Martín Esparza (SME): "Na loita de clases se golpean a un sindicato, golpean a todos"
Audiovisual america-latina internacional luz-y-fuerza-del-centro martin-esparza mexico sme
Martín Esparza é Secretario Xeral do Sindicato Mexicano de Electricistas, unha organización sindical de grande relevancia non só naquel país senón no conxunto do continente latinoamericano, que se ten caracterizado ao longo dos seus 95 anos de historia por un firme combate na defensa dos intereses e dereitos da clase traballadora. A seguir publicamos a súa intervención no marco da Conferencia Internacional de Solidariedade co SME organizada pola Federación Sindical Mundial (da que fai parte).
Nela Esparza analiza a situación que atravesan após a decisión do goberno neoliberal de Felipe Calderón de pechar a empresa pública "Luz y Fuerza del Centro" que proveia de electricidade ao distrito federal, provocando 40.000 despedimentos e afectando a 18.000 xubilados da compañía. Neste intre preto da metade dos despedidos segue a resistir rexeitando o finiquito ofrecido polo goberno, e 93 traballadores están a protagonizar unha heroica folga de fame colectiva que xa supera os 30 días de duración. "A este goberno non lle importan as persoas, só os negocios" denuncia o lider sindical.
Nun país con 96 millóns de pobres, tremendamente militarizado e nunha situación de dependencia fronte a potencia imperialista do norte -os EUA-, o goberno mexicano ten iniciado unha intensa represión contra das forzas sindicais. Así o SME é duramente perseguido política, policial e xudicialmente -mesmo se lle suspenderon as súas contas bancarias coa pretensión de os afogar-, porén, contan cun significado apoio do pobo mexicano e reciben a solidariedade internacional de numerosas centrais sindicais do mundo, entre elas a CIG que foi un dos sindicatos participantes desta conferencia solidaria e un dos asinantes da súa declaración. Esparza agradeceu estas mostras de solidariedade ao tempo que advertía que "cando se golpea a un sindicato están a golpear a todos".
[media id=18 width=530 height=325]
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza