Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Paremos ao Governo!

Artigos

Como a CIG condicionou a realización da folga xeral de xaneiro do 94

Hai 25 anos o sindicalismo nacionalista realizaba varias manifestacións que tiveron unha gran incidencia. O 10 de novembro unha na Coruña de toda Galiza, cunha asistencia de máis de 2.000 delegados e delegadas, e o 25 do mesmo mes en todas as cidades galegas máis Vilagarcia. Este último día CC.OO e UGT chamaron a protestas en todo o Estado. A consigna da manifestación da CIG nesta data era: paremos o Governo! Folga xeral polo emprego!

Daquela a CIG aínda era unha converxencia electoral da CXTG e INTG, que a esta altura mantiña unha unidade táctica permanente. As dúbidas sobre o futuro despexaríanse neste período e a unificación materializouse co Congreso de Unificación o 19 de marzo de 1994.

O semanario A Nosa terra indicaba sobre as manifestacións do día 25, que: “a asistencia ás mobilizacións galegas foi porcentualmente a máis elevada do estado, destacando a convocatoria de Vigo (...) CC.OO e UGT non conseguiron duplicar o número de asistentes ás manifestacións da CIG”. O semanario daba 20.000 participantes aos sindicatos estatais e 14.000 á CIG nas manifestacións na Galiza. ANT salientaba nesta mesma noticia: “CC.OO e UGT decidiron convocar unha folga xeral que será a segunda de 24 horas da democracia (a anterior fora o 14-D de 1988). As dúas grandes centrais asumen así unha proposta que viña lanzada en Galiza pola CIG” (ANT nº598; decembro 1994).

Cómpre dicir que dende o ano 1991 víñase mantendo a unidade de acción coas centrais estatais, dando lugar á folga xeral nacional galega de 1992. Mais esta unidade rachou por mor de CC.OO e UGT entrar a negociar un novo pacto social, disfrazado baixo denominación de concertación, coa patronal e o Governo do PSOE. Metidas nesta dinámica as centrais estatais rexeitaban o paro. Lembremos que o Presidente era Felipe González, o que condicionaba ao sindicalismo de ámbito estatal, e que UGT estaba liada co tema da PSV. A folga xeral terminou facéndose realidade o 27 de xaneiro de 1994, cando CC.OO e UGT víronse obrigadas a se sumar á esta medida de forza proposta polo sindicalismo nacionalista, diante das reviravoltas das propostas do Governo do PSOE, que tiñan un carácter regresivo.

A escusa para un novo pacto social era máis unha vez a crise económica. Nas mobilizacións de CCOO e UGT pedíase que este non se pagase en exclusiva pola clase traballadora, sen propoñer un modelo alternativo. A CIG definía así a súa postura respecto das propostas do PSOE: “O Governo en ningún momento se propuxo negociar a posta en práctica de medidas de fomento. do emprego. Todo o contrario, mentres enredaba ós sindicatos, as súas posicións fóronse endurecendo no camiño de acentuar a precariedade dos contratos, o abaratamento dos despidos. a privatización e redución dos servizos públicos, a liquidación do INEM, a individualización das relacións laborais, a centralización da negociación colectiva, etc” (Adiante voceiro da CXTG nº 58, febreiro 1994).

Naquel intre, no meu carácter de secretario xeral da INTG, facía a seguinte análise: “valoramos negativamente as medidas anunciadas polo Governo central en materia social e laboral. Coidamos que son regresivas en todos os aspectos e, contra o que se promete desde o Executivo, non garanten unha recuperación económica duradeira a a creación de emprego. Trátase de propostas que non son novas, xa que están na liña de actuación dos últimos anos, e deron como resultado o estancamento económico, a redución do emprego fixo, o incremento até o 35% da eventualidade, e unha cifra de traballadores en precario difícil de valorar, pero en todo caso moi superior á de calquera etapa anterior” (artigo publicado en La Voz de Galicia o 27-11-1993)

Agora ben, convén aclarar, que as mobilizacións dos sectores máis activos do movemento obreiro, como as do 10 e 25 de novembro por parte da CIG, estaban sustentadas en manifestacións previas tan importantes como as do 2 de marzo dese ano, cando se axuntaron en Compostela uns 15.000 traballadoras e traballadores convocados polas tres centrais (CIG, CC.OO, UGT). Estas protestas fundamentalmente tiñan como base as medidas regresivas do Governo, e sobre todo unha morea de conflitos e protestas reivindicativas da clase traballadora, que amosaban un estado de animo favorábel á confrontación de clase. Non era polo tanto unha postura aventurerista, vangardista a da CIG. Así o reflectían as manifestacións e paros do persoal de Masso para evitar o peche das fábricas en Cangas e Bueu, as folgas do sector do transporte e metal na provincia de Pontevedra, e os paros e protestas no mar, tanto da frota do banco Canario-sahariano como do arrastre, por poñer algúns exemplos. Ás que cómpre engadir as masivas manifestacións estudantís contra a suba das taxas. Dábanse as condicións obxectivas e subxectivas para unha folga xeral, tanto na nación galega como no Estado español. Máis houbo que darlle folgos, sementar ideas, folla de ruta, e gañar complicidade social, ese foi un papel esencial que se lle debe á CIG.

Artigo de Manuel Mera, Director da Fundación Moncho Reboiras


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |