Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Reforma laboral neoliberal.

Artigos ceoe crise-sistemica despedimento emprego entreguismo pactismo pensions psoe reforma-laboral sindicalismo

Nos últimos días tense falado pouco da reforma laboral proposta polo Governo o 5 de febreiro ("Liñas de actuación no mercado de traballo pra súa discusión cos interlocutores sociais no marco do dialogo social"), ficando na opinión pública a idea que deixaron encol do tema os dirixentes de CC.OO. e UGT, despois da reunión con Zapatero, cando indicaron que o proxecto "non era tan duro como o das pensións", restándolle deste xeito importancia. Nesta mesma liña de axer as centrais sindicais de ámbito estatal convocan mobilizacións o vindeiro 23 de febreiro (en Galiza no mes de marzo) exclusivamente contra a reforma das pensións proposta polo Governo central. Todo amosa que se quere deixar a reforma laboral nun segundo plano, retirala do centro do debate popular, e daquela quitarlle forza a unha oposición frontal que impida que se poña en práctica. Porén ¿é tan morna a reforma laboral que propón o PSOE?...
Manuel Mera.

Nos últimos días tense falado pouco da reforma laboral proposta polo Governo o 5 de febreiro ("Liñas de actuación no mercado de traballo pra súa discusión cos interlocutores sociais no marco do dialogo social"), ficando na opinión pública a idea que deixaron encol do tema os dirixentes de CC.OO. e UGT, despois da reunión con Zapatero, cando indicaron que o proxecto "non era tan duro como o das pensións", restándolle deste xeito importancia. Nesta mesma liña de axer as centrais sindicais de ámbito estatal convocan mobilizacións o vindeiro 23 de febreiro (en Galiza no mes de marzo) exclusivamente contra a reforma das pensións proposta polo Governo central. Todo amosa que se quere deixar a reforma laboral nun segundo plano, retirala do centro do debate popular, e daquela quitarlle forza a unha oposición frontal que impida que se poña en práctica. Porén ¿é tan morna a reforma laboral que propón o PSOE?...

O documento que presenta o Governo é no seu conxunto pouco concreto, está ateigado de filosofía neoliberal nun Estado seica protector, aínda que marca no texto algunhas das reformas que se propoñen, especialmente en temas como a contratación e indemnizacións por despedimento. Evidentemente o do Estado protector (ou de benestar) é pura leria, filosofía barata, mentres que o neoliberalismo unha práctica cotiá, tanto por parte do PP como do PSOE, e o ámbito laboral non ía ser unha excepción tendo en conta o seu carácter central na configuración do sistema.

Hai na proposta algún aspecto positivo ¡tiña que ser así pra adobiar un tema tan espiñento! como cando se argumenta con respeito aos contratos temporais que son excesivos cando se comparan coa media na Unión Europea (se alí tivesen unha taxa máis alta faríase outra valoración?...); engádese ademais que teñen un grande custe prao orzamento público pola estrema rotación, ao recorrer decote ás prestacións por desemprego, polo que compre desalentar este tipo de contratos. Apúntase como unha medida, pra evitar o abuso deste tipo de contratos, que as empresas asuman o diferencial destes maiores custes. Segundo declaracións do Governo sería cun aumento das cotas á Seguridade Social.

Despedimento obxectivo?

Os aspectos nos que se pretende un recuar en dereitos laborais son varios. Por exemplo, en relación aos contratos fixos despois de afirmar que se van respeitar os criterios actuais, termina dicindo todo o contrario, nomeadamente segundo o documento: "De feito o crecente recurso ao despedimento que se recoñece polas empresas como improcedente ten provocado o efecto de desnaturalizar e, polo tanto, facilitar un bo numero de despedimentos e, en troques, daquela fixo un lugar común o debate público que 45 días por ano de servizo (cun máximo de 42 mensualidades) sexa o custe ordinario da indemnización polo remate da relación laboral, cando a lexislación vixente fixa que esta cantidade tan só é de aplicación aos despedimentos ou extincións laborais de caracter inxustificado".

Por qué se cuestiona os 45 días por ano traballado en caso dun despedimento?... cal pretende a administración que sexa a referencia dun despedimento inxustificado?... Semella que neste caso quérese clarificar en beneficio da patronal a normativa ¿se cadra rebaixando as condicións que debe cumprir a empresa pra un despedimento por causas obxectivas?... Todo indica, segundo declaracións públicas de representantes do Governo, que se quere alargar o despedimento por causas obxectivas a todas as empresas, sen importar o número de empregados, nen a cantos afecte a medida. Lembremos que nestes casos a indemnización (por despedimentos colectivos) é moi inferior, só de 20 días por ano traballado e un máximo de 12 mensualidades, e que ademais unha comprobación real sobre a situación económica da empresa é pouco doada, dado a opacidade das contabilidades. Isto dará lugar a moitas máis arbitrariedades que na actualidade nas extincións de contratos por causas obxectivas. Este pode ser un dos eixos da reforma que nos propón o PSOE, e que os sindicatos de ámbito estatal consideran non tan grave.

Fomento do emprego?

Outra das medidas que se propón non é nova, trátase de dar pulo e xeralizar os "contratos de fomento do emprego estábel" con 33 días de indemnización por ano traballado e un máximo de 24 meses. Na proposta dise encol deste tipo de contratos "Estes contratos teñen pasado de representar máis dun terzo do total dos contratos indefinidos nos anos 2006 e 2007 a representar só un 17% do total no último ano. Esta reflexión debería conducir a examinar as posibilidades de ampliar a utilización polas empresas desta modalidade contractual". Ou sexa: potenciar os contratos cunha indemnización menor en caso de despedimento improcedente, porén coa novidade, segundo declaracións de Zapatero, de crear un fundo que se faría cargo das indemnizacións "pra liberar á patronal destes custes". Estamos polo tanto no despedimento libre, aquel que non lle ten custe ningún á patronal, e que fomenta a arbitrariedade nos despedimentos ao eliminar o atranco do custe económico que desalenta hoxe actitudes represivas contra a clase traballadora. Asemade, no documento do Governo recoñécese que hoxe practicamente todos os colectivos teñen achegas públicas pra seren contratados como indefinidos.

Ademais, o Governo "ten a intención de reorganizar os custes das cotas que soporta a contratación indefinida, que se baixarían, ao tempo que se incrementaría o gasto derivado de cada emprego temporal" (Cinco Días, 6 de febreiro de 2010). Ou sexa, diminúense os ingresos da Seguridade Social, fundamentais pra manter o sistema de pensións, e despois arguméntase que non hai medios económicos abondo. O feito de que se aumenten as cotas dos contratos temporais ten como finalidade desalentar a súa utilización, é dicir: preténdese que vaian a menos, polo que non poden compensar a diminución de ingresos.

Lucrarse coa contratación

Asemade, proponse unha mudanza importante no sistema de colocación, que ate este intre se sustentaba no servizo público e entidades colaboradoras sen ánimo de lucro. Quérese agora abrilo ás empresas privadas con ánimo de lucro, aínda que se diga que os custes os pagaríanos as empresas contratantes, xa que isto seica dá bos resultados na Unión Europea. Arguméntase que "a propia Organización Internacional do Traballo revisou a súa concepción da intermediación laboral, adoptando outra que admite a actuación de ditas axencias de colocación no mercado de traballo por considerar que poden contribuír a mellorar o funcionamento do mesmo" (compre lembrar que a OIT é tripartita, e cos sindicatos están en minoría, e, ademais, non se pode ignorar que a representación descansa na Confederación Sindical Internacional, co que isto ten de aceptación do modelo). Trátase sen lugar a dúbidas dunha nova privatización, neste caso de algo tan esencial como é a intermediación laboral, que neste caso seguramente vai ser rapidamente ocupado especialmente polas ETTs. Quérese repetir un modelo fracasado, como se demostrou na crise económica que aínda padecemos, que agora se desexa ampliar a todos os sectores públicos, aqueles que son esenciais e onde o consumo é básico e dos que a xente non pode prescindir.

O Estado abandona así calquera actitude protectora dos sectores máis débiles, pra alén da demagoxia e a esmola caritativa, pra abrir todo á especulación e ao negocio. Asemade, ¿como se van impedir as listas negras, a discriminación por razóns políticas ou sindicais?... que garantía real hai de termos un servizo público e universal?...

Ate onde chegará a reforma?

Na proposta do Governo contémplanse moitos máis aspectos das relacións laborais que o Executivo socialista pretende modificar ou incidir sobre a patronal e, fundamentalmente as centrais sindicais, pra que se acorde no marco de pactos bilaterais ou da negociación colectiva. Entre estes temas están: o absentismo laboral, a negociación colectiva, a formación ocupacional, o tratamento dos EREs (propondo a utilización do modelo alemán), e especialmente todo o relativo á flexibilidade laboral.

Nomeadamente nos EREs, asemade das melloras que xa se inseriron nos momentos máis álxidos da crise, cando milleiros de persoas foron afectados polas regulacións, agora, ademais, proponse "aumentar a porcentaxe de bonificacións ás cotizacións empresariais á Seguranza Social polos traballadores afectados polas regulacións temporais de emprego, particularmente cando a empresa desenvolva acións formativas dos traballadores durante a duración da medida". No documento tamén se reforzan as ETTs, xa que se propón revisar a normativa pra adaptala á da Unión Europea.

Como se pode comprobar máis unha vez aumentan as subvencións aos empresarios, mentres que pola contra crecen os recortes aos traballadores e traballadoras. Por outra banda utilízase a formación, non só coa finalidade de obter traballadores e traballadoras máis cualificados, senón asemade pra culpar a estes se non conseguen emprego digno ou rapidamente, xa que sería por mor da súa pouca preparación e da súa preguiza. Ou sexa, responsabilizan á vítima do sistema das consecuencias da explotación, mesmo agochando o feito de que máis dun 80% dos contratos son de peóns ou categorías equivalentes.

A xeito de resumo podemos dicir que se quere facer unha reforma moi ampla, polo que debemos pensar cal das dúas tácticas posíbeis vai seguir a patronal e o Governo, que xogan na mesma equipa neste intre, fronte a uns sindicatos, como CC.OO. e UGT derrotados, e predispostos ao pacto, mesmo perdendo dereitos, sempre que non queden moi mal diante das súas bases. Un escenario pode ser que se fagan reformas moi amplas, en moitos temas, aínda que de pouca profundidade, pra deixar moi definidos os alicerces pra que no futuro se consolide un modelo de relacións laborais feito á medida do neoliberalismo, ou sexa: da patronal depredadora. Outro dos camiños pode ser manter o carácter declarativo na maioría dos temas e avanzar naqueles aspectos que a patronal considere vitais, como a indemnización por despedimento, as cotizacións sociais, a negociación colectiva, e a flexibilidade nas condicións de traballo (horario, local, etc.).

A resposta social

Como di o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, nunha entrevista en Xornal de Galicia (o 21 de febreiro) "hai moito tempo que se dan as condicións pra unha grande folga, por unha cuestión de dignidade. Hai moito tempo que teríamos que ter saído á rúa pra pedir un cambio nas políticas económicas. Porén nós sós non o podemos facer (...) os sindicatos maioritarios a nivel estatal están centrados noutras cousas". As valoracións de Seixo son correctas, hai razóns e a necesidade de darlle unha resposta ás medidas antiobreiras da patronal e do Governo central (tamén da Xunta de Galiza), porén un paro xeral necesita dunha acumulación de forzas que o nacionalismo aínda non ten, a menos que faga vangardismo e só procure unha ación publicitaria (lavar a cara). Non se trata só de evitar o retroceso social, senón ademais de mudar a correlación de forzas no mundo do traballo. Neste escenario, tan complexo e con tantos atrancos e fragmentación, o vangardismo pode ser un erro, porén a falta de atrevemento pode levar a perder oportunidades que non se van repetir no futuro. Son dous aspectos negativos que decote van unidos e que non debemos esquecer nunca.

En todo caso sempre hai posibilidades de resposta. Un exemplo son as mobilizacións que se teñen convocado durante a crise en moreas de sectores e empresas en toda a nación galega polo sindicalismo nacionalista, ou as manifestacións que vai realizar o vindeiro día 10 de marzo. Ademais, pódese dar un contexto que permita facer acións máis fortes sen chegar a unha folga xeral, porén preparando o terreo pra que se poda realizar no futuro. Lembremos as "xornadas de loita" de 1978 (por qué non varios días ou unha "semán de loita"), con mobilizacións paros, asembleias, concentracións; conseguindo o apoio de organizacións sociais e políticas. Sexan estas ou outras as mobilizacións coas que continúe a loita, compre dicir que a CIG destaca hoxe, malia a complexidade e pluralidade interna de calquera central sindical de masas, como o referente na defensa dos intereses da clase traballadora galega. As ducias de conflitos e mobilizacións nas que participa esta central así o demostran, e con seguridade dará máis unha vez as respostas máis axeitadas ao momento, dacordo coa correlación de forzas e o estado de ánimo da povoación.

Manuel Mera é Director de FESGA.

Artigo tirado de GZ Nación, 22/02/2010.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |