O xoves 22 de maio presentarase o libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita (1950-1975). O volume, que conta na capa cunha ilustración de Leandro Lamas, presenta unha biografía de Xosé Ramón Reboiras, autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, seguida de dezanove textos en lembranza do militante nacionalista da man de compañeiros e compañeiras de activismo político. O libro tamén conta coa reprodución de catorce pezas artísticas da man de creadores e creadores que homenaxean así o figura de Reboiras Noia, ao chamado da comisión organizadora do devandito 50 aniversario, conformada polas Fundación Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Galiza Sempre.
O acto de presentación realizarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego a partir das 19h e contará coa presenza dos presidentes das tres Fundacións que conforman o devandito comité organizador, Suso Seixo, Francisco Rodríguez e Rubén Cela, que asinan o prólogo do libro, así como polas e polos integrantes da comisión de honra, integrada por compañeiras e compañeiros de militancia de Moncho Reboiras. O acceso ao acto é libre para todo o público que queira achegarse ao mesmo, até completarse o aforo.
Este acto realízase após a inauguración da mostra, comisariada por Vanesa Iglesias, na que se exhiben as pezas artísticas que se amosan no libro Moncho Reboiras. Símbolo da Galiza que loita (1950-1975), da man de pezas creadas por Leandro Lamas, Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) eEstudo Aldea. A mostra aínda se pode visitar até o 30 de maio (en horario de mañá e de tarde) no Centro Socio Cultural Maruxa e Coralia ubicado no nº4 da Praza de Salvador Parga da capital galega.