Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Libro "O nacionalismo galego na década dos 70"

Novas

Desde a Fundación Moncho Reboiras e a Confederación Intersindical Galega vénse de publicar o libro "O nacionalismo galego na década dos  70". Un volume coordinado por Suso Seixo e Uxío-Breogán Diéguez, co que se pon en valor o esforzo militante que representou a articulación do frontismo nacionalista no devandito período. Tal e como se indica no libro, edítase esta obra coa intención de "pór en valor o enorme traballo de teorización e autoorganización ao que deu lugar o nacionalismo galego desde a segunda metade da década dos anos 60 do pasado século e que cristalizou na década dos anos setenta, dando lugar a unha forte mobilización social. Un esforzo que sentou as bases do nacionalismo galego nas seguintes décadas, até a actualidade, en todos os ámbitos".

O libro suma a colaboración de destacados cadros do nacionalismo galego nos anos setenta: Lois Diéguez, portavoz nacional da AN-PG; Pilar Allegue Aguete, responsábel nacional de organización da AN-PG; Manuel Mera Sánchez e Suso Seixo Fernández, ambos membros da Dirección Nacional e Permanente da ING; Bernaldo Fernández Requeixo. I secretario xeral do SLG; Emilio López Pérez. II secretario xeral do SLG; Xosé Miranda Ruiz, membro da Permanente da D.N. de ERGA e Xulio Ríos, membro da Permanente da D.N. de ERGA e I secretario xeral da organización estudantil; Millán Picouto, expresidente da A.C. Auriense e María Pilar García Negro, expresidenta da A.C. Alexandre Bóveda; Carlos Vales, exsecretario xeral de ADEGA e Ramón Varela Díaz, expresidente de ADEGA.

A obra presentarase o Día da Patria, no marco do FESTIGAL, por volta das 20:10h, coa presenza de Suso Seixo, Pilar Allegue e Bernaldo F. Requeixo.

O libro fica acompañado polo documentario homónimo, que se pode visualizar na seguinte ligazón:  https://www.youtube.com/watch?v=rsH1R36LT8A


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |