Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Non te deixes enganar, participa na folga xeral.

Artigos 29-de-setembro clase-traballadora dereitos folga-xeral reforma-laboral

Mañá, día 29 de setembro, a clase traballadora galega, conxuntamente cos traballadores e traballadoras das outras nacións que conformamos o Estado español, estamos chamados á folga xeral como resposta necesaria a esta nova agresión aos nosos intereses.

Suso Seixo

Mañá, día 29 de setembro, a clase traballadora galega, conxuntamente cos traballadores e traballadoras das outras nacións que conformamos o Estado español, estamos chamados á folga xeral como resposta necesaria a esta nova agresión aos nosos intereses.

Estas políticas de recorte dos nosos dereitos que o Goberno español (PSOE) está a levar adiante, concrétanse na reforma laboral, aprobada definitivamente o día 9 no Congreso dos Deputados; no recorte dos salarios para os traballadores e traballadoras da función pública; na conxelación das pensións, inicialmente, para o 2011; no recorte do gasto público e en reformas pendentes de aprobar como a das pensións, a da negociación colectiva ou a das prestacións por desemprego.

Cómpre insistir, unha vez máis, en que a clase traballadora non somos os responsábeis da crise económica, algo que esquecen, intencionadamente, o Goberno e aqueles que defenden a necesidade destas reformas laborais. Non foron os nosos salarios, nin o custo do despedimento, nin as pensións, nin o gasto público, nin a estrutura da negociación colectiva os causantes da crise económica, nin van ser os que nos saquen dela, máis ben todo o contrario. Polo tanto, é absolutamente enganoso, manipulador e indigno centrar a saída á crise na reforma do mercado laboral ou das pensións, ou no recorte do gasto público, e mentres, non só non se adopta ningún tipo de medida contra aqueles que son os verdadeiros culpábeis da mesma, senón que continúan coa súa política especulativa e seguen a obter enormes beneficios en plena crise económica.

Como traballadores e traballadoras, como homes e mulleres que temos unha visión progresista, de esquerdas, do que é a democracia e a xustiza social, non podemos permitir que, a través deste tipo de políticas neoliberais, se termine consolidando un modelo de sociedade profundamente antidemocrático e inxusto. Un modelo no que institucións como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial ou o Banco Central Europeo son os que fixan as políticas sociais, laborais e económicas dos gobernos. Institucións que carecen do máis mínimo aval democrático, sobre as que non hai control social de ningún tipo e que actúan en beneficio dos intereses dos grandes grupos económicos, favorecendo que a riqueza que producen as clases populares co seu traballo se termine apropiando dela unha minoría formada por especuladores e oligarcas.

O Goberno español (PSOE), igual que a Xunta de Galiza (PP), alíanse pois, unha vez máis, cos máis ricos e adoptan políticas que van supor un recorte de dereitos e de prestacións sociais e un empobrecemento da clase traballadora, e mentres, aqueles que provocaron a crise, que recibiron miles de millóns de euros do erario público, son os que agora, igual que xa o facían antes, presionan aos gobernos para que impoñan estas políticas de recortes de dereitos, ao tempo que aproveitan a crise para seguiren acumulando riqueza. Estamos, pois, ante un tremendo abuso de poder e unha enorme inxustiza social que vai ter graves consecuencias na nosa calidade de vida e na das novas xeracións. Por iso é tan importante que sexa exitosa a folga xeral de mañá, día 29.

Suso Seixo é o Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Artigo tirado de Avantar o 28/09/2010.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |