Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Vixencia do pensamento marxista

Publicacións 200º aniversario caderno Marx marxismo

Co gallo do 200º aniversario de Karl Marx, dende a Fundación Moncho Reboiras queremos con esta publicación, sobre Marx e o marxismo, render homenaxe ao autor d’O Capital, das Teses sobre Feuerbach, da Guerra Civil en Francia, e de tantos outros textos fundamentais para a clase traballadora. Queremos achegar á persoa lectora a vida e pensamento dun filósofo que representa un antes e un despois na loita contra a explotación e opresión.

Karl Marx fixo unha contribución esencial para poderinterpretar a realidade, non só das primeiras etapas do capitalismo industrial, das que foi contemporáneo, senón dos períodos anteriores e posteriores da historia da humanidade. As súas teorizacións contribuíron a forxar o maior proceso revolucionario, a Revolución Rusa, porén ademais son básicas para entendermos o contexto actual. Un período que Samir Amin define como o dun capitalismo senil. Con este fin escolléronse dous documentos, de épocas moi distintas, de autores moi recoñecidos.

O primeiro é un texto o de Claudio Katz, “A relevancia contemporánea de Marx”, no que analiza a vixencia das análises marxistas e dos métodos empregados en relación co momento actual. Reflexiona o autor sobre a transcendencia da Revolución Bolxevique, a puxanza das ideas de Marx e o socialismo nas décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial, e como a caída da URSS abriu un período de reaxer do capital contra o igualitarismo e a clase traballadora. Katz considera que o fracaso da globalización neoliberal como proxecto, por mor das regresións no ámbito laboral e social, e tamén das soberanías nacionais, axuda a unha relectura d’O Capital e a unha redescuberta do proxecto socialista.
O segundo e último texto é o que escribiu Lenin en 1914, polo tanto antes da Revolución Rusa, e que leva por titulo “Karl Marx, breve esbozo biográfico, cunha exposición do marxismo”. Lenin rescata o vencello entre o autor da obra teórica d’O Capital e a práctica política, por exemplo redactando o Manifesto do Partido Comunista para o 2º Congreso da Liga dos Comunistas. Neste aspecto destaca que Marx foi a alma da Organización Internacional do Traballo fundada en Londres en setembro de 1864, sendo autor do primeiro manifesto e dun gran número das súas resolucións. A segunda parte do texto está centrada na doutrina de Marx, no materialismo filosófico, na dialéctica, na concepción materialista da historia, na loita de clases, e na doutrina económica...


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |