacionalista”, cunha tiraxe de 1.000 exemplares e o acceso á súa libre descarga.

Boletín do Arquivo do sindicalismo galego, decembro 2019


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |