Paulo Carril: "Atravesamos unha profunda crise, pero a Xunta non ten unha política industrial de país que permita unha recuperación en condicións dignas"
Novas
[Artigo publicado na revista Enxergar nº3]
Begoña González Carballo
Desde hai catro anos ocupas a Secretaría Xeral da CIG. Nestes anos desenvolvéronse cambios de calado a nivel nacional e internacional, podéndose afirmar que estamos nun punto de inflexión, no que unha nova recesión económica se ve agravada pola pandemia. Que escenario abriu a COVID-19 para a clase traballadora?
Se partimos do feito de que en Galiza xa estabamos metidos de cheo nunha crise e que había unha recesión económica en marcha, a crise sanitaria veu agravar esta realidade, tendo en conta ademais que esta devastación cobra como principais vítimas aos sectores máis fráxiles: a clase traballadora e as maiorías sociais, que son as máis desprotexidas pola aplicación das duras políticas que se impuxeron, e que seguen en vigor, como consecuencia da crise financeira de 2008.
Polo tanto, ábrese un escenario de moitas incertezas e de moitas ameazas para avanzar nunha recuperación económica que permita unha dignificación das condicións de vida e das condicións laborais da clase obreira.
Que opinas das medidas que en materia laboral adoptou o goberno español en resposta á pandemia?
As medidas aprobadas polo goberno estiveron inspiradas ou fundamentáronse en dous perigosos principios: primeiro, en priorizar a saúde da economía fronte á saúde das persoas. E no segundo lugar, en confinar os dereitos da clase traballadora.
A sucesión de decretos e de medidas gobernamentais foron a oportunidade perfecta que utilizou o neoliberalismo para reforzar e aplicar a peor versión posíbel da reforma laboral e da negociación colectiva.
Que medidas propuxo a CIG diante desta crise sanitaria e económica?
Nun primeiro momento, defendemos que debería parar toda a actividade, agás os servizos esenciais, e establecerse un permiso especial retribuído para todas as persoas traballadoras. Segundo foi avanzando a pandemia, e na medida en que a evolución da crise esixía manter de forma permanente as medidas de restrición á mobilidade e de confinamento, consideramos que cumprían medidas doutro tipo, que salvagardasen o emprego de todas as persoas traballadoras e ao tempo garantisen os dereitos de conciliación daquelas que tiñan que asumir tarefas de coidados de menores, maiores, etc.
Rematado o confinamento domiciliario, na denominada "desescalada", dende a CIG presentamos unha batería de propostas que contemplaban medidas para evitar a destrución de emprego coa cortada dos ERTE, pero cumprindo unha serie de condicións de garantías de mantemento dos postos de traballo, imposibilitando simultanear ERTE con outras medidas como modificacións substanciais das condicións de traballo, descolgues salariais, inaplicación de convenio...
De cara a garantir os ingresos das persoas afectadas, que se manteña o cobro durante todo o ERTE do 70% da base reguladora, que as empresa completen até o 100% dos salarios ou entender como non consumido o tempo no desemprego. Tamén que estas medidas fosen aplicábeis ás persoas despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estivesen xa no desemprego percibindo prestación por desemprego.
Ante os problemas para poder cobrar o paro, propuxemos habilitar un procedemento especial e extraordinario para a confección das nóminas para efectuar os pagamentos semana a semana até a súa regularización. Xunto a isto, presentamos unha batería de propostas sobre o teletraballo, para garantir os dereitos de conciliación e medidas para unha nova fiscalidade.
Que avaliación fas da postura adoptada pola Xunta de Galiza para combater a pandemia sanitaria e económica?
Unha avaliación absolutamente negativa. Primeiro porque Núñez Feixoo fixo flagrante deixamento das súas funcións como presidente da Xunta, someténdose ás decisións que se tomaban en Madrid pero fraudulentamente presentadas polo PP ante o pobo galego como unha postura crítica. Chama a atención que non se adoptou ningunha medida das moitas que o autogoberno galego, aínda que limitado, permitía para salvagardar a saúde, o emprego e os dereitos de conciliación de todas as persoas afectadas.
A pesar do anterior, aínda coa política privatizadora e de recortes, a loita en defensa dos servizos públicos que durante anos estivemos levando adiante impediu que o impacto desta crise sanitaria fora peor. Así e todo, o extremo da mercantilización de saúde das persoas promovida polo PP durante estes anos, especialmente no sector das residencias de maiores e atención á dependencia, fixo que as consecuencias da crise sanitaria nas persoas maiores fose tan elevado.
Neste contexto, a inacción na deterioración que viñamos tendo en sectores industriais, agrarios e do pequeno comercio viuse empeorada sen que dende a Xunta se adoptasen medidas para evitalo.
Que avaliación fas da crise industrial que está a padecer Galiza e cal é a responsabilidade da Xunta de Galiza diante desta?
Galiza está metida de cheo nunha crise industrial como consecuencia dun modelo de desenvolvemento baseado na dependencia e submisión que dende o Goberno da Xunta hai das políticas acordadas en Madrid ou Bruxelas, que nos está levando á ruína e a que Galiza estea nunha situación de emerxencia nacional e social. Vemos como comarcas enteiras camiñan á desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización.
Pero esta crise industrial tamén é consecuencia do proceso, que se intensificou no marco da pandemia, relacionado co fenómeno da dixitalización e descarbonización da economía que están a ameazar o emprego e a continuidade do noso cativo tecido produtivo.
A Xunta de Galiza evidenciou e evidencia que non ten, como poder público, como administración, ningún deseño industrial senón que o que se chama política industrial da Xunta é un eufemismo para ocultar que os únicos proxectos que existen son os que marcan os fondos de investimento. Chama a atención que nos últimos anos teñan pechado e marchado moitas empresas e a descapitalización de empresas galegas que foron tomadas por capital estranxeiro, facendo máis vulnerábel o tecido industrial galego á deslocalización e ao xogo da economía especulativa e de casino.
Cal é a avaliación da CIG sobre o proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética? Que consecuencias pode ter para Galiza?
Este é un proxecto de Lei máis declarativo que de cambios reais, centralista e que mesmo invade competencias, que está ateigado de consignas e que deixa todo en mans privadas, sen deixar espazo para o público.
A CIG, dende o primeiro momento da publicación do proxecto de lei, e nun debate na dirección do sindicato e co corpo de delegados e delegadas dos sectores afectados, fixemos unha análise crítica e unha formulación de propostas alternativas.
Cales son as alternativas da CIG fronte a esta crise industrial e enerxética?
O pasado mes de outubro a CIG presentou as propostas para unha saída xusta galega da crise. Con estas propostas queremos combater calquera intención de que se diga de novo que a recuperación económica é a consecución de porcentaxes positivas nos datos macroeconómicos. Como tamén que nos sigan mallando coas mentiras sobre a nosa incapacidade como pobo galego para afrontar esta situación se non é con máis dependencia e submisión ao que desde Madrid acorden.
Neste documento, estruturado en cinco grandes apartados, recóllense as propostas para un plan de recuperación económica e industrialización e emprego digno en Galiza, entre as que hai medidas para unha transición enerxética galega e xusta, con dez alternativas que parten das diferentes iniciativas lexislativas populares promovidas pola CIG (como a tarifa eléctrica galega, a xestión pública dos saltos hidroeléctricos, protección do monte galego, etc.), a creación dunha empresa pública galega de electricidade ou unha estratexia de transición xusta en Galiza.
Ademais de propostas para a transición no sector da automoción, carburantes e biocarburantes, por outra xestión do residuos, de promoción da mobilidade de mercadorías e persoas sen emisións de CO2, un plan de investimento público na construción, nas infraestruturas e nas telecomunicacións, ou para acadar unha minaría sustentábel.
E cal é, en definitiva, o modelo de país a este respecto que defende a CIG?
Para a CIG as verdadeiras liñas de actuación para afrontar o cambio climático e camiñar a unha auténtica transición enerxética en Galiza xusta e democrática, no social e no territorial, deben supor avanzar paralelamente e de forma inseparábel en dúas direccións.
A primeira, en soberanía para Galiza, en poder decidir sobre os nosos recursos, sobre o noso modelo económico e social, que nos dea como pobo galego unha alternativa e viabilidade de futuro, e poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra. O aproveitamento dos moitos recursos que temos dispoñíbeis no noso país (produción de enerxía, recursos minerais, riqueza forestal, actividade de produción e transformación no sector agrario e pesqueiro, etc.) debe de estar ao servizo da creación de emprego digno, completar os ciclos produtivos, aumentar o valor engadido en sectores básicos da nosa economía, diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais e procurar un mellor equilibrio territorial e ambiental.
É dicir, estar ao servizo dunha rendibilidade social e non privada, que evite a destrución de emprego e a emigración, e consolide o respecto polos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo.
O segundo principio é que a enerxía debe estar ao servizo do pobo, porque é un ben básico, non un ben de consumo calquera. O que obriga os gobernos a tomaren medidas con urxencia que garantan o dereito fundamental de toda a poboación á enerxía eléctrica, favorecendo un prezo final para todo consumidor (doméstico e produtivo) accesíbel, e freando os aumentos constantes dos prezos impostos polas grandes corporacións eléctricas, que están a provocar que máis poboación estea na pobreza enerxética ou que máis empresas pechen polos altos prezos da enerxía.
Neste sentido, é necesaria a posta en marcha dunha serie de actuacións legais e de transferencia á Galiza de todas as competencias lexislativas coas que poder desenvolver de forma exclusiva estas políticas: regulación normativa para a concesión e xestión dos diferentes recursos naturais, sobre todas as concas hidrográficas e fontes de produción de enerxía existentes no noso país, así como todas as capacidade para o desenvolvemento económico e industrial.
Que opinión che merece que a estas alturas o goberno de coalición entre o PSOE e UP aínda non teña promovido a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións ou da chamada lei mordaza?
Co pretexto da crise sanitaria, o goberno español mantén a vixencia dunhas políticas que xa deberían estar derrogadas. A permanente publicidade e os rimbombantes anuncios sobre a axenda social do goberno, realmente agochan a continuidade destas políticas e incluso a aprobación doutras propias da doutrina neoliberal, velaí todo o paquete de reformas que se nos anuncian. As condicións obrigadas pola troika e pola UE para o acceso aos fondos de recuperación son un exemplo da nula vontade por acometer cambios radicais nestas políticas laborais e sociais. Ao contrario, avánzase un endurecemento destas sobre a base de manter na súa esencia a reforma laboral, seguir reformando o sistema público de pensións, etc.
Cal é a túa opinión de que diante desta situación tan difícil para a clase traballadora, tanto CCOO como UGT sigan coa política de pacto social, tanto coa Xunta de Galiza como co Goberno central e coa patronal?
Parécenos lamentábel que UGT e CCOO sigan apostando de forma tan fanática por un diálogo social que historicamente se ten convertido nunha auténtica fosa común de recorte de dereitos e de retroceso nas condicións de vida da clase traballadora e das maiorías sociais. Nun momento tan intenso na ofensiva do capital, apostar polo diálogo social significa unha grave renuncia á mobilización e a inevitábel confrontación se queremos avanzar na recuperación e conquista de novos dereitos.
Se no caso español esta situación é criticábel, no caso galego é incomprensíbel e suicida, xa que impide crear unha fronte na que conseguir políticas alternativas ante a grave situación que vivimos en Galiza. Ter máis preocupación en buscar alianzas coa patronal e co poder político que está ao servizo que coa CIG é un exemplo palmario das consecuencias do diálogo social, que non está posto ao servizo dos intereses da clase traballadora, senón do capital.
A pesar dos intentos de illamento que sobre a CIG promoven a Xunta, o Goberno central, a patronal e mesmo as centrais sindicais españolas e como, a pesar diso, a CIG segue a ser a primeira forza sindical en Galiza.
A chave está en ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte a explotación de clase, de ser combativos e combativas, firmes, e entender que o sindicalismo é unha ferramenta fundamental, facendo valer con toda a forza, a mobilización, a unidade e a solidariedade de clase para a mellora das condicións laborais e de vida.
Todos os intentos de illamento institucional téñense demostrado fracasados se somos quen de ter preocupación en ter iniciativas, en procurar ser referentes á hora de pórnos á fronte das loitas sociais, encabezar a conflitividade político-laboral e estar á altura das circunstancias que neste momento, máis que nunca, pasan por evitar que se substitúa o conflito pola conciliación, polo pacto e o diálogo social que o capital utiliza para impoñer o seu modelo. Temos que ter presente que as desfeitas que a crise actual está causando e pode chegar a ocasionar témolas que afrontar con decisión e convencemento no enorme potencial que ten a mobilización, a loita obreira e a loita social.
Cales son os principais obxectivos que vos marcades desde a dirección da CIG de cara ao VIII congreso que ides celebrar este ano?
Son varios os obxectivos que temos para este congreso. Primeiro no ámbito da acción sindical, demostrar que unha saída galega xusta da crise é posíbel, de acordo as propostas que estamos a facer dende a CIG ante a situación actual, con propostas de carácter económico, social e industrial e para a negociación colectiva. E ao tempo, unha actualización e reforzo das liñas organizativas que nos permitan consolidar e ampliar a nosa maioría sindical.
Neste sentido, redobrar os esforzos para acumular máis forzas coas que construír máis poder sindical, máis poder popular, para conseguir melloras reais nas nosas condicións laborais e de vida. Fortalecer a resposta unitaria da clase traballadora onde os sectores que están en mellores condicións de loita fagan súas as reivindicacións dos sectores máis desprotexidos, estendendo a nosa actuación sindical a todas as loitas, en todos os centros de traballo en todos os sectores.
Por último, unha organización convencida en que o conflito é a solución ante a dura realidade que atravesamos, porque non hai mellora real das condicións de vida, non hai dereitos, nin hai fin da explotación de clase, nin soberanía para Galiza que non pase pola permanente confrontación social, pero tamén ideolóxica contra o poder económico e político, combinando correcta e oportunamente a formulación de propostas alternativas coa mobilización que permita a súa consecución.
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza