Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Reportaxe: A Irmandade Galega (artigo e vídeo).

Audiovisual diaspora emigracion galiza irmandade-galega manuel-mera nacionalismo video

Iniciamos, a seguir, o que será unha nova liña de contidos no sitio web da fundación, fundamentalmente adicada a posibilitar un coñecemento en maior profundidade sobre temas, persoas ou organizacións de especial interese. A través destas reportaxes, que combinarán un clip de vídeo cun texto, pretendemos dispoñibilizar tamén materiais e documentos de valor histórico.

Iniciamos, a seguir, o que será unha nova liña de contidos no sitio web da fundación, fundamentalmente adicada a posibilitar un coñecemento en maior profundidade sobre temas, persoas ou organizacións de especial interese. A través destas reportaxes, que combinarán un clip de vídeo cun texto, pretendemos dispoñibilizar tamén materiais e documentos de valor histórico.

Nesta reportaxe abórdase a realidade organizativa da "Irmandade Galega", un dos principais referentes orgánicos da diáspora galega, expresión política que unificaba autonomismo e arredismo, no que participarían dirixentes destacados como Castelao, Alonso Ríos, Xosé Abraira...

Aproximarse ao que significou a Irmandade Galega, supón o achegamento a un dos antecedentes máis significativos dos que darían lugar anos despois á reorganización do movemento nacionalista galego.

[media id=26 width=530 height=325]

A Irmandade Galega

Manuel Mera

O 13 de decembro de 1941 nacía en Bos Aires a Irmandade Galega (IG). Hai coincidencias no feito de que a IG xurdiu por iniciativa de Alfonso R. Castelao, que entendía que en intres tan extraordinarios era necesaria a unidade de todo o galeguismo nunha única organización política no exilio. Este criterio resultou evidente no seu primeiro presidente, o deputado Antón Alonso Ríos, un galeguista que militara no campo do agrarismo; porén sen dúbida as dúas principais correntes que confluíron eran as que procedían do Partido Galeguista e a Sociedade Nacionalista Pondal (1926-1936). Autonomismo e arredismo facían causa común na grande urbe do Prata pra loitar contra a barbarie fascista. Na primeira directiva estaban como vicepresidente Rey Baltar (que publicou o libro de poemas A Gaita a Falare), como segredario Xosé Abraira, vicesegredario Daniel Nogueira (da Unión Quiroguesa), tesoureiro Fernández Prol, protesoureiro Eduardo López, e como vogais: Vicente Barros, Pedro Campos Couceiro e Xohán González.

En A Nosa Terra nº 425, no mes de xuño do ano 1942, facíase mención ás primeiras iniciativas da Irmandade Galega: instituír o 17 de agosto como Día dos Mártires de Galiza; facer unha xeira de actos e conferencias; e espallar as irmandades alí onde houbese emigrantes con inquedanzas galeguistas, polo que se fixeron relacións con entidades e agrupacións en Mendoza, A Prata e Rosario na Arxentina, e con Nova York, Santiago de Chile, A Habana, Montevideo, e México. Tamén se dan relacións intensas con asociacións afíns no Brasil. A IG decidía asemade editar A Nosa Terra como o seu voceiro pra difundir o ideario da organización, e recoñecer o mérito do Grupo Galeguista que xa editara dous números no exilio.

Período de auxe

Nesta primeira etapa a IG ten unha relación moi intensa co Consello de Galiza (1944) e todo indica que existe unha división de tarefas. A Irmandade Galega procura ampliar as bases organizadas do nacionalismo e incide nos aspectos ideolóxicos, mentres que o Consello representa os intereses nacionais nas relacións co Governo Republicano no exilio, nas reunións coas autoridades doutros estados, así como nos eventos organizados pola colectividade emigrada. Nas fotos da época podemos ollar que a asistencia ás conferencias e actos é masiva. Hai sen dúbida varios motivos: a importancia política e humán do núcleo dirixente do nacionalismo galego; a vixencia da guerra civil e a derrota do fascismo; e a chegada arreo de emigrantes, polo que a colectividade mantén unha proporción moi importante de persoas mozas. Se cadra o último feito de masas na colectividade deste período, que podemos entender que remata coa reorganización do Consello de Galiza (en 1960), será a mobilización en Bos Aires de 200.000 persoas pra conmemorar o 150 aniversario do inicio do proceso de independencia da Arxentina, o 25 de maio de 1810, no que xogaron un papel importante moitos galegos e descendentes.

[caption id="" align="alignleft" width="199" caption="Bieito Cupeiro."][/caption]

Nesta etapa, nun primeiro intre, ate a morte de Castelao (1950), destacan na direción da IG, ademais dos xa nomeados, persoeiros como: Daniel Calzado, Manuel Puente, Rodolfo Prada, Núñez Bua, Varela Buxán, Avelino Díaz, Leonardo Pereira, Perfeuto López, Ramón Valenzuela, etc. Ao final deste período súmanse Da Presa, Bieito Cupeiro, Manuel Ucha, Valeriano Saco, Manuel Pedreira, Ricardo Flores, Lois Ares, Xosé Lema, Lois Guede, etc. Algúns deles, como ollaremos máis adiante, manteranse no primeiro plano militante ate a década dos setenta.

Dentro da colectividade hai unha fenda imposíbel de atravesar, por unha banda as sociedades que apoian ao réxime e pola outra aquelas que manteñen a oposición á ditadura. Agora ben, dentro das forzas antifranquistas existen distintas sensibilidades tal como reflicte no seu libro Bieito Cupeiro Vázquez “ A Galiza de alén mar” (Edicións do Castro). Estas diferenzas deron orixe moi cedo a varios esgazamentos na Federación de Sociedades Galegas das que xurdiron algúns dos centros provinciais (menos o Coruñés que xa existía desde 1926). Dinos Cupeiro encol do tema “tal como se dera facía anos por cuestións ideolóxicas entre os federados de Mitre e Belgrano, que desa maneira eran coñecidos en función das rúas en que cada un deles tiña a súa sede; os de Mitre movidos por pensadores internacionalistas e os de Belgrano, embandeirados nunha militancia resoltamente galeguista”. As diverxencias acentuábanse en certos momentos, tal como se reflicten en moitas das referencias que sobre o tema fai Moisés Da Presa en “Revoldaina” cando critica posturas dos “rabanitos” (ou sexa: do Partido Comunista de España).

[caption id="" align="alignright" width="200" caption="Da Presa."][/caption]

No libro encol da Historia da Federación de Sociedade Galegas, o historiador arxentino Hernán Díaz, analiza os roces entre os galeguistas e os socialistas-comunistas, así como a saídas dos centros provinciais despois do enfrontamento das candidaturas de Loís Guede e Baltar, nas eleicións internas de 1942, nas que este último vence por 140 contra 112 votos. En todo caso esta confrontación interna non remata con este feito e continuará durante algúns anos. Segundo o momento a liorta será entre e entre galeguistas e “internacionalistas” (españolistas), ou terá como eixo estar a prol ou en contra do comunismo, de tal xeito que se deron varias recomposicións nas alianzas, onde as razóns non sempre foron esencialmente políticas.

En todo caso durante toda a década dos 40 aínda haberá significados militantes da Irmandade Galega participando da Federación. Semella que a medida que adquiriu un papel hexemónico primeiro a alianza de socialistas e comunistas, e desde a década dos sesenta o Partido Comunista de España, a fenda foise facendo insalvábel. O galeguismo, como o mesmo autor recoñece, no ideolóxico era moi amplo, conviven desde social-cristiáns a marxistas e anarquistas. Un dos puntos de confrontación vai ser o Consello de Galiza, que tanto socialistas como comunistas ven como un perigo, xa que os exclúe da representación, e ademais dálle un papel  moi destacado ao nacionalismo galego. Convén lembrar que durante un longo período de tempo a Federación é a referencia galeguista da colectividade, esta situación mudará en 1936, cando se reunifican as dúas ponlas nas que se escindira en 1929.

[caption id="" align="alignleft" width="200" caption="Castelao."][/caption] Sen dúbida dentro desta disputa interna das forzas antifranquistas hai que entender o xantar que se organiza en xullo de 1944 en homenaxe a Castelao, coa evidente finalidade de convertelo en referencia da colectividade e polo tanto do exilio galego. A asistencia de 1.500 persoas, así como a representacións oficiais do Centro Galego, da Federación de Sociedade Galegas, dos tres grandes centros provinciais (ourensán, pontevedrés e lucense) e outras entidades comarcais, foron un aval importante para o deputado do Partido Galeguista, fundador da Irmandade Galega (1942) e deu folgos ao nacemento do Consello de Galiza en novembro de 1944 en Montevideo. Lembremos que ese mesmo ano publicouse o libro de Alfonso R. Castelao “Sempre en Galiza” considerado a biblia do nacionalismo galego.

Este conflito reflíctese en A Nosa Terra, por exemplo no número de xullo de 1945, Da Presa en “Debullando” afirma o seguinte “O semanario Galicia, dende a caída da República, obedecendo a influencias alleas aos intereses da Patria Galega adicouse a bater o parche ate o cansazo coa consigna da 'Unidade dos republicáns españois de todas as ideoloxías pra derrubar a Franco e falanxe e restablecer a República... despois o povo dirá o que quere'... (?). Neste dirá o povo o que quere vai involucrado -cando non?- o Estatuto Galego”.  Acto seguido gababa o acto que organizou a Federación co gallo do Día da Patria, o que amosaba que a esta altura todas as pontes aínda non estaban rotas. Resulta evidente que había fondas diferenzas entre os que todo o supeditaban a recuperar a República (os partidos estatais, máxime cando os socialistas non alentaban o Estatuto), e as organizacións do ámbito do nacionalismo que entendían que había que garantir en todo momento unha correlación de forzas favorábel á soberanía nacional de Galiza, pra o cal o recoñecemento do Estatuto de 1936 era fundamental.

Hoxe ninguén pode negar, que o nacionalismo será referencia política na Arxentina, sen que houbera ningunha outra alternativa comparábel, durante todo o período franquista. E que ademais a IG e o Consello de Galiza son pezas chaves neste éxito, por mor de figuras como Castelao, Alonso Ríos, Súarez Picallo, Elpidio Villaverde, Alfredo Somoza, aos que  se deben sumar Avelino Díaz, Rey Baltar, Emilio Pita, Prada, Puente, etc. Aquela disputa, aínda que se cadra non foi ben entendida por todo o galeguismo, tivo razóns políticas e foi importante historicamente pra Galiza interior.

Durante toda esta primeira xeira a IG realiza ou apoia numerosos actos e conferencias, entre os que podemos salientar os seguintes: a homenaxe en 1946 a Castelao cando é nomeado ministro do Governo Republicano; a reunión en xuño de 1946 das irmandades de Bos Aires, Mendoza, Rosario, A Prata e Montevideo que acordan un programa común de 10 puntos; en 1947 a IG facíalle unha homenaxe a Avelino Díaz; en 1954 realizábase unha homenaxe a Suárez Picallo por parte da Comisión Intersocietaria Galega, e ese mesmo ano a presentación por esta coordinadora dunha denuncia diante da UNESCO en defensa da lingua galega; o apoio á convocatoria pola intersocietaria do Congreso da Emigración Galega en 1956 (a intersocietaria estaba formada polo Centro Coruñés, o Centro Pontevedrés, o Centro Ourensán, o ABC de Corcubión, o Centro Betanzos, e a Irmandade Galega); a convocatoria en 1959 da Conferencia de Irmandades Galegas “co gallo de considerar a posición do movemento patriótico galego na hora actual de Galiza”, asisten as II.GG. de Bos Aires, Mendoza, Rosario, Mar de Prata e Montevideo. Hai que destacar asemade que Cesar Alvajar será desde 1958 o representante en Francia tanto do Consello de Galiza como da irmandade Galega.

Nesta etapa compre destacar asemade os dous intentos, con participación evidente da IG, de organizar a mocidade en Bos Aires. O primeiro do que temos referencia é o manifesto saído en A Nosa Terra nº 426 en 1942 “aos mozos galegos” asinado por Manuel Pedreira, Bernaldo Souto e González Blanco e Buxán Rivas. O segundo, de maior duración, serán as Mocidades Galeguistas xurdidas en 1953 e das que temos información ate tres anos despois; formaron parte da súa direción: Denís Conles Tizado, Antón Moreda, Neira Vilas, Carlos Abraira, Manuel Cordeiro, etc.  Editaban como voceiro “Adiante” do que se publicaban 3.000 exemplares. Nunha acta que se reproduce en “A Galiza de Alén Mar” de abril de 1955 indican que hai afiliados 59 irmandiños nas Mocidades Galeguistas, indica asemade que durante ese exercicio déranse de baixa 7 persoas e ingresaran 25, das que 19 eran nacidos na Galiza e 6 descendentes. Convén lembrar asemade, que nas xornadas conmemorativas do Día da Patria Galega, fíxose durante anos unha gala no Teatro Colón, o máis prestixioso da Arxentina, debido ás xestións que fixera Segundo Pampillon, e que se transmitía en directo a todo o país por Radio Nacional.

O derradeiro pulo

[caption id="" align="alignright" width="302" caption="Centro Galego de Bos Aires, na altura de 1968."][/caption]

Neste último período que remata a finais de 1972 temos que destacar unha colectividade máis enfraquecida que na década anterior, porén moitas veces máis poderosa que a que coñecemos hoxe, xa que os centros galegos aínda tiñan unha vida intensa, con  moita actividade folclórica, revistas e grupos culturais. En boa medida isto débese a que a emigración era mínima, e morreran moitos dos dirixentes máis destacados ou tiñan unha idade avanzada. Non se pode ignorar a difusión da cultura e da problemática de Galiza que fixeron tanto na primeira etapa como neste período as audicións de radio, como Galicia Emigrante, Recordando a Galicia, La Voz de Galicia, etc. Baixo a direción de Luís Seoane, Maruxa Boga e Fernando Iglesias (Tacholas) respectivamente.

Na década dos sesenta reorganizase o Consello de Galiza, incorporándose xentes da Irmandade Galega, que lle dan un novo pulo a ambas organizacións. Deste xeito vai collendo maior protagonismo o sector máis radical do nacionalismo galego, especialmente persoas que proveñen da Pondal (como Da Presa, Bernaldo Souto, Daniel Nogueira, Ricardo Flores), así como do socialismo (Cupeiro), das mocidades (Manuel Pedreira), ou do anarcosindicalismo, como Lema e Montero. O discurso vaise facendo máis reivindicativo no nacional, sen deixar de lado o recoñecemento do Estatuto de 1936 como un chanzo importante, e teñen maior forza os temas sociais. Un discurso ademais comprensíbel polo momento político, posterior á descolonización no Terceiro Mundo, ao triunfo da Revolución Cubana, ao asalto polo DRIL do barco portugués Santa María, e ao auxe da loita de liberación en Vietnam. Ademais dos nomeados teñen participación na década dos sesenta na direción da IG persoas representativas como Antón Represas, Ricardo Palmas, Neira Vilas, Antón Moreda, etc. Ademais, cando se reorganiza en 1960 o Consello de Galiza  primeiro Cupeiro e despois Da Presa van integrar a súa directiva, e serán os responsábeis da edición dos 12 números do seu voceiro.

Esta viraxe, necesaria e que correspondía co momento, non é moi ben aceptada por algúns persoeiros da colectividade, que tiveran un importante papel no período anterior (como Prada e Abraira) que utilizan periódicos como Orientación Gallega (1962-1965) pra botar leña no tema, desde posturas abertamente anticomunistas (arroupadas por algúns simpatizantes do anarquismo). Este voceiro (feito case que exclusivamente en  castelán) destaca na súa primeira páxina o seguinte nun recadro, a respeito da súa ideoloxía: “é un periódico independente que non está ao servizo de ningunha institución social, nen empresa comercial; xurdiu pra combater o totalitarismo político: falanxismo e comunismo, que anulan e envilecen a personalidade humán; defende os ideais republicáns e democráticos auténticos; vela polos intereses morais e espirituais da colectividade galega; loita pola autonomía de Galiza, que algún día non lonxano se poderá acadar”. Nas súas páxinas salienta asemade as polémicas encol dalgunhas decisións da Irmandade Galega e do Consello de Galiza. En todo caso compre aclarar que nen Prada nen Abraira figuran entre os directivos do periódico.

Cupeiro e Da Presa son críticos con Prada e Abraira (aínda que non sempre os citan polo seu nome) e o “Grupo Nós” que lles serve de arroupe (danlles como alcume o politburó). A este grupo  sumaria posteriormente Valentín Fernández e Regueira por medio de El Correo Gallego (1965...). Cupeiro, no seu libro, sen dubidar do nacionalismo de Abraira, considérao un argallante, como seica comprobou en momentos moi delicados pra o Consello de Galiza e na Irmandade, cando o “politburó” tomou a direción durante un período dun ano no que practicamente deixou de funcionar (A Galiza de Alén Mar).

Sen dúbida tanto Da Presa como Cupeiro son a expresión máis nidia e clarificada desta tendencia de esquerda. Moisés Da Presa, marxista, arredista, nado en Vigo, trata en varios artigos o tema lingüístico, porén será fundamentalmente ao traveso da sección “Revoldaina”, asinada co pseudónimo de Lourenzo Fragoso, na que dá opinión con moita retranca encol dos sucesos na colectividade e en Galiza. Dicíanme os irmandiños que Da Presa foi a figura que alentou a segunda etapa de A Fouce, xa como voceiro do Partido Comunista Galego, que duraría pouco tempo. Bieito Cupeiro “o roxo” (xa que tiña a cara moi vermella) era de Barallobre en Fene, e nos seus artigos analiza os temas económicos e políticos, a situación colonial de Galiza, e aposta pola soberanía e a xustiza social. Os dous, eu diría que todos os militantes da IG, teñen un amplo coñecemento da historia de Galiza, cando menos dos feitos máis destacábeis.

En 1962 Daniel Calzado visitou Galiza no que se evidenciaron as diferenzas de criterio entre o interior e o exilio. Dinos Cupeiro (A Galiza de Alén Mar) “que causou aceda decepción a desfeita do glorioso Partido Galeguista”, engadindo que os grandes cambios económicos e sociais e a situación política “non xustificaba estender de maneira oficial a defunción do galeguismo político”. Desde o interior acusaban ao Consello de Galiza é á Irmandade Galega de vivir chantados no pasado, sen ningunha capacidade de evolución, reclamando utopías como a República e a Autonomía. En fin, por sorte, e debido á coherencia do exilio, non se deixaron dobregar polas posturas mantidas desde a “mesa camilla”, que todo sabemos o que deron de si e onde remataron.

Como actividades da IG débese destacar, ademais da celebración do Dia Nacional de Galiza, o apoio decidido pra evitar que Mourente continuara á fronte do Centro Galego, a edición de varios libros, a participación nos Xogos Frorais do Idioma Galego, e a polémica entorno da lingua coa revista Cuco Rei realizada por Luís Seoane, nas que se evidencian as diferenzas de proxecto. Tamén ten importancia a entrevista con Celso Emilio Ferreiro, e a divulgación en A Nosa Terra (1.200 exemplares) das loitas sociais do país así como do programa das novas organizacións políticas clandestinas, nomeadamente da Unión do Povo Galego. Eu participei nos derradeiros intres desta etapa da colectividade galega e a partir de 1967 como afiliado da Irmandade Galega e despois como segredario (1969-1972). Vexamos agora algo máis polo miúdo algúns destes feitos.

Actividades e ideoloxía

Ramón Mourente foi elixido en 1966 como presidente do Centro Galego e axiña foi virando a institución a unha relación máis estreita coa Embaixada. O primeiro símbolo externo foi a colocación da bandeira española. Nas eleicións de 1968 do 23 de outubro, nas que se elixían unha parte dos directivos da institución (o proceso era por metades), as agrupacións Breogán, Terra e Unión Gallega presentaron a Xosé Alfonso Reboreda como vicepresidente, contando co apoio da Irmandade Galega. Contactouse con moitos afiliados, daquela eran uns 100.000, e repartiuse propaganda o mesmo día da votación na porta do Centro Galego. A lista que apoiaba a Mourente contaba co apoio do Deportivo Español e o arroupe de 33 asociacións españolas. Votaron 12.000 socios, case que sete mil por Reboreda e 5.388 pola lista de Mourente. Mudou a composición da directiva aínda que Mourente seguía de presidente, co apoio de parte da directiva.

Da Presa conta en Revoldaina o sucedido nas dúas primeiras reunións despois das eleicións. Na primeira pedíuselle que quitara a bandeira franquista, non quixo, e retirouse a oposición; na segunda xuntanza votouse e perdeu polo que decidiu dimitir, pasando Reboreda a ocupar o cargo de presidente. Deste xeito freouse o intento da ditadura de facerse co Centro Galego. Na actualidade non houbo tanto éxito, e o PP privatizou a xestión desta mutualidade, entregándolla a unha empresa madrileña, que practicamente liquidou a entidade. Compre dicir que daquela na Arxentina estaba a ditadura de Onganía, polo que este acto cívico (votar) era unha excepción. Foi a miña primeira proba de fogo na actividade política de masas.

[caption id="" align="alignright" width="252" caption="Capa do libro adicado á figura de Xohan Vicente Viqueira."][/caption] Durante este período editouse a Teoría do Nacionalismo Galego (1966) de Vicente Risco e un ensaio sobre Xohán Vicente Viqueira (1969) escrito por Luís Veiga de Campo. No mes de agosto de 1968 fixéronse os Xogos Frorais do Idioma Galego, asistindo como convidado especial Xosé Lois Méndez Ferrín. Participaron nas actividades as actrices arxentinas fillas de galegos, Lita Soriano e Delia Garcés, e o actor Medina castro. En 1969 visita Arxentina Celso Emilio Ferreiro que se reúne no Centro Ourensán cunha delegación da Irmandade Galega (Da Presa, Mera, coido que tamén Abraira). Nesta xuntanza fala da emigración e da UPG, (da que aínda era militante), así como do futuro da situación política en Galiza.

O último dos feitos que quero comentar é o relativo á polémica entre Da Presa e Seoane a respeito da cuestión lingüística. O debate, aínda que se dá en 1970, ten a súa orixe en 1967 no marco das xornadas organizadas co gallo do Día de Galicia no teatro Avenida. Alí fala Lorenzo Varela en castelán, polo que axiña unha parte do público o apoupa, sae ao escenario Tacholas que pra endereitar o tema argumenta que Varela nacera en Cuba. Isto era verdade porén criárase en Galiza e falaba correctamente o galego, como sabía moita xente. A protesta foi alentada polos membros da Irmandade Galega presentes no acto. Eu vin todo o acontecido, daquela participaba nas reunións da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, e foi unha das razóns, cando me informei de todos os aspectos, pra que me achegara á IG. No centro do debate en 1970 estaba máis unha vez a cuestión de se un escritor que publicaba en castelán podía ser considerado como parte da obra cultural galega. Seoane pensaba que si e Da Presa que non. Non quero reproducir a polémica que se pode consultar no folleto “Cuco Rei” e na sección de Revoldaina e nalgún artigo desa época en A Nosa Terra; ademais, este é aínda un tema que está de actualidade.

Como colofón

Quero salientar a camaradería daqueles que integraban a IG malia as súas diferenzas ideolóxicas, de orixe, e mesmo de xeito de ser. Ante todo eran nacionalistas ou irmaus como eles se chamaban coloquialmente. Tampouco se pode ignorar que mantiñan contactos acotío con algunhas persoas no interior (como Fernández Del Riego), co grupo de México que editaba Vieiros, con Cambre Mariño en Porto Rico, co Padroado da Cultura Galega en Montevideo. Da Presa mesmo tivera unha relación especial con Antonio Soto (o “gallego Soto”) cando el fora alma do Centro Galego de Punta Arenas na Patagonia chilena.

Por último, é de xustiza dicir que nesta última etapa algúns mirábannos na colectividade galega como radicais, porén realmente eramos os que estabamos máis na liña do que sería o nacionalismo galego no interior nas vindeiras décadas, eramos o novo, o que respondía ao momento. Neste aspecto máis que en ningún outro, a Irmandade Galega amosou, ate os seus derradeiros alentos, que mantivo firme a chama do nacionalismo galego, tanto dentro da colectividade, como dando folgos ás alternativas que agromaban na Patria asoballada, e que era ante todo un proxecto de liberación das maiorías. Coido que, pra alén do número, que nunca sería moi grande, a súa laboura foi fundamental pra atravesar a longa noite de pedra sen que se perdera todo o acumulado na etapa anterior.

Bibliografia

  • Periódico A Nosa Terra (no exilio).
  • Revista Galicia do Centro Galego de Bos Aires.
  • Adiante nº 4, voceiro das Mocidades Galeguistas, 1955.
  • O Irmandino, voceiro das Irmandades Galeguistas do Uruguai, 1958-1959.
  • Orientación Gallega, Bos Aires 1962-1965.
  • Historia de la Federación de Sociedades Gallegas, Hernán M. Díaz, Fundación Sotelo Blanco, 2007.
  • A Galicia de Alén Mar, Bieito Cupeiro Vázquez, Edicións do Castro, 1989.
  • Xornadas Patrioticas Galegas, Comisión Intersocietaria de Sociedades Galegas, Bos   Aires, 1952.
  • Denuncia diante da Unesco da perseguizón do idioma galego polo Estado Hespañol,    Bos Aires, novembro 1954.
  • Consello de Galiza, bases para súa reorganización; xullo de 1960.
Manuel Mera, foi Secretario da Irmandade Galega de 1969 até 1972.

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |