Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

[Monográfico] Un novo Pacto da Moncloa coa patronal e sindicatos pactistas en primeira liña

Artigos 1978 clase-obreira Covid19 pactismo pacto-da-moncloa

O chamado Pacto da Moncloa do 25 de outubro de 1977, volve estar de actualidade co motivo da crise económica e social provocada polo COVID-19. As chamadas por parte do goberno do Estado español coa complicidade da patronal e os sindicatos estatais, procuran emular unha fórmula similar para afrontar a situación actual. Isto obríganos como clase traballadora consciente a profundizar no que significou ese pacto, ligado á consolidación da chamada "transición democrática". Unha transición, que se impedira a ruptura democrática, con todo o que tería significado: república e hexemonía das clases populares, e polo tanto unha clara consolidación dos dereitos sociais e nacionais negados. 

Agora ben, sen dúbida ten diferencias no momento histórico e nas formas, como se verá polo seguinte traballo de análise en profundidade -da autoría de Manuel Mera-, porén no aspecto esencial existe unha importante coincidencia conceptual entre ambos. Concretamente, na cesión que se fai de dereitos conquistados pola clase traballadora (con moito esforzo) aos grupos dominantes.

Acrecentamos ademais o artigo cunha serie de anexos coa vocación de favorecer unha maior profundización na análise sobre o devandito acordo e máis sobre a oposición da clase traballadora galega ao mesmo, que se manifestou por exemplo na xornada de loita convocada polo incipiente sindicalismo nacionalista.

Texto de Manuel Mera Sánchez

Na proposta que fai a coalición de Goberno de “reconstrución” económica, seica para superar os efectos da crise provocada polo Covid-19, quere comprometer a todas as forzas políticas parlamentares. Por suposto tamén incorpora neste pacto a patronal (CEOE e CEPYME), así como as centrais sindicais CCOO e UGT (como complemento ou vía alternativa). Na mensaxe utilízase de xeito reiterado o exemplo dos Pactos da Moncloa.

A primeira pregunta que nos debemos facer sobre este tema sería se o coronavirus é a causa do retroceso tan forte que se prevé do PIB (un 8% este ano) e do aumento do desemprego por riba do 21%? Agora ben, todo indica -como viñan alertando numerosos analistas- que xa hai tempo que estaban maduras as condicións previas para esta crise. Era así, tanto polo auxe da especulación financeira e da débeda soberana, como polo carácter extremo da confrontación entre potencias, o medre da explotación de clase e da opresión das nacións subalternas.

O seguinte aspecto a termos en consideración sería que a referencia ao Pacto da Moncloa non é casual. Non se trataría só de atopar un exemplo que suprimiu as diferenzas entre a esquerda e a dereita, na procura de buscar a complicidade co PP para non depender do bloque de partidos soberanistas de Catalunya e Euskal Herria e tamén da Galiza. Tampouco semella casual, como denuncia o deputado do BNG Néstor Rego nun recente artigo en Nós Diario, que nas reunións cos partidos do Parlamento e nas súas intervencións Sánchez non presentase propostas concretas, mesmo que como mínimo fosen grandes liñas de actuación.

Así mesmo, como acertadamente se pregunta este deputado nacionalista, tampouco se aclara de onde van saír os recursos, ou sexa, se se aumentará a presión fiscal aos que máis teñen: as grandes fortunas. Non é unha cuestión secundaria, máxime cando a Unión Europea non está disposta a facer transferencias senón a conceder créditos que haberá que devolver con condicións extras (co que isto implica de hipoteca do futuro, vexamos a Grecia). Se así fose, máis unha vez será a clase traballadora e os/as autónomos e pequenos empresarios, especialmente os primeiros, os que terán que pagar os custos da “reconstrución” (perda do poder adquisitivo de asalariados/as e pensionistas, privatización e redución de servizos -se cadra coa excepción da sanidade-).

Un novo Pacto da Moncloa implicaría, como engado, algunha medida a prol dos sectores máis marxinados. Porén entre as contrapartidas con seguridade estaría, máis unha vez, ademais dunha maior explotación da clase traballadora, a conxelación do proceso autonómico e que as intervencións das competencias por parte do Estado sexan algo normal. Non esquezamos que a propia dinámica globalizadora e neoliberal da UE foi baleirando de contido os estatutos (transferencias a Bruxelas, Lei de Unidade de Mercado, etc)

Todo fai pensar que un pacto de PSOE-UP co PP é moi difícil neste intre, daquela que o Goberno manteña aberta a vía de asinalo en principio coas organizacións empresariais e o sindicalismo pactista (e outras organizacións sociais?...) e trasladado logo a ámbitos como as autonomías e as cidades. Incorpora esta última opción aos pactos coa evidente intención de abrir fendas na dereita e atraer o soberanismo de centrodereita, porén tamén para premer dende dentro ás nacionalidades e autonomías. Conta con que nas urbes exista unha actitude menos ligada ao territorio por efecto da hexemonía no ideolóxico da globalización neoliberal, que non obviemos aínda mantén unha importante incidencia no imaxinario colectivo. Polo tanto, nos obxectivos sería un novo Pacto da Moncloa, e nas formas respondería á realidade política e social deste intre. Non se debería esquecer que, con todas as consecuencias negativas que implicou o pacto político e social de 1977, tamén permitiu contrastar alternativas e que o nacionalismo galego, tanto no eido sindical como político, se convertese en referencia de amplos sectores sociais.

Por último, é ben lembrar que este pacto político e social se vai realizar nun contexto no que os dereitos sindicais están confinados, xa que co argumento de manter o distanciamento para evitar a propagación do virus se aplicou o estado de sitio sobre as reunións e mobilizacións sindicais, sen ofrecer ningún tipo de alternativa para poder manifestar as reivindicacións laborais e sociais, dándose o paradoxo de que un cento de persoas pode traballar nunha nave ou concentrarse para aplaudir o esforzo inxente do persoal sanitario (que o merece), e non pode xuntarse mantendo as distancias de seguridade para criticar a falta de medios de protección, abusos da patronal ou para apoiar propostas alternativas. O Goberno central e mais a Xunta de Galiza teñen a obriga de ofrecer vías alternativas para a defensa dos intereses da clase traballadora; non se pode secuestrar ou limitar un dereito democrático tan básico como o de expresión utilizando a escusa do coronavirus. A loita contra a Covid-19 e a defensa dos dereitos laborais son compatíbeis se hai vontade, a menos que se pretenda diminuír a capacidade de resposta da clase traballadora para que pague a maior parte dos custos da crise.

Pacto da Moncloa: a clase obreira traizoada

O 25 de outubro de 1977, os principais partidos políticos do Estado español (tanto de ámbito estatal: UCD, AP, PSOE e PCE; como autonómico: PNV e CiU) asinaron os Pactos da Moncloa. Este acordo implicou un freo no proceso de transformación democrática do Estado, xa que pretendía a homologación co capitalismo europeo, era a antesala da entrada na OTAN e na UE. E polo tanto, para que así fose, ademais do ámbito político tamén debía condicionar a actitude das centrais sindicais, e até tal punto o fixo que significou un antes e un despois para o movemento obreiro. A escusa para este pacto social, que implicaba unha perda por parte dos salarios do poder adquisitivo era a difícil situación económica (real) e unha posíbel involución por mor dun golpe de estado (especulación). O xurista español Carlos Palomeque caracteriza este acordo como “a primeira e transcendental manifestación da concertación social en plena transición política non exenta, claro está, de importantes repercusións económicas e sociais.” .

O contexto económico e social

Entre o ano 1973 e 1981 a economía do Estado español medrou unha media do 2,23% e a de Galiza un 3,63%, e o crecemento do sector industrial foi para o noso país dun 3,84% neste período. Aínda que a renda galega só representaba o 5,55% en 1973 do total do Estado español e o 5,9% no ano 1981, no ano 2018 representaba só o 5,2% (non se pode dicir que nos vai tan ben, despois de décadas de goberno do PP e dunha autonomía que non evita o carácter subalterno de Galiza). A finais de 1976 a poboación do Estado español era de 36.448.481 habitantes e da Galiza de 2.763.137, ou sexa superior á de hoxe en cantidade e moito maior en porcentaxe, xa que daquela era do 7,58% e hoxe representa só 5,72%. Polo tanto o peso económico e demográfico do noso país no Estado español era maior naquel intre que o que temos agora. E por último, cómpre indicar que a estrutura da poboación ocupada mudou moito, mesmo collendo datos de 1981. A taxa de paro era do 6%, había 1.056.000 persoas ocupadas, das que 435.000 estaban no agro e pesca, 165.000l na industria, 100.000 na construción e 355.000 nos servizos. Os asalariados/as eran 499.215, pouco menos da metade, e a participación do PIB era do 62%; no 2017 representaba o 43,8% (pactos sociais, globalización neoliberal...).

Outro aspecto a termos en consideración é que naquel momento histórico o movemento obreiro tiña acadado a máxima capacidade mobilizadora a prol dun proxecto estratéxico propio. Ademais conquistara un enorme prestixio, acumulado durante dúas décadas como forza de vangarda na loita pola mellora nas condicións laborais e a prol dos dereitos democráticos. Non era pouca cousa, especialmente cando a dereita estaba dividida e unha boa parte dela intentando situarse dentro do novo panorama, e a patronal (moi ligada toda ela á ditadura) procuraba salvar os seus intereses económicos da queima, ou sexa, cada quen pechado na súa empresa. Todo indicaba que había condicións para seguir avanzando nas conquistas sociais e nos dereitos das nacións asoballadas (Galiza, Catalunya e Euskal Herria). Neste contexto o Pacto da Moncloa abriulle ao capital unha porta que aproveitaría para recuperar o poder político e parte do prestixio social perdidos.

O acordo coincidiu no tempo na Galiza co debate sobre a autonomía, ou para sermos máis precisos, sobre o proceso preautonómico. Lembremos as manifestacións masivas a prol da autonomía do 4 de decembro de 1977 en todas as cidades galegas, e a oposición do movemento nacional-popular galego a un proceso de descentralización autonómica, xa que se mantiña firme na esixencia dunha ruptura democrática e na loita a prol da soberanía. Convén saber ademais que a UPG e a AN-PG non conseguiran a esta altura aínda súa legalización (aínda que si o PCE).

Contido do Pacto

O Ministerio de Economía daba os seguintes argumentos para o pacto : situación económica grave; crise que se arrastra desde hai catro anos; non se transmitiron totalmente aos aumentos de prezos o incremento da enerxía; maior déficit comercial; forte aumento dos empréstitos exteriores; a inflación repercútese anticipadamente aos prezos; pensionistas e asalariados os máis prexudicados pola inflación; queda da taxa de investimento; forte aumento dos prezos. Diante desta situación propuña tres alternativas: non adoptar medidas que deterioren a situación; rebaixar drasticamente a capacidade adquisitiva dos salarios; plan de saneamento e reforma económica. Esta última proposta estaría integrada por: manter a capacidade dos salarios, reforma do sistema produtivo e a mellora o nivel dos servizos públicos.

Véxanse as contradicións nos argumentos; por unha banda, fala de rebaixar drasticamente os salarios, e pola outra, de manter o poder adquisitivo destes. Aínda que nun caso se refire ao curto prazo e no outro ao medio e longo, resulta evidente que non funcionou deste xeito, xa que o primeiro o inmediato condiciona o posterior.

No mesmo documento o Ministerio de Economía (ou sexa, o goberno de Suárez) avaliaba deste xeito o que representaban os Pactos da Moncloa: consolidación da democracia no marco do sistema económico de mercado; negociación coas principais forzas políticas; consenso maioritario expresado na resolución aprobada no Parlamento; o plan permitiría un reparto equitativo da crise.

O Goberno ademais manifestaba a súa preocupación polo aumento dos salarios por riba do IPC, xa que dicía “estes medran nos últimos cinco anos a un ritmo do 5,1% mentres que en Francia o aumento fora do 4,1%, en Alemaña do 2,7% e no Reino Unido do 1,9%”.

O Plan, que é voluntario para o sector privado e obrigatorio para o público, limita os aumentos salariais ao 22% da masa salarial bruta da empresa no ano 1978, reservando un 2% para ascensos e antigüidades, xa que (engade) “aumentos superiores poden provocar consecuentemente reducións dos cadro de persoal. Debido a que por unha banda as dificultades polas que atravesan moitas empresas fai difícil que mesmo poidan aplicar este tope, por iso a posibilidade legal que lles dá o pacto para poder despedir é dun 5% do cadro de persoal.” O acordo ademais incluía un punto polo que se pasaba a facer o cálculo do IPC nos convenios tomando a inflación esperada, e non a padecida no último ano, como era habitual até ese intre.

O Executivo facía a seguinte avaliación sobre as contribucións do pacto. Para os/as asalariados/as: construción de 700.000 prazas escolares; loita contra a especulación e construción de vivendas para os máis necesitados; incremento das pensións e das dotacións para os/as parados/as. As contrapartidas para os empresarios/as eran as seguintes: distribución equitativa do crédito; custos rebaixados para a Seguridade Social en 1978. Acordábase, así mesmo, flexibilizar o sistema laboral, a través de mecanismos de contratación temporal.

No documento había outros temas de interese, como os de orde pública e reorganización das forzas de seguridade. Nestes aspectos dábase unha de cal e outra de area, xa que por unha banda se depuraban aspectos non democráticos, e ao mesmo tempo outorgábase maior capacidade sancionadora e de protección xurídica ás forzas de seguridade. Para facer un seguimento do cumprimento dos pactos creábase unha comisión.

Actitude das forzas políticas e sindicais

Os asinantes do pacto foron Adolfo Suárez en nome do Goberno, Leopoldo Calvo Sotelo (pola UCD), Felipe González (polo Partido Socialista Obrero Español), Santiago Carrillo (polo Partido Comunista de España), Manuel Fraga (por Alianza Popular), Enrique Tierno Galván (polo Partido Socialista Popular), Josep María Triginer (polo Partido Socialista de Catalunya), Joan Reventós (por Convergencia Socialista de Catalunya), Juan Ajuriaguerra (polo Partido Nacionalista Vasco) e Miquel Roca (por Convergència i Unió). Manuel Fraga non asinou o acordo político e si o económico . O documento base foi redactado por Enrique Fuentes Quintana. Ficaría á marxe o nacionalismo máis combativo, aquel que continuaba pulando pola ruptura democrática en Euskal Herria, Catalunya e Galiza, así como as organizacións estatais á esquerda do PCE (como o MC (Movimiento Comunista) e o PT (Partido del Trabajo)).
A escusa utilizada desde o PCE para asinar o pacto sería fundamentalmente a de evitar un recuar nos dereitos políticos e sociais, dando azos no imaxinario da militancia á miraxe do golpe militar, aproveitando a actividade dos grupos ultras moi activos daquela, para facer críbel esta hipótese. Lembremos os resultados das eleccións ás Cortes de xuño de 1977: UCD 166 deputados/as; PSOE 118 deputados/as; PCE 20 escanos; AP 16 escanos; PDC (cataláns) 11 deputados/as; PNV 8 deputados/as; resto, 11 escanos.

O nacionalismo galego opúxose, tanto porque naquel intre o sindicalismo nacionalista tiña moito peso político, mesmo orgánico, como porque a ruptura seguía sendo unha consigna presente, aínda que a recente ruptura do POG (Partido Obreiro Galego) xa facía formulacións cunha aceptación dun posíbel marco estatutario. A Unión do Povo Galego (UPG) afirmaba: “O pacto da Moncloa significa en realidade todo un programa de medidas económicas, políticas e laborais que supoñen a máis clara manipulación dos intereses obreiros, e mesmo unha violación dos acordos anteriormente conqueridos, con moito esforzo” .

O día 16 de outubro tamén saía nos xornais o pronunciamento contra o pacto do MC “porque representa un grave prexuízo para os intereses dos traballadores, favorecendo unicamente as particulares aspiracións políticas dos partidos asinantes”. Pola súa banda o PT propuña a finais de outubro en Compostela un plan económico galego de urxencia como resposta ao Pacto da Moncloa.

O comportamento no eido laboral

Daquela Comisións Obreiras era a central sindical hexemónica, mentres que a UGT en moitos lugares, como Galiza, aínda que non tivera ningunha presenza durante os anos de loita contra o franquismo, comezaba a dar seus primeiros pasos con moito apoio dos medios e bastantes recursos económicos. En CCOO os comunistas do PCE eran a forza maioritaria, mais había importantes minorías de esquerda no sindicato, malia que daquela xa se dera a escisión do Sindicato Unitario (ORT, Organización Revolucionaria de los Trabajadores) e a Central Unitaria de los Trabajadores (PT, Partido del Trabajo).

Nun primeiro intre existía rexeitamento ou cando menos moita desconfianza respecto do pacto en practicamente todas as centrais sindicais. Concretamente o 10 de outubro tanto CCOO, UGT e USO manifestaban o seguinte:
Chaves (UGT, e que foi logo presidente da Junta de Andalucía): “estamos preocupados pola inaudita actuación do Goberno no terreo sindical”, e engadía quen non se trataba dun pacto social.
Ariza (CCOO): “cómpre esixir ao Goberno que negocie paralelamente e non despois coas centrais”. As Sociedades Agrarias, próximas ao PCE, hoxe desaparecidas, afirmaban que o Pacto da Moncloa era dunha gran importancia para o campo.
Aquilino Zapata, de USO, dicía nun comunicado “que a situación do país necesita urxentemente estabilizar o proceso democrático e isto fai necesario camiños como os percorridos polo Pacto da Moncloa, porén avaliamos negativamente a falla de concreción.”

Dentro de CCOO continuarían os pronunciamentos das seccións sindicais en contra, malia que a cúpula e estrutura maioritaria da central seguiu rixidamente as decisións do Partido Comunista e fixo de ardente valedora e defensora dos acordos. Na UGT as directrices tardaron máis en chegar e tamén en facerse cumprir. Razón pola que este sindicato participaba dunha manifestación en Lugo o 29 de outubro, sábado, contra o Pacto da Moncloa. A mobilización estaba convocada polo SOG (ING), CSUT, USO e UGT, e a ela asistiron unhas 500 persoas.

Previamente a esta mobilización, o día 15 de outubro, aparecía nos xornais o rexeitamento do Pacto da Moncloa pola ING (era a primeira organización que se opuña); ese mesmo día facían tamén un pronunciamento os traballadores de Vulcano. A ING avaliaba así o acordo: “non podemos aceptar o pacto social… nós como central antimonopolista e anticolonial denunciamos abertamente o Pacto Social da Moncloa.” .

O debate chegou con forza ás empresas, e despois dun primeiro mes cunha certa confusión, apareceron dous bandos opostos con toda claridade: CCOO e UGT a defender o pacto, e polo tanto o límite salarial nos convenios, e o resto das centrais sindicais a intentar superalos. Ademais da confrontación político-sindical na negociación colectiva había outra propagandística e de mobilización na rúa. Neste eido a ING foi moi activa, co apoio de todas as ponlas do nacionalismo, e mesmo de forzas de ámbito estatal que refugaban o pacto. Fixéronse charlas nas comarcas, actos e manifestacións.

A primeira mobilización contra o pacto realizada na Galiza foi, como xa se dixo, a do 29 de outubro en Lugo, á que acudiron unhas 500 persoas (Eixo), e que sería convocada pola ING, UGT, USO e CSUT. O 11 de novembro realizouse unha manifestación en Vigo, convocada neste caso polo SOG (ING), USO e a CNT. O 25 do mesmo mes faríase unha marcha en Marín, neste caso o chamamento era só de ING e USO, á que asistiron unhas mil persoas (Eixo). O 2 de decembro facíase un mitin en Ourense convocado pola ING ao que acudiron 500 persoas (Eixo nº 14). Neste último caso optouse por este tipo de acto porque o gobernador civil prohibiu por dúas veces a manifestación solicitada pola central nacionalista, “xa que os obreiros non podían estar todos os días na rúa pedindo cousas… porque unha manifestación contra o Pacto podería alterar a orde pública”. Agora ben, sería a xornada de loita do 27 de xaneiro a acción máis contundente que se faría desde o nacionalismo popular contra o acordo.

Lembro ao lector/a que a ING fixera o seu 1º Congreso moi pouco antes de ser asinado o Pacto da Moncloa, concretamente os días 8 e 9 de outubro, na residencia de tempo libre de Patos, no concello de Nigrán, co lema “Por unha Galiza Ceibe e sen explotación”. Os textos afirmaban: “a ING nace co fin de unir os sindicatos nacionais galegos que loitan pola emancipación total de Galiza”. Neste Congreso elixiuse un secretariado composto deste xeito: Francisco García Montes (secretario xeral); Xenoveva Ferreiro e Eladio Pérez (subsecretarios); Lois Ríos Paredes (organización); Alfredo Suárez Canal (prensa); Xosé Ramón García Loureiro (propaganda); Manuel Fernández Rodríguez (exterior); Fernando Acuña Rúa (finanzas); Xosé Manuel Fernández Vázquez (infraestrutura) e Xan Carballo Rodríguez (emigración).

Xornada de loita contra o pacto

Cómpre salientarmos, pola súa importancia histórica, a xornada de loita do 27 de xaneiro de 1978 contra o Pacto da Moncloa. A iniciativa xurdiu do SOG (ING) e tivo unha importante repercusión entre os traballadores/as, tamén nos medios, e ademais daría un importante pulo ao nacionalismo galego. Foi unha convocatoria conxunta da ING e das CC.LL, e contou co apoio activo de ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) e da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega). Para alén de que os sectores convocados á folga pararan ou non masivamente (que non foi o caso), o certo é que foron xornadas nas que se tensou a sociedade, moi especialmente no eido laboral, polo que foron un éxito. Xerouse debate, polémica, e isto fixo do nacionalismo unha referencia moito maior que a que lle correspondía daquela polo seu peso numérico, mesmo superando a forzas cunha longa historia de loita contra a ditadura, como o PCE e CCOO, e que ademais tiñan moitísima máis militancia organizada.

Non podemos illar estas xornadas das grandes mobilizacións agrarias ou ecolóxicas, que se deron naquel intre, como as das Encrobas, Baldaio e Xove, ou a tractorada e concentración no pavillón de Deportes de Lugo contra a cota empresarial agraria (lembremos que foi o 26 de novembro e asistiron unhas 15.000 persoas), ou as protestas que decote había no eido laboral e estudantil. Había unha retroalimentación. Porén, cómpre lembrar, que mesmo existindo este contexto favorábel se non houbese atrevemento de pouco valería, e daquela hóuboo a esgalla (anotemos isto xa que ten a súa importancia).

Nun panfleto a ING convocaba cos seguintes argumentos: “compañeiros, o Goberno, os patróns e as centrais sindicais CCOO e UGT puxéronse de acordo e esfórzanse por desviar a nosa atención no momento de aplicar os acordos da Moncloa, e así, xusto cando temos que cobrar a primeira paga á que se lle vai aplicar o pacto. Cando cobremos a de xaneiro tratarán de ternos ocupados coas eleccións. Por iso, ademais de preocupármonos polas eleccións sindicais debemos defender debidamente os nosos intereses”.

Nunha rolda de prensa realizada o 24 de xaneiro dábanse máis datos verbo da convocatoria da xornada de loita, “que consistía fundamentalmente na realización de paros, asembleas e concentracións de traballadores nos centros de traballo e en puntos das cidades máis importantes… con respecto ao agro a convocatoria foi feita por Comisións Labregas (Sindicato Labrego Galego) e faranse mobilizacións no Baixo Miño, no que se refire á provincia de Pontevedra.”

Non foron poucos os atrancos que se lle puxeron á convocatoria, ademais dos derivados da limitada implantación que tiña daquela o nacionalismo, aínda que contase cunha militancia moi activa e teimosa e espallada por todo o país, e sobre todo na mocidade. CCOO opúxose frontalmente, mesmo mediante panfletos, desconvocando a xornada. Nun panfleto espallado por esta central reafirmaban o seu apoio ao Pacto da Moncloa: “chamamos a todo o pobo de Lugo a non caer na actitude irresponsábel da ING e iso faise non participando na Xornada de Loita que teñen convocada para o día 27.” A actitude do goberno ficaría ao descuberto nas 15 detencións realizadas, en impedir coa policía a mobilización de Vigo, así como de que os gobernos civís de Ourense e Pontevedra prohibiran todos os actos públicos relacionados coa Xornada de Loita.

La Voz de Galicia adicaba ao día seguinte dúas páxinas á xornada de loita, o que amosa a importancia cando menos axitativa, e destacaba que a policía impediu a manifestación en Vigo, así como unha marcha en Lugo (con presenza de ING e as CCLL), e que se fixeron asembleas e concentracións en Ourense, etc. A policía realizou 15 detencións na Coruña, Ourense, Chantada, Monforte e Compostela. Pola súa banda El Pueblo Gallego titulaba: “Na xornada de loita promovida pola ING, paros e asembleas en numerosas empresas e centros de ensino”. E engadía baixo o subtítulo de “Manifestación baixo a chuvia” o seguinte:
“Uns trescentos manifestantes segundo versións non oficiais e de setecentos a oitocentos segundo estimacións da ING concentráronse a partir das oito de onte e durante pouco máis de vinte minutos en varias zonas do centro de Vigo, entre República Arxentina, José Antonio, Vázquez Varela e Vía Norte.
As dotacións de autobuses e jeeps das FOP situáronse en puntos estratéxicos impedindo a reunión de grupos de persoas –ollábanse tamén presentes numerosas mulleres mozas- primeiro na praza de Portugal e posteriormente nos cruces de José Antonio con Vázquez Varela, Lepanto e Vía Norte.
De calquera xeito, tivo lugar un “salto” á altura do scalextric que foi disolvido por dotacións de varios jeeps. A teimosa chuvia que caeu durante todo o serán e a noite non daba para máis. Ademais as manifestacións na rúa non foran autorizadas polo Goberno civil.”

A Nosa Terra, que saíra por vez primeira do prelo un mes antes, despois do longo exilio na Arxentina, dicía verbo da xornada de loita:
“Allariz, Arcade, A Coruña, As Pontes, Arzúa, A Póboa, Carballo, Cangas, Cee, Cambados, O Carballiño, Chantada, Lugo, Monforte, Moaña, Muimenta, Mugardos, Negreira, Noia, Ferrol, Ourense, Ordes, Pontecaldelas, O Porriño, Pontevedra, Portomarín, Quiroga, Rianxo, Ribeira, Barreiros, Sarria, Compostela, Vilalba, Viveiro, Vigo, Xinzo de Limia, parroquias de Terrachá, Bergantiños, O Ribeiro, e a bisbarra de Pontevedra… Nestas vilas e cidades galegas expresáronse as diferentes maneiras de participación, por parte de clases e sectores sociais diversos contra o Pacto da Moncloa, que os sindicatos nacionalistas Intersindical Nacional Galega (ING), e as Comisións Labregas, CCLL (hoxe, Sindicato Labrego Galego), decidiran para o venres 27 de xaneiro.”

 

O semanario galeguista engadía na información: “cando estaban a punto de cumprirse 70 horas dende a detención, un membro dos piquetes informativos de Monforte seguía no Depósito Municipal, tamén foron detidos outros tres traballadores que participaron da xornada de loita do 27. Estiveron no calabozo cun orzamento de 72 pesetas para comer todo o día.”. E por último salientaba “Que central sindical, con todo en contra, une a un país de norte a sur a través de 50 localidades e de centos de fábricas e lugares de estudo?... desta primeira mobilización nacional todos nós levamos moito aprendido”.

A ING no seu voceiro, o Eixo, non quedaba curta nas críticas que facía a CCOO e UGT, de tal xeito que destacaba en portada “Xornada de loita, contra o goberno, a patronal e as centrais reformistas, 30.000 traballadores contra o Pacto”. O éxito da convocatoria alentou para que a ING chamase o 27 de xuño a unha nova Xornada de Loita, neste caso “En defensa do posto de traballo” (por mor dos moitos peches de empresas e regulacións de persoal).

Para que o lector teña unha maior información de primeira man engadimos anexo a este artigo o que sobre esta xornada publicou ao día seguinte La Voz de Galicia e días despois o Eixo, voceiro da ING, así como o panfleto empregado para convocatoria.

As consecuencias laborais e políticas

O Pacto social foi o centro do debate entre as centrais nas primeiras eleccións sindicais celebradas con liberdade, nos primeiros meses de 1978 . O cartaz da ING ía ao miolo, “Non ao pacto social da Moncloa”, como única consigna. Non incidiron tanto como para dar un cambio radical na correlación de forzas, porén consolidou a ING como terceira organización sindical. Foi deste xeito cando menos por tres razóns:


a) CCOO era unha central sindical con anos de loita ás súas costas; había polo tanto unha gran dose de confianza en sectores moi amplos da clase traballadora das grandes empresas.
b) Xerouse un escenario no que se temía unha involución, as liberdades conquistadas esixiran moitos sacrificios ao movemento obreiro, e non se querían perder mesmo que implicase algunhas cesións.
c) Non deu tempo a ver os resultados, tanto do Pacto, como de que o golpe militar xa non tiña posibilidades reais no marco europeo do momento, e como consecuencia da división que existía dentro do que fora a cúpula do réxime.

Que CCOO e UGT se pregasen ao asinado polos seus partidos de referencia tivo un gran efecto na negociación colectiva. Por este motivo A Nosa Terra de xaneiro de 1978 titulaba nunha nota: “18 días de conflito na construción, o Pacto da Moncloa como fondo”. Nela podemos ler: “Para facer presión diante das negociacións, o mesmo día 10, en que a folga era completa en toda a provincia, as centrais CSUT, ING, CNT e CCOO convocaron aos traballadores da construción de Vigo no campo de fútbol de Coia para seren informados da marcha do conflito, de aló saíron en manifestación até a Delegación de Traballo, onde unha comisión subiu a se entrevistar co delegado, mentres os traballadores concentrados na rúa berraban: Non ao Pacto da Moncloa! Traballo si, palabras non!”.

Outro convenio no que o Pacto tivo moita incidencia foi o do metal da provincia de Pontevedra, dando lugar a que CCOO e UGT constituísen unha comisión negociadora diferente a elixida pola asemblea de traballadores, contrapondo aos delegados/as cos operarios máis activos, negando deste xeito a prevalencia que até entón tivera a asemblea para todas as centrais sindicais (agás a UGT).

O cuestionamento do asemblearismo por parte da primeira e segunda central sindical tería consecuencias sobre a participación e protagonismo da clase obreira; do que era unha norma xeral faríase co tempo unha excepción. Isto acabaría por pórlle máis atrancos á capacidade mobilizadora nos convenios de sector e era outro elemento de confrontación sindical. Aínda que sería no metal de Pontevedra onde se mantivo até o presente a asemblea dun xeito máis xenuíno, o que sen dúbida ten moito que ver coa forza que no sector colleu axiña o sindicalismo nacionalista.

Así mesmo, dado que a polémica foi moi intensa, cada vez máis os partidos políticos asinantes e os sindicatos defensores do pacto social, que ían perdendo argumentos, recorreron acotío a declaracións que avalaban as teses do poder ou a parte esencial delas (os criterios macroeconómicos, a saúde das empresas, a competitividade, etc) fronte aos sindicatos que defendían a necesidade de mudanzas radicais redistributivas e que deran o poder real ás clases populares. Porén esencialmente utilizouse (e aínda se fai moito) o razoamento de que a correlación de forzas era negativa, que había que esperar tempos mellores, que se trataba dun recuar táctico, etc. En realidade eran mensaxes que sementaban no imaxinario colectivo a aceptación do marco institucional e social existente, e que foron incidindo na conciencia colectiva. Esta combinación de derrotismo, culpar a sociedade da imposibilidade de cambio e mais a asunción das teses do capital, foron desarmando a clase obreira e erosionando a unha gran parte da súa vangarda.

As clases hexemónicas deste xeito recuperaban azos e saían da difícil situación na que ficaban desde a queda da ditadura. Moitos dirixentes e militantes abrazaron estas teses da socialdemocracia europea definitivamente (que eran comúns coas da dereita na defensa do capitalismo). O mesmo pasou con moitos simpatizantes; outros diante da deriva fóronse afastando para procurar alternativas máis coherentes ou sinxelamente abandonaron a militancia e o activismo.

O triunfo destas teses na dirección de CCOO reflectiuse posteriormente nos sucesivos pactos que se foron realizando, marcando un xiro nas relacións entre a clase obreira e a patronal nas que o consenso (sobre o modelo capitalista) constituirían as bases de partida. Por isto o Pacto da Moncloa é para o capital un exemplo que se divulga e ofrece como modelo alí onde a ruptura pon en perigo os privilexios da burguesía, e serviulle como aval a longa loita contra a ditadura así como o prestixio adquirido por CCOO e o PCE durante este período. Tanto lle valeu que aínda hoxe funciona como referencia no exterior, entre aqueles menos informados ou gobernos e forzas que queren frear a conflitividade laboral e o avance da clase traballadora.

Este recuar de CCOO foi un dos motivos que fixo que a UGT conseguise igual número de delegados/as en 1980 e se convertese na primeira central nas eleccións sindicais de 1982. Despois de todo a UGT amosaba a coherencia da súa socialdemocracia europeísta, pactista, dun “socialismo” baseado na concertación de mellores servizos públicos, e uns dereitos individuais consensuados, ante o temor da patronal ao socialismo (da URSS e os movementos de liberación nacional), máis sen ningunha promesa e intención de cambio radical e de mudanzas nas estruturas de poder . Ademais, sempre é mellor o orixinal que a copia, especialmente se é feita sobre un papel previamente usado.

O sindicalismo nacionalista aproveitou estas incoherencias, atraendo sectores da base que non entendían ou compartían o xiro da dirección de CC.OO. Isto foi evidente, por exemplo, nun convenio como o do metal de menos de cen da provincia de Pontevedra en 1978, e posteriormente nos acordos da Castellana que afectaban ao sector naval galego. É un feito contrastábel (e moi comentado durante aqueles anos) que a ING recollía pola esquerda e engordaba deste xeito o nacionalismo soberanista, facendo na práctica, e polo tanto na teoría, que os intereses de clase e nación fosen sinónimos na Galiza. Nun editorial do Eixo facíase a seguinte análise do papel do sindicalismo nacionalista na loita contra este pacto:

“É pois a presenza da nosa central no campo sindical galego o que evitou que o sindicalismo español se estabilizase na nosa Terra, que as manobras do capital monopolista contra a clase traballadora, vida na maioría dos casos da man das centrais españolas, puidesen tomar carta de legalidade. Así, o ataque levado a cabo pola ING contra o Pacto da Moncloa foi unha peza fundamental que nos deu prestixio diante a clase traballadora galega, da mesma maneira que a loita contra os acordos marco sobre o sector naval, as loitas por conseguir convenios xustos, ou pola defensa do posto de traballo, por poñer algúns exemplos. En todas elas, independentemente dos resultados económicos ou sociais conseguidos, a clarificación do papel que xogaban as centrais españolas e a intención do capitalismo imperialista foron sistematicamente denunciadas e desenmascaradas. Ao mesmo tempo, por vez primeira, a clase traballadora galega tivo consciencia e capacidade mobilizadora; e a oposición ao capitalismo colonial e ao seu instrumento, o Goberno, como culpábeis da situación na que se atopa a nosa Terra, quedaron patentes nas xornadas de loita”.

Agora ben, de pouco tería servido unha actitude máis radical fronte ao sistema se o tempo non amosara que este Pacto era ruín para clase obreira e para o país. De feito non fixo falla moito tempo para que se visen os resultados regresivos, e non só en convenios moi concretos. No mes de outubro de 1978, un ano despois de asinado o acordo, a equipa de Fuentes Quintana (persoa que tivo un papel importante no acordo) recoñecía en Vigo que o Pacto da Moncloa non se cumprira en materia de Seguridade Social, vivenda e urbanismo” . En novembro de 1978, varias centrais sindicais do ensino (FETE-UGT, CCOO, CSUT, SGTE, USO, UCSTE) da provincia de Pontevedra tamén denunciaban o incumprimento do Pacto da Moncloa no relativo a este sector .

 

Moitos anos despois, e coa perspectiva que dá o tempo, Enrique Fuentes Quintana, dicía nunha entrevista que “o máis importante do pacto foi convencer o país de pagar impostos”. Pola súa banda Julio Anguita, ex coordinador de Izquierda Unida facía sobre o tema a seguinte reflexión : “A Transición foi nin máis nin menos que filla dunha correlación de forzas, aínda que tamén de que a esquerda quería ser legalizada, quería ser normal. Se non fose así tería seguido a ditadura, adóitase dicir. Pois non, os poderes económicos, que son os que mandan, sabían que non podían seguir cunha ditadura de cara a entrar na Unión Europea, a CEE daquela. Tíñano clarísimo. Mais iso non se quixo ver, non se puido ou non se soubo… Coido que cometemos un erro, aínda que iso se puido corrixir cando os pactos da Moncloa. Eses pactos foron o segundo erro que tivemos, porque cando non se cumpriron, que foi axiña, tiñamos que ter saído á rúa, mobilizarnos, e non o fixemos”.

No limiar do libro Miniwatt, Philips, La memoria obrera, Pedro Montes realiza o seguinte comentario que resume moi ben a importancia do Pacto da Moncloa e as súas consecuencias, vistas desde aqueles que participaron nel desde dentro do sindicalismo español:

“Hai poucas dúbidas de que o asinamento en outubro de 1977 do Pacto da Moncloa por parte de todos os partidos parlamentares representa un punto de inflexión na traxectoria do sindicalismo no noso país. Resolta a transición política a prol das clases e sectores que sostiveron o franquismo, o seguinte obxectivo da burguesía foi impoñer a política económica e social que conviña aos seus intereses históricos, xusto nuns intres moi complicados. Por unha banda, o capitalismo estaba sumido nunha crise xeneralizada que atinxiu con particular crueza á economía española… por outro lado, a forza reivindicativa do Movemento Obreiro era enorme, entre outros motivos, polo alto grao de mobilización social que se alcanzou na loita final contra a Ditadura.
Antes do asinamento do pacto, os sindicatos -nomeadamente CCOO- mantiveron unha actitude combativa… tras o asinamento, a tarefa prioritaria das direccións sindicais foi convencer os traballadores do necesario da política adoptada, que chocaba frontalmente contra os intereses e os obxectivos (dos traballadores) polos que pouco antes se lles reclamaba mobilizarse. Desde o punto de vista orgánico, os sindicatos saíron perdendo tras o drástico xiro político en Democracia. Perderon tamén en participación… deste xeito unha caste burocrática sen moito pudor se foi apropiando co paso do tempo do patrimonio colectivo que a organización obreira representaba…”.

Como resumo final

Os malos resultados do Pacto da Moncloa están claros, na opinión mesmo dos que o avalaban ou apoiaron no seu intre. Outro tanto debemos manifestar a respecto de todos os pactos sociais que se fixeron posteriormente (AMI, ANE, AI, AES, etc). Todos estes acordos, paso a paso, foron abrindo camiño á desregulación laboral e a que a clase obreira fose perdendo unha parte importante do que gañara na dura loita contra a ditadura. Lembremos en Galiza, por exemplo, como antecedentes a non esquecer, as folgas de marzo e setembro de 1972, e tamén resistencias labregas como as de Castrelo de Miño ou Mazaricos, e protestas estudantís como as de 1968 ou a finais de 1972 coa morte de Chema Fuentes. Tampouco podemos ignorar que ademais posteriormente houbo unha forte oposición en Galiza a todos estes pactos, liderada polo sindicalismo nacionalista, que frearon e limitaron a súa aplicación... A correlación de forzas non deu para máis.

Estes son feitos históricos recentes, de cesión e derrotismo nalgunhas forzas e estratos sociais, e de rebeldía e valentía noutras que agromaban para coller o relevo e mudar a situación política e social. Para recuperar o perdido, para seguir avanzando, fixo falla daquela e cómpre hoxe ter fortaleza ideolóxica e atrevemento, folla de ruta e capacidade para achegar. Cómpre ademais de organización e aproveitar acaídamente cada intre, que necesita de estratexias e tácticas axeitadas, mesmo ás veces singulares. Verbo de todo isto a historia... a nosa historia e a doutros pobos, pódenos ensinar moito.

Anexos

O Pacto da Moncloa en La Voz de Galicia, 28/01/1978
Número do 'Ceibe' voceiro da AN-PG, no que se fala da Xornada de Loita, xaneiro de 1978
Exemplar do 'A Nosa Terra' no que se aborda a Xornada de Loita contra o Pacto da Moncloa, 03/02/1978
Exemplar do 'EIXO', voceiro da ING, no que se aborda a Xornada de Loita contra o Pacto da Moncloa e a Xornada de Loita, febreiro de 1978
Exemplar do 'Terra e Tempo', órgao de expresión da UPG, no que se aborda ao Pacto da Moncloa e a Xornada de Loita, xaneiro de 1978
Exemplar do 'Terra e Tempo', órgao de expresión da UPG, no que se aborda ao Pacto da Moncloa, febreiro de 1978
Críticas ao pacto da Moncloa e a su aplicación, recollidas polo xornal 'El País', 1978

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |