49º aniversario do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia
Novas
Foi central na obreirización da UPG e impulsor do Sindicato Obreiro Galego (SOG) no 1975, a partir dunha dinámica que inicia con outros compañeiros e compañeiras desde 1972 (sendo após as mobilizacións de marzo daquel ano en Ferrol, e a represión coa que se saldaron, o autor do dossier que se publicou como Terra e Tempo especial; publicación na que se daba conta da magnitude da represión e de como era necesario responder á ditadura coa creación dun "forte bloque nacional-popular", así como dun "destacamento armado", co que defender as loitas populares).
Na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Xosé Ramón Reboiras, na rúa da Terra de Ferrol, xunto a outros dous militantes nacionalistas (no marco da toma de contactos para crear o SOG na devandita cidade e bisbarra de Trasancos). Un operativo que se saldou co asasinato de Moncho Reboiras, mentres protexía a fuxida dos seus compañeiros.
Hoxe, día no que se cumpre o 49º aniversario daqueles feitos, a Fundación Moncho Reboiras realizará, un ano máis, unha ofrenda floral ás 10:45h ao pé do cemiterio de Imo, onde foi soterrado quen dá nome á entidade, referencia militante dun período histórico no que houbo que enfrontar o tardofranquismo, a risco de caer detido, ser torturado e/ou perder a vida, para sentar as bases dunha nova etapa do nacionalismo galego, destacando a xénese do que logo sería un vizoso movemento obreiro galego, materializado co tempo até os nosos días na Confederación Intersindical Galega (CIG).
2025 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza