Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Bolivia: O triunfo do Si impulsa a revolución e o proceso de liberación continental.

Artigos america-latina anti-imperialismo bolivia evo-morales indixenismo internacional isabel-rauber

O proceso revolucionario boliviano actual, heroicamente creado, construído e sostido desde abaixo polos seus pobos, é a primeira e máis grande mostra de que isto non só é posíbel, senón vital para que en terras de América comece a abrirse paso o novo mundo, o mundo radicalmente post-capitalista, é dicir, o mundo orientado a un socialismo renovado desde abaixo, sen colonialismos internos nin externos...
Isabel Rauber.

O proceso revolucionario boliviano actual, heroicamente creado, construído e sostido desde abaixo polos seus pobos, é a primeira e máis grande mostra de que isto non só é posíbel, senón vital para que en terras de América comece a abrirse paso o novo mundo, o mundo radicalmente post-capitalista, é dicir, o mundo orientado a un socialismo renovado desde abaixo, sen colonialismos internos nin externos...

O 25 de xaneiro último tivo lugar o triunfo do Si á nova Constitución Política do Estado, dado polos pobos de Bolivia a través das urnas. Este acontecemento marca un punto de inflexión na historia, dado que constitúe -á vez que un acto democrático popular- o comezo da definitiva desaparición do colonialismo e a colonialidade do poder expoliador e explotador instalado nas terras de Latinoamérica hai máis de 500 anos.

Os pobos de Bolivia marcaron con estas eleccións a súa decisión de pór fin a séculos de explotación e exclusión. O futuro de xustiza e crecemento xenuíno para todos e todas ábrese agora como posibilidade certa a través da Constitución elaborada e aprobada polos pobos.

Este é, indubidabelmente, unha mensaxe nidia aos poderosos: os imperios, por moi grandes que sexan, por moitos anos que dominen e esmaguen os pobos, non poden matar a súa determinación de se aferrar á vida e loitar por ela o tempo que sexa. Nela radica a forza da esperanza dos de abaixo que, teimosa, rexorde cada día co sol, decidida a non ceder no empeño porque sabe que a súa persistencia revitaliza o espírito dos pobos, alimenta as súas vontades, o seu empuxe e perseveranza para resistir e loitar deica vencer.

Os irmáns e irmás de Bolivia resistiron, loitaron con decisión e intelixencia pola vida e os seus dereitos. A acción mancomunada de goberno, actores sociais e políticos, xunto aos pobos orixinarios e movementos sociais diversos indica claramente que souberon crear e construír as ferramentas sociais e políticas necesarias (e apropiadas) para lograr os obxectivos que se propuxeron: o Instrumento político para a soberanía dos pobos, e o MAS o seu brazo político-electoral.

Novos retos e tarefas

Malia os grandes logros obtidos, non é tempo de se acomodar nin baixar os brazos. Nas urnas dirimiuse a lexitimidade do proceso. O Si maioritario pecha -nese sentido- unha etapa de loita. Pero á vez abre outra, onde a confrontación política se manifestará con redobrada forza e adquirirá, xa que logo, maior relevancia. E isto obriga, en primeiro lugar, a unha diferenciación/distinción obrigada:

· Por unha banda, chama a non englobar a todo o voto polo Non como voto opositor ao proceso e ao goberno. Isto podería regalarlle votos (e votantes) á oposición reaccionaria e o que sería máis grave aínda, impediría buscar vías de debate e convocatoria a unha parte do electorado do Non, para que se sume activamente ao proceso refundador da nova Bolivia. Non hai que perder de vista que a votación en contra do latifundio foi superior ao 70%, diferenza que indica ás claras -de entrada- que o 40% do Non, non é necesariamente un voto opositor nin antigobernamental. Convocar a todos e todas os que poidan achegar ao proceso, abrir canles e ámbitos de participación construtiva é parte da batalla política e cultural actual.

· Doutra banda, hai que estar en alerta. Os poderosos non se resignan a perder os seus privilexios. En actitude flagrantemente antidemocrática, pretenden descoñecer o resultado electoral a favor do Si, anuncian que non aceptarán a entrada en vixencia da nova Constitución, e chaman á realización de novos encontros negociadores co goberno. Outros alegan a necesidade de reencamiñar o proceso constituínte, buscando colocar unha cortina de fume que dilúa a súa práctica antidemocrática e autoritaria. E outras voces empezan a alentar a realización dun gran pacto nacional que propicie o consenso e a converxencia.

Mais as experiencias vividas tras o referendo revogatorio de agosto último, ensinan claramente que ningún acordo, nin diálogo, nin pacto, terá sentido nin impacto real no proceso social e político que vive o país, se se realiza como resultado da ameaza e a chantaxe dos poderosos da Media Lúa. Eles demostraron que convocan constantemente roldas de diálogos só para dilatar, distorsionar e esvaer o avance da revolución democrática boliviana, e debilitar o goberno e a súa xestión. Nunca acatarán resultados, salvo que estes favorezan as súas esixencias retrógradas.

En segundo lugar -e tendo en conta o expresado-, hai que evitar caer baixo a tentación triunfalista que podería levar a subestimar a belixerancia dos adversarios políticos, e crer que coa realización de eleccións, con demostracións cidadás democráticas, ou co apego á constitución, os pobos teñen garantido o tránsito pacífico cara á nova sociedade.

A vía democrática para o cambio e o desenvolvemento social é -indubidabelmente- a mellor de todas, posto que propón o debate democrático e o desenvolvemento socio-cultural baseado na participación consciente e crecente de toda a cidadanía. Pero non hai que errar, non é un camiño de rosas. Nela, a loita de clases continúa e maniféstase a través de condicións e formas novas, particularmente a través dos medios de comunicación masiva locais e internacionais. Contrariamente ao que pensan algúns aprendices da política, é en condicións de democracia cando máis aumentan as loitas entre as clases e sectores sociais en pugna. Resulta entón un reto e unha tarefa política de primeira orde desarticular a resistencia e as accións de sabotaxe e engano acometidas polos poderosos, que empeñarán todas as súas forzas internas e externas para restituír o poder do capital no país e recuperar o “paraíso perdido”.

No novo tempo construído polos pobos de Bolivia e o seu goberno, o desenvolvemento da revolución democrática e cultural desde abaixo, implica a realización interarticulada dun conxunto de tarefas. Por unha banda, é medular fortalecer o Instrumento político. E como isto non é un labor organizativo, supón, doutra banda e conxugadamente, o impulso da participación crecente dos actores e actoras sociopolíticos na toma de decisións en todos os ámbitos da vida social, así como na construción das solucións e o control dos resultados. De conxunto, iso significará abonar o camiño do empoderamento/apropiación crecente da cidadanía toda do que será cada vez máis nidiamente vivido como o seu proceso. Isto leva tamén a súa preparación/capacitación para iso, tarefa que -pola súa transcendencia- podería considerarse o terceiro elemento estratéxico no proceso de construción do actor colectivo, suxeito da revolución. Construír o actor colectivo, forza social de liberación capaz de tensionar e impulsar o proceso de cambio cara a metas maiores, creando e construíndo á vez a nova Bolivia sobre a base do ben común para todos e todas as súas habitantes, é tarefa chave do proceso de refundación de Bolivia, tal como sinalou o Presidente Evo Morales.

Un lugar vital ocupa niso a profundación e o despregamento da batalla cultural, política, ideolóxica acorde coas demandas do proceso revolucionario. Esta ten por obxectivo desenvolver/fortalecer as conciencias e as capacidades de todos e cada un dos actores e actoras sociais e políticos que participan do proceso sociotransformador. Tomala nas súas mans, organizala, levala adiante e conducila é parte das tarefas e responsabilidades primeiras do Instrumento político, do MAS, e das organizacións dos pobos orixinarios, os movementos sociais urbanos e rurais, as organizacións campesiño-indíxenas, dos cocaleiros e cocaleiras, a intelectualidade comprometida e todas as organizacións de carácter social.

Vivimos tempos de liberación e resarcimento

É a hora dos pobos. E o é máis aínda se se ten en conta que en Latinoamérica vivimos un tempo de coincidencias/converxencias coma nunca antes, entre gobernos que -sen renunciar ás súas identidades e convicións propias- veñen demostrando ter a capacidade de decatarse de que esta é unha oportunidade para dicirlle adeus ao neoliberalismo e ás súas desfeitas, saqueos e crimes e, xunto con iso, á subordinación colonial e neocolonial, pondo fin á expropiación/apropiación de riquezas, territorios e saberes que durante séculos realizou o poder do capital para engrosar as súas arcas e estender a súa dominación.

O proceso revolucionario boliviano actual, heroicamente creado, construído e sostido desde abaixo polos seus pobos, é a primeira e máis grande mostra de que isto non só é posíbel, senón vital para que en terras de América comece a abrirse paso o novo mundo, o mundo radicalmente post-capitalista, é dicir, o mundo orientado a un socialismo renovado desde abaixo, sen colonialismos internos nin externos.

En converxencia con iso, os actuais procesos liberadores que teñen lugar en varios países do continente, encamíñanse á construción/constitución de Estados descolonizados (e descolonizadores), interculturais e plurinacionais. Isto resulta, en principio, un ideal/obxectivo que, como compás sociopolítico, orienta -á vez que alimenta- o camiño cara á súa consecución.

O faro está en Bolivia, nos seus pobos orixinarios, nos campesiños e campesiñas, nos cocaleiros e cocaleiras, nos movementos sociais urbanos, na intelectualidade consciente e comprometida, nos homes e mulleres todos que comprenden a transcendencia do tempo que viven. Neles -na súa entrega e disposición cotiás para afrontar os desafíos da historia sen pedir nin ter garantías de éxito, na angueira das súas vidas debatendo centímetro a centímetro coas forzas do pasado escurantista, excluínte e criminal-, vive e crece a esperanza de todos os pobos asoballados do mundo, en particular os deste continente.

Seguir o seu exemplo, e facer da súa xesta unha realidade omnipresente na nosa América, é parte dos actuais desafíos de todos os homes e mulleres de ben que habitamos estas terras. A teimosía heroica dos pobos de Bolivia é unha badalada que chama a pór fin a séculos de ignominia, a construír un continente e un mundo equitativo e xusto, defensa primeira da sobrevivencia da humanidade, orientado á creación dunha nova civilización humana.

[Artigo do sitio web boliviano ‘La Época’, do 9 de febreiro de 2009]


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |