Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Entrevista a Eric Toussaint: “Se non hai unha saída anticapitalista a esta crise, haberá unha saída capitalista”.

Artigos alternativas capitalismo crise-sistemica eric-toussaint esquerda

A saída capitalista á crise baséase soamente en aumentar a presión sobre o traballo e pasar a factura aos asalariados. Foi sempre a mesma solución. Mesmo pode haber unha saída capitalista neokeynesiana. O que chama a atención é que en 2008 a crise era tan profunda que os Gobernos de dereita e os ideólogos do capitalismo atravesaron unha crise de confianza. Temeron unha saída anticapitalista porque vían que o que se aveciñaba era unha auténtica crise do capitalismo.

A saída capitalista á crise baséase soamente en aumentar a presión sobre o traballo e pasar a factura aos asalariados. Foi sempre a mesma solución. Mesmo pode haber unha saída capitalista neokeynesiana. O que chama a atención é que en 2008 a crise era tan profunda que os Gobernos de dereita e os ideólogos do capitalismo atravesaron unha crise de confianza. Temeron unha saída anticapitalista porque vían que o que se aveciñaba era unha auténtica crise do capitalismo.

- Como se explica que, malia a dunha redución do salario real desde o ano 1982 até 2007, o consumo nos países do Norte teña un nivel de crecemento alto?

Durante todo ese tempo, o consumo de masas sostívose grazas ao endebedamento privado. Os que permitiron isto son as empresas capitalistas do sector do crédito que outorgaron liñas de crédito máis voluminosas. Fixérono a través dunha montaxe totalmente artificial de instrumentos de débeda e, inesperadamente, a cadea do endebedamento privado en EEUU rompeu no elo máis débil, que era o sector do crédito hipotecario nun segmento do mercado que era o das hipotecas subprime: os sectores da poboación máis fráxiles que aceptaron endebedarse en condicións extremas, con taxas de xuros baixas os dous primeiros anos e pasando a 13% de xuro anual os seguintes anos. Este sistema de endebedamento funcionaba mentres a burbulla inmobiliaria seguía crecendo, mentres o valor da vivenda subía. En EEUU era posíbel refinanciar a súa débeda cada dous anos baseándose sobre o novo valor da vivenda que aumentara. Todo isto era sen contar cunha sobreprodución de vivenda no ano 2006 e a caída en 2007 do valor da vivenda que xerou a crise das subprime. Para resumir, asistimos, coa crise financeira dos anos 2007- 2008, a unha crise da débeda privada, que se está transformando agora nunha crise da débeda pública do Norte porque o Goberno de EEUU -mais tamén o Goberno británico, belga ou francés- rescatou a banca privada regalando diñeiro. Aí é cando a débeda privada se transformou en débeda pública. O sector público asumiu o custo do rescate.

- En que situación estamos agora?

Chegamos a un círculo vicioso no cal para rescatar a banca privada están a se endebedar os Estados e financian ese endebedamento pedindo empréstitos á mesma banca. A explosión da débeda pública obriga os Gobernos a diminuír o gasto público, a reducir o gasto nas universidades, reducir as subvencións á saúde pública, limitar os investimentos en infraestruturas públicas, conxelar os salarios dos funcionarios. Por iso volvemos a un discurso de axuste estrutural nos países do Norte e só estamos empezando a enfrontarnos á situación.

- Como se atopa o sector inmobiliario?

Respecto da crise inmobiliaria, sabemos que no Estado español a vivenda está aínda sobrevalorada nun 50%. En Inglaterra estao nun 30% e en Irlanda nun 30%. É dicir, a crise inmobiliaria non terminou. Quizais en EEUU toque fondo. Doutra banda, empeza agora a crise inmobiliaria do sector comercial coa creba en Dubai dun proxecto de edificios comerciais. Sabemos que a débeda contratada polo sector privado no sector comercial é enorme e que esa crise do sector comercial vai crecer coa crise económica. Algunhas empresas de servizos van ter que pechar oficinas.

- Cales son as especificidades da crise española?

No Estado español non houbo a mesma crise bancaria que na maioría dos países occidentais -como en Inglaterra, EEUU ou Bélxica- onde o rescate foi masivo. Quizais se produza nun futuro próximo cando vexamos que o BBVA ou o Banco Santander, que até o de agora non parecían tan afectados, poidan estalo tamén.

- Estase acabando o sistema capitalista?

O sistema capitalista atravesa unha crise moi grave. No pasado este mesmo sistema xa pasou por crises moi severas e é importante entender que, se non hai unha saída anticapitalista a esta crise, haberá unha saída capitalista. A saída capitalista á crise baséase soamente en aumentar a presión sobre o traballo e pasar a factura aos asalariados. Foi sempre a mesma solución. Mesmo pode haber unha saída capitalista neokeynesiana. O que chama a atención é que en 2008 a crise era tan profunda que os Gobernos de dereita e os ideólogos do capitalismo atravesaron unha crise de confianza. Temeron unha saída anticapitalista porque vían que o que se aveciñaba era unha auténtica crise do capitalismo. Eles sábeno, négano nas grandes entrevistas de televisión, pero, lendo o Financial Times ou The Economist, un pode dicir que non erraban. Imaxinaron que, desde as bases da esquerda, xurdiría unha denuncia do capitalismo, pero non ocorreu. A esquerda tradicional acompañou o rescate da banca. Sarkozy, que chegou a falar de refundar o capitalismo nalgunhas entrevistas, non volveu a falar do tema porque non atopou unha denuncia suficientemente forte como para o refundar. Por que refundar algo que a xente pode seguir aturando?

A crise de credibilidade da esquerda

Non comparto a idea de que as propostas ofrecidas polas esquerdas son demasiado radicais e que son rexeitadas por ese motivo. O problema fundamental é que a maioría dos pobos do Norte afrontan unha crise de confianza na política. É unha crise de credibilidade da esquerda, unha crise do proxecto da esquerda, pero non porque sexa demasiado radical senón porque durante as campañas electorais a esquerda fai promesas de esquerda e, estando no poder, desenvolve programas de dereita. A esquerda acaba executando políticas sociais neoliberais e iso provoca frustración e perda de confianza. Ademais, como a esquerda tradicional non ofrece unhas críticas claras do sistema, as confusións xeneralízanse. Estas confusións débense tamén á influencia dos medios de comunicación dominantes. O obxectivo destes medios é crear confusións, maquillar os datos, dar falsas explicacións, e a esquerda, que antes daba explicacións claras sobre a crise, non as está dando, e mesmo abandonou os seus propios xornais. Cantos xornais de esquerda existen en Europa comparando con hai 30 anos? Para min, o verdadeiro problema non é que as propostas sexan demasiado radicais. O problema real é a perda de credibilidade.

Entrevista tirada de ‘Diagonal’, núm. 121, 16/03/2010.

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |