Unha folga necesaria e os seus inimigos.
Artigos 29-de-setembro argumentos clase-traballadora crise-sistemica folga-xeral reforma-laboral
Albert Recio Andreu.
A folga é necesaria. Haina que apoiar e tratar de que sexa un éxito. Hai moitas condicións desfavorábeis que xogan na súa contra: a magnitude do desemprego, a enorme desarticulación social, o propio tempo post-vacacional.... Aínda que fose un éxito de mobilización, os seus resultados tanxíbeis van ser posibelmente reducidos.
I. Os sindicatos maioritarios convocan unha folga xeral para o día 29 de setembro. É unha convocatoria xustificada e obrigada. Os sindicatos non poden quedar calados ante unha nova versión do mesmo modelo de reformas laborais que vén aplicándose hai case trinta anos, asociada ademais a drásticos recortes do gasto público que atentan contra dereitos sociais e salarios. Non poden calar tampouco ante unha anunciada reforma das pensións que é un simple eufemismo para rebaixalas. Non pode sorprender, pois, a convocatoria da folga. O que si resulta en cambio incríbel é que o Partit dels Socialistes de Catalunya presente a Celestino Corbacho, o home que dá cara a gran parte deste paquete “contrarreformista” como candidato de peso nas listas electorais ao Parlament de Catalunya. Será que queren asegurarse de que o triunfo da dereita catalá sexa rotundo.
II. Como era de esperar, o paso polo Parlamento aínda introduciu pequenas modificacións á norma que aprobou o Goberno, tendentes a endurecela. É posíbel que algunha das medidas introducidas por ese socio vergoñento do goberno que é o PNV (no sentido de reducir aínda máis o papel dos sindicatos na negociación de cláusulas de descolgue) acabe por caer. Pero o que parece irreversíbel é a introdución dun máximo de trinta días aos parados para que acepten forzosamente a realización de cursos de formación. O tema da formación aos parados é unha destas cuestións que se dan por boas pero que debe ser analizada criticamente.
O de formar os parados baséase en dous supostos non sempre xeneralizábeis. Primeiro, que unha parte dos parados sono porque carecen de formación. O outro, que estamos ante un cambio estrutural da economía que fixo obsoletos os coñecementos de moita xente e convenlles unha reciclaxe para acceder a outro tipo de empregos. Nin todos os parados carecen de cualificación nin sempre teñen que se reciclar. Hai efectivamente actividades afectadas polo cambio técnico ou produtivo (por exemplo parece fóra de dúbida que nos últimos anos a construción experimentou no Estado español un crecemento excesivo), pero noutros casos o desemprego é simplemente o resultado dunha caída de actividade, de xeito que se esta se recupera volverán necesitarse os mesmos coñecementos (isto xa se experimentou no mesmo sector da construción ao final da década dos oitenta). Ou, como ocorre máis habitualmente, é resultado de actividades estacionais. Por exemplo, un bo traballador de hostalería experimenta un ciclo laboral de 8-10 meses segundo o subsector. Non ten sentido entón que este empregado se “recicle” noutras actividades: se os seus coñecementos van ser necesarios dentro de poucos meses, é mellor que se manteña á espera do ciclo estacional.
Aínda que noutros moitos casos a formación ocupacional ten sentido, esta só funciona se está realmente asociada á xeración efectiva de emprego. Unha política de formación ocupacional non ten sentido se non hai perspectivas de creación de emprego en actividades asociadas ao proceso formativo. Tanto por razóns motivacionais ?- frustrante realizar un proceso de formación ocupacional que ao final non ofrece saídas-, como de custo económico -non paga a pena investir fondos simplemente en manter entretida a xente con falsas promesas-, como formativas: a mellor formación ocupacional require sempre de actividade laboral efectiva. Habería xa que logo que esixir aos partidarios da formación aos parados que especificasen, cando menos, de onde esperan que se cre emprego e que mostrasen que as súas propostas formativas teñen unha conexión lóxica con esas perspectivas.
A cuestión non é baladí. Hai bastante evidencia de que nos últimos anos a formación ocupacional foi en moitos casos un gasto inadecuado, posto que non estivo asociada á creación efectiva de emprego nin se centrou acaídamente naquelas esferas máis necesitadas. En gran medida porque a parte de carecer dunha verdadeira perspectiva de creación de emprego tampouco se contou cunha verdadeira organización pública da formación ocupacional. Esta, como outros moitos espazos de intervención social, está dominada por un enguedello de empresas privadas e organizacións sen ánimo de lucro que non sempre teñen a capacidade para desenvolver unha resposta axeitada. É un espazo onde se combinan a miúdo experiencias interesantes, voluntarismo e negocio (non é casual que o ámbito da formación ocupacional constitúa un dos affaires máis escandalosos da Generalitat de Catalunya en tempos de Pujol, cando Unió Democrática de Catalunya utilizou os seus contactos no sector para desviar fondos públicos -caso Pallerols-). Ademais cando os cursos non dan lugar a empregos, ou só xeran empregos a curto prazo, todo o sistema se perverte e ao final en lugar de reciclar parados o que se acaba xerando é un sistema de “cursillistas profesionais” que ven a formación como un trámite obrigado para acceder a prestacións monetarias.
Cando ninguén parece ter perspectivas de onde van xerarse os empregos, nin se realizou unha reflexión minimamente acaída das carencias do sistema de formación profesional, a medida de forzar á formación ten máis de campaña “cultural” que de eficacia económica. Trátase de novo de converter a vítima en culpábel, e ao tempo de encubrir onde están os verdadeiros responsábeis da situación ou os ineptos dirixentes que non saben atopar respostas válidas á creación de emprego. A eficacia da medida non estriba na súa aplicación real (é posíbeis que en moitos casos non poidan ofrecerse cursos ao mes de entrar en desemprego) senón na súa dimensión ideolóxica. Á vista dos que manteñen emprego, ou de xubilados, as persoas desempregadas pasan a ser pedichóns sospeitosos aos que convén atar en curto, e se non atopan emprego é porque non se esforzan en formarse e buscar adecuadamente. Un medio clásico para aumentar a fragmentación social e impedir que unha crise tan obscena acabe por xerar unha resposta social diferente. Ou sexa, que volvo ao principio: aínda que o trámite parlamentario foi breve non fixo senón dar unha nova volta a unha reforma inaceptábel.
III. A medida que se achegue a convocatoria da folga van aumentar as “retóricas da reacción” que tan ben describiu Albert Hirschman. Voces que en lugar de proceder da dereita “inimiga natural” das clases traballadoras van estar especialmente en boca dos políticos e comentaristas ligados ao PSOE.
En especial, vai ouvir que a folga é inútil e contraproducente.
Sobre a base da inutilidade construíse gran parte do discurso desmobilizador fronte aos efectos da globalización. A presentación deste proceso como o resultado do funcionamento natural da economía, de algo inevitábel dado o nivel de desenvolvemento das forzas produtivas, constitúe unha das grandes coartadas que non só permitiu a parte da esquerda política sumarse gustosamente ao carro neoliberal senón que tamén foi un elemento debilitador do potencial da esquerda alternativa. Loitar contra esta percepción é básico para que a folga teña éxito. Pero para facelo hai que tomar a tarefa en serio. Até o de agora a resposta dos sindicatos maioritarios susténtase no éxito de folgas xerais anteriores e na consecución de resultados sustantivos tras as mesmas. Algo que é certo respecto da folga de 1988 (que bloqueou a reforma laboral e abriu paso a medidas de expansión do gasto social en anos sucesivos) e a do 2002 (que forzou a Aznar a tragar con parte da súa reforma do sistema de protección ao desemprego). Pero que non o é para a folga de 1994, que en plena crise económica foi incapaz de parar a reforma laboral. Como tampouco a sucesión de folgas gregas foi capaz de deter o programa de axuste do seu país.
Cada folga xorde nun contexto distinto, económico, social e político. E na actual coincide unha crise sen precedentes cunha enorme debilidade institucional da esquerda e un elevado nivel de debilitamento do tecido organizativo e social das clases e grupos subaltermos. Defender a utilidade da folga só polos seus resultados a curto prazo temo que vai resultar contraproducente: Se queremos superar o argumento da inutilidade haberá que introducir novos elementos, empezando por indicar a necesidade de que esta folga actúe como un potente mecanismo de “voz colectiva” fronte á deriva da crise e convertendo esta mobilización nunha chamada á autoorganización e á participación social.
O segundo argumento dominante terá diferentes versións. A do PSOE, que a folga fai o traballo á dereita (coma se eles non estivesen deixándolle ao PP un terreo baldío de dereitos sociais a custo cero). A da dereita, que as folgas desalentan os investidores (aquí levamos cincuenta anos esperando a Mr. Marshall, chámese Ford, Volkswagen ou agora Chery). Tamén neste caso a única posibilidade de resposta é que queremos realmente un modelo social distinto (e existen na nosa contorna uns cantos países con modelos sociais máis interesantes que a versión mediterránea do modelo anglosaxón, que é o único que son capaces de ofrecer as elites do noso país). Que o que resulta realmente contraproducente para os nosos intereses é proseguir cun modelo que chegou a unha situación de alarmante bloqueo e que se caracterizou por un baixo nivel de dereitos sociais.
A resposta aos “argumentos da reacción” esixen xa que logo respostas estratéxicas, máis aló do inmediatismo da folga e dos resultados a curto prazo.
IV. A folga é necesaria. Haina que apoiar e tratar de que sexa un éxito. Hai moitas condicións desfavorábeis que xogan na súa contra: a magnitude do desemprego, a enorme desarticulación social, o propio tempo post-vacacional.... Aínda que fose un éxito de mobilización, os seus resultados tanxíbeis van ser posibelmente reducidos. Nin o Goberno ten un “plan B” para dar satisfacción a unha folga exitosa, nin existen forzas políticas con capacidade efectiva de forzar un cambio de rumbo. Hai xa que logo que se preparar para un resultado decepcionante. Non para se recrear na propia incapacidade senón para tratar de obter réditos noutros terreos. Coido que dificilmente conseguiremos cambios na dirección económica e laboral a curto prazo e, por iso, que o obxectivo secundario da folga debería ser a apertura de novas perspectivas de acción e organización social, o desenvolvemento dun amplo espazo de intervención orientado a abrir novas perspectivas estratéxicas. Aínda sabedores de que a correlación de forzas é enormemente desfavorábel e que as forzas neoliberais van gañando por goleada.
Non se perde o que non se intenta. Hai que recoñecer que os primeiros que se xogan moito neste envite son os propios sindicatos maioritarios, cuxa propia forza institucional pode verse afectada por un balance negativo da mobilización. É pois tempo de axuntar forzas e tentar que a folga resulte o máis exitosa posíbel. E que esta permita abrir posibilidades a un desenvolvemento diferente do que tivo a crise ata o momento presente.
Artigo tirado de Avantar, o 20/09/2010.
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza