Estudo socioeconómico da Terra de Soneira
No acto falou Xosé María Lema Suárez, autor de numerosos libros sobre a historia e patrimonio da Costa da Morte, da que forma parte a Terra de Soneira, e Manuel Mera, coordinador da publicación. A introdución foi feita polo alcalde de Zas, Manuel Muíño. O alcalde nacionalista do Concello de Zas agradeceu a publicación deste estudo, que coida é unha contribución máis a un mellor coñecemento da bisbarra. Destacou que nel aparezan persoas representativas de distintos ámbitos que valoran a situación e fan propostas sobre as problemáticas ás que se enfronta a Terra de Soneira, e valorou positivamente a extensa parte estatística. Fixo ademais mención a que este era un día de optimismo polo anuncio da construción dun xeriátrico en Vimianzo, cun custe de oito millóns de euros, e que daría emprego a 300 persoas, das que parte (con seguridade) serían do Concello de Zas.
Xosé María Lema realizou unha exposición centrada na riqueza do patrimonio comarcal: inzada de dolmens, porén tamén de petroglifos, castros, restos romanos (en Brandomil), numerosos pazos, e o castelo de Vimianzo. Non esqueceu na súa intervención o papel relevante dalgunhas familias da zona na historia do país. Destacou asemade a importancia das actividades festivas e culturais que procuran lembrar feitos históricos (como a toma do castelo de Vimianzo) ou reflicten costumes populares que é necesario conservar vivas (como a festa da Carballeira no Concello de Zas). Realizou un chamado para recuperar e defender esta riqueza patrimonial e cultural, non só polo que ten de identitario senón ademais polo que aporta para dar folgos á actividade turística e á economía en xeral.
Pola súa banda Manuel Mera deu grazas ao alcalde por presentar o acto, indicou que esta publicación contou cunha achega económica da Deputación de A Coruña, concretamente de Promoción Económica, e salientou que o libro aportaba practicamente toda a estatística coa que se contaba ao día de hoxe sobre a bisbarra, que destes dados se desprendía o fundamental da situación económica e social, sen necesidade de extensos comentarios, e que ese espazo aforrado dedicouse a recoller a opinión de persoas representativas ligadas a distintas actividades. Fíxose deste xeito xa que é esencial coñecer os atrancos e potencialidades vistos pola xente, e sobre todo termos en conta o estado de ánimo da poboación, que sempre actúa sobre a economía para empurrar ou desalentar. Indicou que a importancia que se lle dá á fotografía non é casual, nen só coa finalidade de facer bonito o libro, senón especialmente para chantar ao leitor no lugar e diante das potencialidades reais da comarca, tanto naturais como económicas, xa que unha foto di as veces máis que cen palabras.
Mera destacou que a comarca ten grandes potencialidades, e que malia a crise que se aveciña hai que ver con optimismo o futuro, xa que sen dúbida modificará a medio prazo de xeito positivo as tendencias actuais do modelo económico. O Estudo socioeconómico da Terra de Soneira é un libro de 20×22 cm, a toda cor, de 96 páxinas, dividido en varias seccións: Hábitat, historia e patrimonio; Valoracións e propostas da situación socioeconómica; Experiencias económicas, sociais e culturais; Estatística. A parte sobre historia e patrimonio foi realizada por Xosé María Lema Suárez; a análise sobre a economía da comarca é obra de José Manuel Roget e Fernando Mancebo; as reflexións sobre a situación da Terra de Soneira son de Manuel Antelo; hai entrevistas sobre a situación agro gandeira a Anselmo Ramos, Óscar Lema e José Trillo; sobre a situación forestal a José María Vázquez, Modesto Angües e Óscar Soto; encol da pesca fala Modesto Lobelos Tajes; e sobre a actividade xuvenil faise un percorrido pola actividade de Axvalso e Cherinkas.
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza