Lembrando a Gramsci no 130 aniversario do seu nacemento
Artigos 130 anos gramsci manuel-mera
O pasado 22 de xaneiro cumpríronse 130 anos do nacemento de Gramsci na illa de Cerdeña e o vindeiro 27 de abril fará 84 anos da súa morte, como consecuencia da súa detención nunha cadea do réxime fascista de Musolini. Secretario xeral do Partido Comunista italiano, intelectual creativo, polémico, recreou a interpretación do marxismo como ninguén no contexto da Europea occidental. Foi quen de ligar o feito económico, co poder e as clases dominantes, a cultura hexemónica, a loita de clases, e a construción do poder popular. Gramsci é unha das leituras obrigadas para todo aquel que se propoña como obxectivo unha transformación liberadora da sociedade.
O conceito de Estado e a loita polo poder en Gramsci
Texto: Manuel Mera
O seguinte traballo sobre algúns dos aspectos sobre os que teorizou Antón Gramsci foi realizado por Manuel Mera no ano 2005.
Coido que Gramsci merece máis dunha leitura na etapa actual, sempre como un contributo, nunca como unha receita, porque en cada terra e tempo debemos atopar os camiños pra avanzar. Pra facer esta andaina, ademais dun coñecemento fondo da realidade nacional e internacional, da historia, dos teóricos máis clásicos, non podemos ignorar a pensadores do momento, que os hai moi bos, e procuran respostas acaídas pra forxar o futuro; penso, por exemplo, no último libro de Isabel Rauber “Movimientos Sociales y Representación Política”.
Antón Gramsci, ese gran loitador italiano contra o fascismo, militante socialista primeiro e fundador e dirixente do Partido Comunista despois (marxista heterodoxo e admirador de Lenin), nacido na Cerdeña. Detido e falecido na prisión, onde foi sometido a todo tipo de vexacións, o que non impediu que unha boa parte dos seus análises e reflexións foran feitos durante esta etapa da súa vida, concretamente nos famosos “Cadernos de cárcere”.
Pola súa importancia, de Gramsci quixera recoller neste artigo o seu conceito de Estado. Ante todo, e isto é fundamental, compre ter en conta que cando el valora a realidade italiana non só analiza a estrutura económica e a súa incidencia sobre a sociedade, senón ademais como e quen transmite a ideoloxía dominante. Ou sexa, que vencella o que acontece no eido da infraestrutura coa superestrutura, e estuda detidamente esta última, porque considera que hai unha eiva neste eido nas tarefas políticas desenvolvidas polas forzas que loitan pola transformación.
A transmisión da ideoloxía
Porén ¿que é a superestrutura? Ademais das institucións e organismos directamente dependentes do Estado, inclúe o que chama a “sociedade civil”. Coida como tal a escola, meios de información, igrexa, etc, que desempeñan funcións de hexemonía. Ou sexa que: a sociedade civil é o alicerce da sociedade política coa que está ligada de xeito indisolúbel e serve desta maneira pra artellar e transmitir a ideoloxía dominante. En poucas verbas, a ideoloxía dominante tamén se transmite a través de “aparellos chamados privados”. Aínda que a división que fai entre sociedade política (o estado no senso estrito) e a sociedade civil é nembargantes unha división metodolóxica.
Concretamente, en relación co papel da prensa elaborou diversos estudos, analizando como esta contribúe a organizar a ideoloxía dominante nos réximes liberais pra moldear a opinión pública cun fins determinados. Así por exemplo nos períodos eleitorais, a prensa e a radio (hoxe poderiamos engadir a TV) poden suscitar estoupidos de pánico e un entusiasmo ficticio pra favorecer o predominio ideolóxico (ou emotivo) dos grupos dominantes.
As masas populares deben ollar como natural a división social do traballo, e a división política entre governantes e dirixidos. Na situación concreta de Galiza, podemos engadir: a dependencia, o cerco e discriminación sobre a lingua propia e a identidade nacional.
A este respeito, sobre a vinculación do papel entre o político e a sociedade civil, comenta Aguilera de Prat no seu libro “Gramsci y la vía nacional al socialismo” o seguinte: “En situacións normais as contradicións son absorbidas pola sociedade civil, preparada pra educar e organizar o consenso dos governados... Mais a laboura de asimilación non pode ser completa xa que en ocasións as tensións son insostíbeis, producíndose un proceso de esfarelamento do bloque histórico... Nestes casos reforzase o rol represivo e o dominio directo do Estado.”
Resumindo, en relación ao conceito de Estado en Gramsci, dinos María Antonietta Macciocchi en “Gramsci y la Revolución en Occidente”, que “a clase dominante exerce o seu poder independentemente dos compromisos materiais con outras forzas sociais, non sómente por meios coercitivos, senón ademais pola súa visión do mundo, é dicir unha filosofía, unha moral, costumes, un sentido común que favorece o recoñecemento da súa dominación polas clases dominadas. No linguaxe histórico político, isto significa que o exercicio do poder por unha clase, nun intre histórico determinado, non só é a expresión das relacións económicas dominantes nese momento, senón que serve pra difundir certos valores que, á súa vez, están determinados por esas relacións e eses compromisos mediante os cales dita clase consegue axuntar en torno dela a todo un conxunto doutras forzas sociais coas que comparte, ou aparenta compartir, seu poder, illando deste xeito, pra premela millor, a clase directamente antagónica””
O Bloque histórico
Nos “Cadernos de Cárcere” Gramsci definirá a súa concepción sobre o “bloque histórico”, que comentamos antes, do seguinte xeito: “A infraestrutura e as superestruturas forman un bloque histórico, ou sexa que o conxunto complexo, contraditorio e discorde das superestruturas é reflexo do conxunto das relacións sociais de produción”. No bloque histórico, infraestrutura e superestrutura están nunha dependencia estreita nese conglomerado que Gramsci chama “forzas materiais e ideoloxía”.
O bloque histórico non é polo tanto só unha alianza de clases sociais, sen forma, xa que a hexemonía que asegura a súa cohesión corresponde a unha visión do mundo (superestrutura que lle garante á clase dirixente capacidade pra atender os problemas nacionais e dar solucións concretas (iinfraestrutura. Isto tanto é valido pra o vello como o novo bloque histórico, que en todo caso deberá non só procurar unha nova alianza de clases senón garantir a súa hexemonía. E a hexemonía, como a define Gramsci, é algo diferente a imposición, á ditadura, e ten nunha relación directa co conceito de Estado e de bloque histórico.
Evidentemente Gramsci concreta o bloque histórico, que naquel intre era a alianza entre a burguesía do norte industrial e os terratenentes da Italia meridional. A este bloque el opón un novo que ten como cerne a alianza da clase traballadora do norte e os campesiños meridionais, ao abeiro deste novo bloque histórico debese construír a nova hexemonía.
A loita das ideas
Dado a importancia do que Gramsci chama a “sociedade civil” na construción da hexemonía do “bloque histórico dominante”, e moi especialmente no eido da imposición da súa ideoloxía, dos seus valores e filosofía de vida, non abonda con ter maioría política nas institucións, nen mesmo coa toma do poder e un cambio na estrutura económica, porque a ideoloxía da bloque hexemónico politicamente derrotado continua con fortes bases e capacidade de incidencia na sociedade. Mesmo pra virar de novo a correlación de forzas ao xerar contradicións entre a nova situación económico e social é as ideas tradicionalmente dominantes. Polo tanto a loita pola hexemonía no eido das ideas é unha importante tarefa despois da toma do poder. Sendo deste xeito, será aínda máis necesaria cando a mudanza na correlación de forzas, de hexemonía, só se da no aparello político institucional.
Resulta evidente que unha vez tomado o poder, dado que a ideoloxía non muda tan rápido, a loita no eido das ideas segue a ter unha gran importancia pra consolidar a nova hexemonía. Agora ben, dada a valoración que do Estado fai Gramsci ¿non é tamén fundamental un cambio previo na correlación de forzas da loita pola hexemonía na superestrutura, mesmo na sociedade civil, pra toma do poder polo novo bloque histórico?. Ou sexa ¿non é moi importante ter unha forte incidencia no eido das ideas pra poder acumular as forzas necesarias pra o cambio?...
Un proceso de acumulación que na América Latina, na década dos 60, chamábase por unha parte da esquerda: a construción do Poder Popular. Entendíase por tal o proceso de acumulación de forzas pra garantir o éxito da “guerra popular prolongada” ou da “insurreción popular”. Unhas teses enfrontadas ás daquelas forzas que defendían o foquismo ou a insurreción espontánea. Entendían estes últimos que a toma do poder por un pequeno grupo, clarificado e atrevido, garantía posteriormente a construción dunha sociedade socialista e de homes novos. Estas teorías facían unha leitura errada da Revolución Cubana, ignorando máis dun século de loita contra a colonización española e as ditaduras estranxeirizantes en Cuba, e o longo proceso de acumulación de forzas e madurez das ideas libertadoras e de xustiza social, das que o proceso revolucionario de finais da década dos cincuenta foi un momento álxido.
A actualidade de Gramsci
Se temos en conta a correción desta análise sobre o Estado, que segundo Gramsci vai alén do aparello institucional nun país plurinacional como Italia, así como a importancia que xa tiña a loita no eido das ideas na década dos trinta, todo reflicte que no intre actual e no noso entorno a denominada “sociedade civil” ten cuantitativa e cualitativamente un maior peso.
Sen dúbida a extensión conceptual do que significa o aparello do Estado plantexa novas tarefas aos partidos, frontes, movementos ou calquer tipo de organización, que se propoña derrotar ao “bloque hexemónico”, e máis concretamente transformar a sociedade. Daquela, se na década dos trinta cumpría en Italia un partido de masas, participativo, con tarefas en todos os eidos pra avanzar na transformación da sociedade, porén especialmente na loita ideolóxica (na formación da conciencia social) ¡imaxinémonos hoxe!.
Ademais, no marco actual, na Europa occidental, o novo bloque histórico debe acadar a hexemonía exclusivamente ao traveso da loita política. Non existe polo tanto a toma do poder, só governar o Estado no senso máis restritivo, e, daquela resulta imposíbel avanzar a menos que se conte cunha forte implantación social, organizada, e a hexemonía no eido das ideas. A disputa na superestrutura semella fundamental, máxime cando non hai un pulo da conciencia social e política como o que sempre causa o trauma dramático da Revolución armada, da violencia, da ruptura co pasado e a imposición dun novo modelo económico e social e das ideas ao bloque histórico derrotado. Hoxe, na maioría dos países a hexemonía debese conseguir no debate cotián, ao traveso da tensión social, nas respostas acaidas aos problemas na rúa e nas institucións, coa complexidade que hai en certas circunstancias pra combinar ambas evitando as inercias e o carácter abafante do marco imperante. Hoxe o suxeito é máis complexo, e debe ser necesariamente máis democrático, participativo, polo que o conceito de hexemonía amosase máis vivo que nunca.
Polo tanto semella contraproducente, mesmo un perigoso fortalecemento das clases dominantes, do que Gramsci chama o “bloque histórico”, a institucionalización e o elitismo no marco actual dos partidos de liberación. Especialmente cando na práctica deixan fora da súa esfera de traballo político á maior parte da estrutura por meio da que se transmite a ideoloxía dominante, e mesmo abandonan ou refugan a relación prioritaria cos movementos sociais. Todo isto nun contexto no que os meios de comunicación están controlados por grandes e poucas empresas, e comarcalizan ou deforman a información dos conflitos sociais e políticos que non lles interesa.
O organizativo e a hexemonía
No intre actual, malia o importante aumento da clase obreira tamén está máis fragmentada, os labregos son minoría, e a mocidade perdeu peso. E todos eles, xunto cos pequenos empresarios, están cercados; ou carecen de emprego; ou traballan horas arreo e cada día que pasa empeoran as súas condicións de vida. Estas limitacións plantexan mesmo problemas primarios, por exemplo ¿como incorporalos organicamente, garantir a participación, con tantas limitacións? ¿como darlles o protagonismo social e político que lles corresponde a eles que son alicerce e prioritarios pra defensa da nosa nacionalidade?... Evidentemente non hai outro camiño que non pase polo orgánico partidario e por unha maior presenza das organizacións sociais na actividade política xeral.
Porén, aínda naqueles partidos e movementos de liberación que recoñecen que hai que afortalar o traballo de base e polo tanto a comunicación directa coas clases populares, na práctica, se un analiza os organismos de direción pode comprobar como a inmensa maioría dos dirixentes son cargos institucionais, provintes das categorías profesionais e de funcionarios. E isto é o máis sinxelo de mudar, mesmo debería ser o primeiro paso pra dar resposta teórica concreta e orgánica fronte ás inquedanzas sociais. Sen unha práctica coherente non é doado artellar un discurso que chegue ás maiorías sociais, ou sexa: dar o debate no eido da superestrutura; cando menos pra conseguir unha hexemonía ao servizo dun novo bloque histórico dominante.
Sei que nos últimos anos da ditadura franquista e nos primeiros da transición isto foi doutro xeito, mais ese contexto desapareceu fai décadas, e as organizacións mudaron con máis presa e facilidade os obxectivos e programas que os métodos e formas de funcionamento, nacidos en moitos casos pra actuar na clandestinidade. Son cuestións que dan que pensar, máxime cando as mudanzas fixéronse silandeiramente, mesmo as veces sen cambios estatutarios. Se non hai debate interno, claridade de obxectivos, é moi difícil procurar a hexemonía no eido das ideas, artellar estratexias liberadoras, e polo tanto construír poder popular. Aínda que se avance eleitoralmente,... que poucas veces é o caso, cando menos por un longo período de tempo.
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza