Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Razóns pra unha folga.

Artigos 29-de-setembro cig clase-traballadora folga-xeral nacionalismo reforma-laboral sindicalismo

Sen dúbida algunha hai motivos abondo pra que a clase traballadora vaia á folga o vindeiro 29 de setembro, xa que tanto as últimas medidas de aumento da presión fiscal, como a rebaixa dos salarios dos empregados públicos e a chamada contrarreforma laboral, significan unha substancial queda nas condicións de vida e un retroceso nos dereitos adquiridos. En concreto, a reforma laboral rebaixa as indemnizacións por despedimento improcedente e favorece a súa utilización arbitraria pola patronal (co falso argumento de que favorece unha maior contratación), e privatiza en boa medida o servizo de colocación. Pérdense en dias dereitos que custou décadas conseguir á través de duras loitas e complexas negociación.

Manuel Mera.

Sen dúbida algunha hai motivos abondo pra que a clase traballadora vaia á folga o vindeiro 29 de setembro, xa que tanto as últimas medidas de aumento da presión fiscal, como a rebaixa dos salarios dos empregados públicos e a chamada contrarreforma laboral, significan unha substancial queda nas condicións de vida e un retroceso nos dereitos adquiridos. En concreto, a reforma laboral rebaixa as indemnizacións por despedimento improcedente e favorece a súa utilización arbitraria pola patronal (co falso argumento de que favorece unha maior contratación), e privatiza en boa medida o servizo de colocación. Pérdense en dias dereitos que custou décadas conseguir á través de duras loitas e complexas negociación.

Neste intre podemos afirmar que a crise económica e social (provocada polo medre das desigualdades sociais, a burbulla inmobiliaria e a especulación financeira) estase mal resolvendo con medidas que dan folgos a concentrar e centralizar máis a riqueza e afirman a especulación como a actividade económica máis lucrativa. Todos os dados económicos indican que as grandes empresas non só teñen resultados positivos senón que aumentan os beneficios nunha porcentaxe que multiplica o cativo 0,8% obtido polo conxunto da economía do Estado español no primeiro trimestre deste ano. Entre as empresas máis favorecidas están os bancos, telefonía, sector enerxético. Evidentemente este crecemento moi por riba da media conséguese a costa dunha redución dos custes salariais, e de rebaixar dos ingresos dos autónomos e pequenas empresas.

Porén, centrándonos na folga que está anunciada pra o vindeiro 29 de setembro, hai que recoñecer que pra alén de que haxa razóns abondo pra súa convocatoria, hoxe moitos traballadores pregúntanse ¿neste caso, unha vez que se está aplicando o decreto, terá algún resultado practico a súa realización?. Estas dúbidas non son casuais, non se pode ignorar que o lóxico sería que o paro se fixera antes de que o Governo aprobara o decreto, porén daquela tanto CC.OO como UGT confiaban no sistema. Polo tanto renunciaron a utilizar o único medio defensivo e de presión que ten a clase traballadora: a mobilización. Aínda que desde o sindicalismo nacionalista (CIG, ELA, LAB...) fixéronse manifestacións e actos de protesta, a falta de unidade xerou impotencia en sectores moi extensos, impedindo aglutinar e potenciar a morea de protestas existentes, que ficaron reducidas a un carácter local e conxuntural.

Agora ben, aínda que o anterior sexa certo, e que haxa centrais sindicais que teñen responsabilidade no acontecido ate hoxe, e que o ataque contra os dereitos dos traballadores ten como executor ao Governo central (PSOE), non podemos esquecer que este se dá por esixencia da patronal (CEOE), de partidos da oposición conservadora (PP, CIU) e dos organismos internacionais (FSM, BCE, etc). Tampouco se pode ignorar que houbo forzas políticas (BNG, NaBai, IU, ERC) que propuxeron medidas alternativas factíbeis, que favorecían á maioría social, gravando máis aos máis ricos, rebaixando así o déficit orzamentario e permitindo soster o investimento público. Estes matices son importantes, xa que meter a todos no mesmo saco pode terminar entregándolle o poder político a partidos que representan un modelo aínda máis neoliberal e contrario aos intereses nacionais de Galiza, ou sexa: os das clases populares.

Por último, tampouco é verdade que non teña ningunha utilidade práctica a folga e as mobilizacións contra a reforma laboral, xa que esta aínda se está debatendo no Parlamento, e polo tanto pode ir a peor como ficar en nada. Porén ademais, como sexa a resposta a esta reforma tan negativa, condicionará o que suceda con respeito ás pensións, que pase co adiado aumento de impostos aos grandes patrimonios e ingresos, e que se atranque ou acelere a privatización dos servizos públicos.

Artigo tirado de Avantar, 07/09/2010.

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |