Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Presentación do libro “Do Piñeirismo ao Consello da Mocedade. O Rexurdir do nacionalismo galego”

Novas consello-da-mocidade libro lugo pineirismo

A Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza (FESGA) vén de publicar a obra “Do Piñeirismo ao Consello da Mocedade. O Rexurdir do nacionalismo galego”. Un ensaio da autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez de o filósofo e historiador Xoán Carlos Garrido. Enmárcase este libro no proxecto homónimo que deu lugar a unha exposición e documentario, patrocinados pola Deputación Provincial de Lugo.
  • O acto terá lugar a terza feira 14 de xaneiro ás 19:30 horas no Museo Provincial de Lugo

A Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza (FESGA) vén de publicar a obra “Do Piñeirismo ao Consello da Mocedade. O Rexurdir do nacionalismo galego”. Un ensaio da autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez de o filósofo e historiador Xoán Carlos Garrido. Enmárcase este libro no proxecto homónimo que deu lugar a unha exposición e documentario, patrocinados pola Deputación Provincial de Lugo.

Na devandita obra desenvólvese a evolución do nacionalismo galego desde o golpe militar españolista do 1936 até mediados dos anos sesenta do pasado século. A dicir dos autores, aquel tempo iniciaríase co asasinato dos principais cadros do nacionalismo galego, reconstituíndose no exilio o tecido patriótico galego, tendo como símbolos a Irmandade Galega (1941) e o Consello de Galiza (1944). Ambas institucións terían ao noutrora deputado nacionalista Daniel Rodríguez Castelao, que librara dun asasinato seguro, como máximo referente. Na nosa terra iría agromando un galeguismo eminentemente cultural arredor da figura de Ramón Piñeiro, membro até 1936 das Mocedades Galeguistas, creándose no 1950 o selo editorial Galaxia.

Segundo apontan os autores, unha nova xerazón de mozos nacionalistas apoiados polos vellos exiliados daría lugar no 1963 ao que se daría en chamar Consello da Mocedade. Este organismo estaría en ligazón co Consello de Galiza, goberno galego no exilio, asentado en Bos Aires (Arxentina) e terían como referente ideolóxico máximo a Castelao, xa finado no 1950, e a súa obra central Sempre en Galiza. O Consello da Mocedade tería como presidente ao mariñao Antón Moreda, quen no 1954 relanzara alén mar, xunto outros activistas, as Mocidades Galeguistas e volvera a Galiza no 1961 coa misión de remozar o nacionalismo galego na clandestinidade franquista.

A obra Do Piñeirismo ao Consello da Mocedade. O Rexurdir do nacionalismo galego apresentarase en Lugo o vindeira terza, 14 de xaneiro, ás 19.30hrs no Museo Provincial de Lugo. Acompañará aos autores o escritor e responsábel de publicacións da Deputación Provincial de Lugo, Xoán Ramiro Cuba". Con este acto darase por pechada a mostra que desde o pasado día 17 de decembro está aberta ao público no propio Museo Provincial.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |