Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

“Solidaridad Gallega”, o pulo organizativo no agro galego

Artigos agrarismo solidaridad-gallega

No ano 1907, fai agora cento cinco anos, naceu “Solidaridad Gallega” (SG). Sen dúbida contribuíu para a súa fundación que as organizacións obreiristas, por unha banda, e aquelas sustentadoras do réxime, pola outra, deixaban á marxe e desatendidas as inquedanzas relacionadas coa problemática agraria e galeguista. Asemade hai que ter en consideración o efecto positivo que reflectiu o éxito de Solidaritat Catalana, como amosa o propio nome da forza política galega, así como os contactos persoais con dirixentes desa organización.

Texto de Manuel Mera.
[caption id="attachment_1872" align="alignleft" width="300" caption="O agrarismo dotouse de medios de comunicación propios"][/caption]

No ano 1907, fai agora cento cinco anos, naceu “Solidaridad Gallega” (SG). Sen dúbida contribuíu para a súa fundación que as organizacións obreiristas, por unha banda, e aquelas sustentadoras do réxime, pola outra, deixaban á marxe e desatendidas as inquedanzas relacionadas coa problemática agraria e galeguista. Asemade hai que ter en consideración o efecto positivo que reflectiu o éxito de Solidaritat Catalana, como amosa o propio nome da forza política galega, así como os contactos persoais con dirixentes desa organización.

Tampouco se pode ignorar o espazo para o traballo político que abriu a Lei do 28 de xaneiro de 1906, completada polo Regulamento do 16 de xaneiro de 1908, pola que se permitía a asociación de campesiños en forma de sindicatos, cámaras agrarias e comunidades, sempre que tiveran como finalidade a adquisición de maquinaria agrícola, sementes, abonos, etc. Malia as limitacións, este novo marco legal alentou as reivindicacións agrarias, e sobre todo dotou á secular rebeldía do rural galego dunha importante estrutura organizativa e dun programa para loitar contra as inxustizas.

Solidariedade Galega era moi plural. Axúntanse nela: republicanos, como o Médico Rodríguez e Moreno Barcia, con incidencia en A Coruña e Ordes, e Vicenti en Madrid, onde reside; rexionalistas, centrados tamén na Coruña, liderados por Murguía, ao que se suman Pondal, Naveira, Galo Salinas e Uxío Carré Aldao, Julio Pol, e Salvador Golpe, con influencia en Betanzos-Pontedeume; até neocarlistas, ou tradicionalistas, entre os que destaca Vázquez Mella, con moita incidencia no distrito de Arzúa.

O programa de SG sintetizase en conseguir unha representación parlamentar propiamente galega, eliminación do caciquismo, estudar a economía galega –sen moitas concrecións-, e dar unha particular atención aos problemas da agricultura do país. En relación ao tema nacional de Galiza, Barreiro Fernández dinos que SG pon “un particular empeño en deixar claro que non é unha organización rexionalista, senón un núcleo rexional do nacional esforzo rexenerativo, que se condensa por rexións, porque é nelas é onde o amor e interese rexional dánlle viabilidade, eficacia, firme no que fai pe.”

A entrada no agro fíxose da man de Lugrís Freire, Xulio Pol, Rodrigo Sanz, S. Golpe, os irmáns Naveira e Casares Quiroga. A capacidade de convocatoria de SG foi grande, por exemplo nun mitin realizado en Irixoa en febreiro de 1908 asisten 5.000 persoas, e os actos numerosos. “En resumo, segundo estimación que parece en exceso comedida, ao inicio de 1910 as reunións celebradas por SG achegábanse ao medio cento” (J.A. Durán).

A convivencia das distintas sensibilidades internas non foi doada, e os resultados en materia electoral tampouco permitiron crear un espazo político propio. Agora ben, a experiencia en troques acadou unha maior incidencia sobre o movemento agrario e a política municipal. Concretamente, entre 1907 e 1910, a súa predica consolidouse nos distritos de Coruña, Carballo, Ordes, Arzúa, Betanzos, Pontedeume e Muros na provincia de A Coruña; Monforte, Chantada e Láncara na prov. de Lugo; así como O Carballiño e Viana do Bolo en Ourense. Pola iniciativa de SG creáronse 400 sociedades agrarias, das que en 1911 aínda estaban integradas a esta organización 85. En 1908 calculase que unhas 30.000 familias estaban asociadas.

[caption id="attachment_1873" align="alignright" width="300" caption="Asemblea agraria de Solidariedade Galega, Betanzos."][/caption]

Solidariedade Galega será chave na convocatoria das tres asembleas agrarias de Monforte (1908, 1910 e 1911), que tan importantes foron para a loita contra os foros e dar pulo á modernización agraria. Sen dubida debeuse en boa medida ao papel que nas asembleas tiveron Rodrigo Sanz López e Rof Codina. Ambos deron pulo a Prácticas Modernas, que centraba o cambio da situación do agro en aspectos técnicos, fronte a unha visión mais política da problemática como a tiña Unión Campesina ou o abade de Beiro, Basilio Álvarez. Rodrigo Sanz ademais foi un dos fundadores de Solidaridad Gallega, director da publicación do mesmo nome, escribe en A Nosa Terra e un dos iniciadores das Irmandades da Fala.

Lembremos que desta mesma época é a Unión Campesiña, dirixida por anarquistas (Moreno Bello e Martínez López), e o Directorio Antiforal de Teis, de clara tendencia agrarista (Chinto Crespo). As dúas asociacións manteñen relacións estreitas cos solidarios, que as veces son tensas.

A plataforma convertese axiña en expresión do descontente existente, dando lugar a unha radicalización da loita agraria. “Concentracións multitudinarias, queima de montes, atentados persoais, detencións, feridos e mesmo mortos, son o ronsel que provoca Solidariedade no campo galego” (X.R. Barreiro Fernández, Historia de Galicia, Edade Contemporánea). “Entre 1908 e 1909 houbo talas en Paderne, talas e incendios en Oza, talas en Aranga, talas e incendios en Irixoa, talas en Coiros, sendo estes feitos se non novos –xa que é un xeito de vinganza tradicional- dun carácter colectivo, que nen por frecuencia nen por importancia se coñeceran até entón” (Agrarismo e movilización campesina en el país gallego, J.A.Durán). O caciquismo non cedeu o espazo gratuitamente: detencións, multas, intervencións da Garda Civil, batidas polas aldeas, etc.

A radicalización da conflitividade social fixo que se fora abrindo unha fenda entre a mocidade e os fundadores de Solidariedade Galega, urbans e de clase media acomodada, que de vagar van deixando a organización, polo que no ano 1912 fica practicamente esmorecida. Mais xa tiña cumprido o seu papel histórico abríndolle o camiño a “Acción Gallega”, que terá a súa base inicial na provincia de Ourense e como figura central a un axitador radical como foi o abade de Beiro, Basilio Álvarez. A rebeldía labrega continuaría, mesmo iría a máis, preparando o vieiro pra un novo chanzo no nacionalismo galego, co nacemento das Irmandades da Fala e completar a loita pola redención dos foros.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |