Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Ponse en marcha o Centro de Documentación da CIG, arquivo do sindicalismo nacionalista

Novas arquivo centro documentacion nacionalista sindicalismo

Coincidindo co 12 de agosto, data na que se cumpiron trinta e oito anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia,  a Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou a posta en marcha do seu Centro de Documentación
Coincidindo co 12 de agosto, data na que se cumpiron trinta e oito anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia,  a Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou a posta en marcha do seu Centro de Documentación.  A central nacionalista está a realizar un importante labor de reunión de miles de documentos que teñen a ver co pasado do sindicalismo galego. Un esforzo que se desenvolveu nos últimos meses do pasado 2012 e o que vai do presente ano, co que a CIG sentou as bases do seu Centro de Documentación, na práctica o Arquivo do Sindicalismo Nacionalista Galego.

Esta tarefa corre a cárrego da Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza, noutrora FESGA, en homenaxe xustamente a aquel activista exemplar. Nesta altura, xa están a se clasificar centos de documentos, entre os que destacan publicacións como ‘Eixo’, nas súas diferentes etapas impulsadas polo Sindicato Obreiro Galego, a Intersindical Nacional Galega (ING) e a Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) ou ‘Adiante’, da Converxencia Xeral dos Traballadores Galegos (CXTG), entre outros. Algúns deses materiais fican arestora dispoñíbeis para a súa visualización e descarga na sección Arquivo Histórico do sitio web da fundación.

Ao longo do presente ano boa parte da devandita documentación será signaturizada, estando parte da mesma disponíbel para aquelas e aqueles investigadores interesados no pretérito do sindicalismo galego e, xa que logo, dunha parte da historia do país. Parello ao labor de clasificación e signaturización, a CIG quer estimular a todas e todos os activistas que teñan documentación histórica no seu poder de cara a que fagan entrega da mesma en favor do Arquivo do Sindicalismo Nacionalista Galego, a modo de depósito reversíbel.

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |