Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Caixas Galegas: crónica dun expolio (video-reportaxe)

Audiovisual aforro caixas privatizacions

A Fesga-Fundación Moncho Reboiras apresenta unha reportaxe de 12 minutos de duración sobre as consecuencias da privatización das caixas galegas sobre a economía do noso país. Conta coas entrevistas a Xavier Vence (catedrático de Economía Aplicada na USC), Clodomiro Montero (Secretario Nacional da CIG-Banca e Aforro) e mais a Carlos Aymerich (portavoz do BNG no Parlamento galego).

A Fesga-Fundación Moncho Reboiras apresenta unha reportaxe de 12 minutos de duración sobre as consecuencias da privatización das caixas galegas sobre a economía do noso país. Conta coas entrevistas a Xavier Vence (catedrático de Economía Aplicada na USC), Clodomiro Montero (Secretario Nacional da CIG-Banca e Aforro) e mais a Carlos Aymerich (portavoz do BNG no Parlamento galego).

As caixas de aforro son entidades financeiras de carácter público. Malia ofreceren os mesmos servizos que a banca privada, carecen de accionistas que se embolsen dividendos, destinando os seus beneficios a reservas que garantan a solvencia da propia entidade e, o que é más importante, revertíndoos directamente na sociedade a través da súa obra social.

É en 1880 onde baixo o patrocinio e garantía do Concello de Vigo se constitúe a primeira caixa galega: a Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo. En1930, resultado da acción comprometida do dirixente galeguista Alexandre Bóveda, nacerá a Caixa de Aforros de Pontevedra. Tres anos despois créase a Caixa de Aforros de Ourense. Na última metade do século XX agromarán tamén a Caixa Rural de Ourense e Caixa Galicia, en 1961 e 1978  respectivamente. Coa entrada do século XXI as caixas vivirán un proceso de integración. As fusións da caixas de Vigo, Ourense e Pontevedra darán lugar á aparición de Caixanova.

As caixas constrúense a partires do aforro galego. Son fundamentalmente as familias traballadoras galegas a través dos seus depósitos as que constitúen a base fundamental das nosas caixas.

É innegábel o importante papel que as caixas de aforro galegas xogan na nosa economía desde o seu nacemento. Son unha das principais fontes de crédito, e xa que logo de dinamización económica, tanto para familias como para empresas. A súa natureza pública posibilitará que a súa actividade se desenvolva en condicións moito máis vantaxosas e accesíbeis que as ofertadas pola banca privada.

En chave de país as caixas constituíron durante todos estes anos un dos principais instrumentos financeiros da nosa economía. E todo, malia arrastrar significativas deficiencias, quer de carácter democrático quer na xestión, que pola acción dos seus directivos nos últimos tempos desvirtuaron na práctica o seu carácter público, e relaxaron o compromiso territorial, utilizando o aforro galego para financiar p.ex. a especulación urbanísitca de El Pocero. Esta situación foi denunciada de xeito reiterado pola CIG apostando por unha nova Lei Galega de Caixas que frease o proceso de desdemocratización, desgaleguización e privatización crecente das mesmas en beneficio unicamente de varios clans familiares que tiñan, de facto, o control das caixas, como ven de demostrar o escándalo das indemnizacións a ex-directivos.

A vixente crise do capitalismo xorde ao estourar a burbulla financeira das denominadas hipotecas lixo. Para saír dela a resposta das clases dominantes, dos poderosos, pasa por unha inda maior concentración e centralización do capital, co obxecto de facer máis ricos aos ricos empobrecendo ás clases populares e profundizar nas desigualdades territoriais.

No Estado Español PSOE e PP, actuando ao servizo da oligarquía financeira, optaron por forzar a desaparición de facto das caixas de aforro. O Fondo de Reestruturación Bancaria Ordenada, foi utilizado para socializar as perdas da grande banca privada inxectándolles inxentes cantidades de recursos públicos, sen apenas control nin garantías. Mais o FROB sirve tamén como instrumento para forzar a centralización da riqueza mediante fusións forzosas e para entregar o aforro á especulación financeira bancarizando as caixas.

No noso país a privatización e deslocalización do aforro galego pretenderase inicialmente promovendo a absorción de Caixanova e Caixagalicia por outras entidades financeiras de ámbito español. Será unicamente o nacionalismo galego, no eido político e no sindical, quen actúe de xeito comprometido para garantir o mantemento das nosas caixas, optando por unha fusión interna entre ambas.

Despois da fusión galega PP e PSOE acordarán unha modificación do marco legal para forzar a súa deslocalización. A reforma da LORCA supón unha deliberada ofensiva contra das caixas galegas para impor a súa privatización mediante a bancarización, tal e como demostra o feito de que se esixa maiores garantías de solvencia ás caixas que á banca privada, cando é precisamente este última a máis exposta en operacións especulativas de alto risco.

A bancarización de Novacaixagalicia é unha peza máis nun deliberado proceso de desmantelamento do xa exiguo e limitado sistema financeiro galego. Hai que sumar tamén a absorción de importantes entidades bancarias galegas, como o Banco Pastor.

Forzando a recentralización e bancarización das caixas prívannos dun instrumento con importantes potencialidades para avanzar cara unha economía autocentrada, unha economía de noso. Imposibilitan a nosa soberanía económica e financeira para seguir a privarnos de soberanía política.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |