Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Comprendermos | 16

Publicacións comprendermos sermos-galiza

Xa podes dispoñer do número 16 do Comprendermos, o caderno da Fundación Moncho Reboiras, para a súa descarga ou consulta en liña.

Neste décimo sexto caderno, publicado o pasado 25 de outubro conxuntamente co semanario SermosGaliza, abordamos o total abandono do monte galego e como mediante as políticas da Xunta de Galiza, o noso monte fica ao servizo do lobby forestal. Neste artigo de análise elaborado por Xosé Alfredo Pereira, Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, denúnciase a farsa do novo Plano forestal de Galiza impulsado pola Consellería do Medio Rural. O contido desta primeira revisión, ademais de ser elaborado sen o consenso do sector dos montes e de incautar o monte veciñal aos seus lexítimos titulares (a veciñanza comuneira), significará pór o territorio e os montes galegos ao servizo dos intereses do lobby forestal e madeirista.

Nas páxinas centrais deste Comprendermos 16, o lector atopará unha entrevista realizada polo noso colaborador, Xabier P. Igrexas, a Suso Bermello, novo secretario nacional da CIG-Ensino. Debullamos con el o balanzo do traballo realizado polo sindicalismo nacionalista no ámbito educativo cando ficamos ás portas dun novo proceso de eleccións sindicais. Na entrevista, Bermello ofrece tamén a súa valoración da situación das políticas educativas tanto a nivel estatal como galego, marcadas –segundo apunta– pola continuidade no modelo de recortes imposto polo Partido Popular.

Afondamos un pouco máis na historia do nacionalismo galego da man de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, profesor da UdC. Neste artigo titulado “A Asembleia Nazonalista de Lugo (1918)” analízase a importancia que tivo para o que a día de hoxe coñecemos como nacionalismo galego. En dita Asemblea, as Irmandades da Fala aprobaron o manifesto da “Asembleia Nazonalista de Lugo”, onde puxeron os alicerces para o agromar dun partido político propio, e polo tanto para autoorganización do pobo galego.

Pilar Rodríguez, enfermeira e integrante do colectivo “PACs en pé de guerra”, achéganos como as políticas de recortes que vén desenvolvendo nos últimos anos o Partido Popular están a producir cambios importantes na sanidade galega As reivindicacións teñen que ver coa sobrecarga laboral, a dotación de persoal insuficiente para facer ben o seu traballo, a falta de equipos de seguridade e a equiparación coas condicións de traballo co resto do persoal do SERGAS. Destaca que as traballadoras e traballadores dos PACs vense obrigados a convocar Folga, xa que os meses de negociación foron estériles coa administración pública.

Pechamos o noso caderno cunha análise de Francisco Sío, secretario confederal de negociación Colectiva da CIG, baixo o título “Explotación laboral sen fronteiras”. Afondamos como o empresariado galego e a propia administración pública nos seus diferentes niveis fomentan o “dumping social”, reducindo custos e baixando prezos na prestación de servizos, prácticas que afectan cada día a milleiros de traballadoras e traballadores transfronteirizos, tanto a unha como á outra beira do río Miño. Nestes contexto, a CIG vén de acordar un protocolo de actuación conxunto coa CGTP-IN.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |