Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Reboiras: militante exemplar

Artigos moncho reboiras

Por Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras Un 12 de agosto de hai trinta e oito anos, en Ferrol, na noite, unha ráfaga de metralleta segou a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, militante nacionalista de vintecinco anos

Por Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras
Un 12 de agosto de hai trinta e oito anos, en Ferrol, na noite, unha ráfaga de metralleta segou a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, militante nacionalista de vintecinco anos. Foi un asasinato, como confirmaron posteriormente varias testemuñas. A ditadura franquista pretendía, coa machada policial, esmagar o rexurdir do nacionalismo comprometido coas clases populares, coa democracia e a liberación nacional de Galiza. Nos días seguintes alargouse a represión cunha morea de detencións; moitos militantes da Unión do Povo Galego pasaron á clandestinidade ou a se refuxiar en Portugal, onde a Revolución do Cravos abría unha xeira de liberdade e ilusións. Reboiras comezara a militar anos antes no movemento cultural galeguista en Vigo, axiña organizouse na UPG e participou activamente nas loitas obreiras de 1972 que abanearon a maior cidade industrial de Galiza. Despois traballaría como electricista en Isolux na Coruña, onde viviría primeiro rente do cárcere e despois no Burgo. Daquela tiña unha estreita amizade con Moncho Valcárcel, o crego de Sésamo, que xogou un papel importante na loita de Meirama contra as expropiacións e no fortalecemento do que hoxe é o Sindicato Labrego Galego. A contribución de Moncho Reboiras aos primeiros xermes do sindicalismo nacionalista foi fundamental. El coordinou a Fronte Obreira da UPG que, en pouco tempo, daría lugar a que agromaran boletíns e organizacións de base en varias cidades: Xerme, o primeiro, na Coruña, Galego en Compostela, Adiante en Vigo, Ferramenta en Ferrol, etc. Destes xermolos xurdiría no ano 75, coincidindo coas eleccións sindicais no vertical, o Sindicato Obreiro Galego, que sería cerne da central sindical Intersindical Nacional Galega (ING). Para entender a importancia deste feito, cómpre saber que fóra de Quebec e Euskadi non existe no mundo unha central sindical nacionalista con presenza laboral semellante á que hoxe ten a CIG. Agora ben, para alén da súa contribución ao proxecto en momentos chaves, Moncho foi un militante exemplar, entregado, e que puxo a súa vida ao servizo da nación, da soberanía e da xustiza social, ou sexa: da xente, das clases populares. Reboiras tiña cualidades para se relacionar doadamente coas persoas, sempre cun sorriso nos beizos, a escoitar. Percorría no seu Seat 600 o país de cabo a rabo divulgando ideas, tecendo organización e dando unha man nas loitas reivindicativas do noso pobo. Foi, sobre todo, un militante social, con ideas claras e capacidade de análise. Hoxe, a trinta e oito anos do seu asasinato cómpre lembrar o seu contributo político, e o doutros nacionalistas, durante a longa noite de pedra da ditadura franquista. Reboiras reflicte ademais a importancia da vontade individual, da paixón militante e relación estreita coas clases populares, para a construción dun proxecto colectivo que sirva os intereses do pobo galego. Tamén nisto é un exemplo, como o foi ao dalo todo pola liberación nacional.

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |