Nova edición do Boletín do Arquivo do sindicalismo nacionalista
Publicacións
Desde a constitución da Fundación Moncho Reboiras por parte da Confederación Intersindical Galega (CIG), unha das encomendas é a xestión do Centro de Documentación da CIG. Esta tarefa supón a recompilación, clasificación, arquivo e, nos últimos anos, o proceso de dixitalización de toda a documentación existente desde os inicios do sindicalismo nacionalista, a principios dos anos 70 do século pasado. Este laborioso traballo de dixitalización abrangue unha vez completada a súa segunda fase máis de 1.400 documentos de todo tipo (cartaces, panfletos, actas, voceiros diversos, etc.).
O compromiso da Fundación Moncho Reboiras é levar adiante este labor con grande rigor, conscientes da responsabilidade que supón recompilar a maior información posíbel, clasificala e pola ao dispor de todas aquelas persoas interesadas en estudar, investigar e divulgar unha parte relevante da historia do sindicalismo galego e do seu movemento obreiro, polo tanto, dun aspecto moi importante do que foi a loita de clases na Galiza nos cincuenta últimos anos.
Ao longo do ano 2021 a Fundación Moncho Reboiras, en ligazón coa subvención aprobada pola Deputación da Coruña, centrou os seus esforzos en catalogar e dixitalizar 620 documentos dos que compoñen o fondo documental co que conta (nagúns casos froito de doazóns que desde a devandita Fundación se promoven desde hai década e media).
Estes documentos de gran interese histórico son, fundamentalmente, documentación interna (actas de organismos como a Executiva ou o Secretariado e Consello Confederal da Confederación Internacional Galega-CIG, informes, expedientes de resolución de conflitos...), así como posicionamentos públicos do sindicalismo nacionalista galego ou, entre outros, documentos de análise económico-laboral do gabinete técnico da CIG, aos que se suman publicacións periódicas editadas polo devandito movemento sindical, nomeadamente os números do “Boletín sindical” entre 2003 e 2019, así como algúns cartaces e volantinas. Material que se acha, ao abeiro da subvención que agora xustificamos, dixitalizado en PDF e catalogado.
Parello ao proceso de catalogación do devandito fondo documental, tamén se realizaron entrevistas para ampliar o fondo de testemuños do sindicalismo nacionalista galego. Foron en total seis persoas as que se gravaron en resolución HD, centrais na expansión do sindicalismo nacionalista galego.
Unha vez rematada está cuarta fase de catalogación e que fica dispoñíbel na nosa páxina web, desde a Fundación Moncho Reboiras presentamos esta publicación de carácter divulgativo, baixo o titulo “Boletín do Arquivo do sindicalismo nacionalista”, cunha tiraxe de 1.000 exemplares e o acceso á súa libre descarga.
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza