Sermos Galiza estrea xornal dixital
Novas comunicacion dixital galego semanario sermos-galiza xornal
O grupo de comunicación Sermos Galiza lanzou hoxe á Rede o seu xornal dixital. Polo momento en fase beta. Accesíbel desde ás 8h desta mañá no dominio www.sermosgaliza.com, o dixital ofrecerá unha análise diaria da actualidade galega e internacional, no que atinxe á política, á sociedade, á economía ou ao mundo do traballo. A cultura e a ciencia terán tamén un espazo propio na publicación.
Fronte a asfixia ideolóxica e idiomática dos medios de comunicación baixo control do capital privado, Sermos Galiza constitúese como un espazo comunicativo de noso. Un medio para a nación. O seu pulo ‘militante’ a favor do galego acredítase na súa aposta polo monolingüismo. Xorde ademais cun explícito carácter ‘subversivo’, cuestionador do pensamento único, baixo as coordenadas do nacionalismo galego e o compromiso coas clases populares galegas. Esta iniciativa conta co apoio activo da Confederación Intersindical Galega.
Este lanzamento prodúcese nove días despois da constitución formal do grupo. O pasado domingo tivo lugar a primeira Asemblea Xeral de Accionistas. Na xuntanza elixiuse o Consello de Administración. Teresa Moure é a Presidenta, Néstor Rego o Conselleiro Delegado e Olalla Rodil a Secretaria. Completan o consello, como vogais, Nemésio Barxa Alvarez, Paula Castro Lago, Xoán Colazo Pazó, Xoán Costa Casas, Pura Ferreño Saia, Isabelle Kerdudo, Rubén Camilo Lois González, Marga Romeiro Lorenzo, Xurxo Souto Eiroa, Francisco Miranda Vigo (Secretario Confederal de Comunicación e Propaganda da CIG) e Manuel Mera (director de FESGA).
Sermos Galiza constitúese sobre unha base popular. Preto de 900 accionistas fixeron posíbel dotar ao proxecto de máis de 300.000€ de capital social. Malia encadrarse baixo a fórmula xurídica da sociedade anónima, pola composición do seu accionariado e polos seus obxectivos fundacionais Sermos Galiza é unha empresa social, que non procurará o lucro senón soster economicamente medios de noso.
SEMANARIO IMPRESO A PARTIR DO 17 DE MAIO
O vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, sairá do prelo o primeiro número do semanario impreso. Deste xeito o galego regresará aos quiosques de prensa despois do esmorecemento de varias cabeceiras.
Xa é posíbel solicitar a subscrición ao semanario para o recibir no domicilio, podendo optar por diferentes fórmulas de pago. Polo seu carácter non mercantil, a viabilidade económica de Sermos Galiza, tanto do xornal dixital como do semanario impresos, recaerá nas subscricións a este último. Preténdese acadar as 3.000.
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza