Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Dispoñíbeis os números 8 e 9 de Comprendermos

Publicacións

Editamos en parcería co semanario SermosGaliza, dous novos números de Comprendermos, que poñemos agora a disposición do público no noso sitio web.

Comprendermos | 8

O número 8 de Comprendermos dedica as súas páxinas centrais a lembrar a histórica mobilización labrega e popular que en 1987 se revolveu contra as consecuencias catastróficas do ingreso no Mercado Común Europeo. Unha vaga de protestos atravesou Galiza en oposición á cota láctea e a unha política agraria que condenaba o noso sector primario a unha gradual desaparición. O artigo de Manuel Mera, e unha entrevista con Emilio López (Milucho), daquela Secretario Xeral do Sindicato Labrego Galego, achégannos á realidade dunha loita que foi impulsada polo nacionalismo galego e na que ficou demostrada a capacidade de respota do sector. Contamos tamén neste número cunha entrevista a Margarida Corral, Secretaria Confederal de Muller da CIG, que nos convoca a “feminizar a loita sindical e incorporar a perspectiva de clase á loita feminista”. Doutra parte, Xabier Pérez Igrexas realiza unha análise sintética das últimas cifras e magnitudes socioeconómicas do país, na que se verifica o saqueo contra a clase traballadora. Na sección conceptos, Iuri Domènech aborda a centralidade da clase obreira na construción teórica (e práctica) de Marx e do marxismo, ao fío de se cumprir este ano o 150 aniversario da publicación do primeiro volume de O Capital. Finalmente, recollemos as liñas principais da actual campaña da CIG, pola defensa das pensións e a recuperación dos nosos dereitos, expostas por Suso Seixo en recentes intervencións públicas.

Comprendermos | 9

No número 9, en páxinas centrais, réndese unha modesta homenaxe á personalidade revolucionaria de Fidel Castro, falecido en novembro pasado, cun traballo de Manuel Mera no que analiza o legado político e teórico de Fidel aos pobos e á clase traballadora do mundo. Entrevistámonos con María López, delegada da CIG en Mercadona, galardoada este ano co premio 8 de marzo que lle entregou a central sindical en recoñecemento á súa resistencia fronte unha empresa manifestamente represora e hostil ao sindicalismo de clase e combativo. Publicamos tamén unha entrevista a Patricia Cordo, representante da sección sindical da CIG na empresa Extel da Coruña, receptora do premio 10 de marzo deste ano pola loita mantida contra esta filial da multinacional suiza Adecco. Doutra parte, Miguel Malvido, Secretario Confederal de Emprego e Industria da CIG analiza a situación laboral na Galiza, onde a temporalidade e o traballo a tempo parcial veñen precarizando até o extremo a contratación. Na sección conceptos, Iuri Domènech cuestiona desde un enfoque de clase a Renda Básica Universal, como unha falsa solución a un problema mal formulado. Finalmente, o historiador Bernardo Máiz escrebe sobre o significado histórico do 10 de marzo do 1972, como gonzo transformador da clase traballadora galega.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |