Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Boletín do Arquivo do sindicalismo nacionalista

Publicacións Arquivo do sindicalismo nacionalista Deputación da Coruña

Mediante esta publicación de carácter divulgativo, a Fundación Moncho Reboiras pretende pór en valor o traballo realizado durante o 2018 no Centro de Documentación da propia central sindical.

Desde a constitución da Fundación Moncho Reboiras por parte da Confederación Intersindical Galega (CIG), unha das encomendas é a xestión do Centro de Documentación da CIG. Esta tarefa supón a recompilación, clasificación, arquivo e, nos últimos anos, o proceso de dixitalización de toda a documentación existente desde os inicios do sindicalismo nacionalista, a principios dos anos 70 do século pasado. Este laborioso traballo de dixitalización abrangue unha vez completada a súa segunda fase máis de 1.400 documentos de todo tipo (cartaces, panfletos, actas, voceiros diversos, etc.).

O compromiso da Fundación Moncho Reboiras é levar adiante este labor con grande rigor, conscientes da responsabilidade que supón recompilar a maior información posíbel, clasificala e pola ao dispor de todas aquelas persoas interesadas en estudar, investigar e divulgar unha parte relevante da historia do sindicalismo galego e do seu movemento obreiro, polo tanto, dun aspecto moi importante do que foi a loita de clases na Galiza nos cincuenta últimos anos.

No presente ano, a Fundación Moncho Reboiras obtivo unha subvención da Deputación da Coruña co obxectivo de recompilar, catalogar e dixitalizar máis de medio milleiro de pezas documentais, todas elas encadradas entre mediados da década dos anos '80 (1985) e mediados da década dos '90 (1994). Unha vez rematada está segunda fase de catalogación e que fica dispoñíbel na nosa páxina web, desde a Fundación Moncho Reboiras presentamos esta publicación de carácter divulgativo, baixo o titulo “Boletín do Arquivo do sindicalismo nacionalista”, cunha tiraxe de 2.200 exemplares e o acceso á súa libre descarga.

Esta publicación permítenos divulgar e por en valor as condicións de traballo e liberdades conquistadas nos anos ’80 e ’90 despois de intensos anos de loitas e, polo tanto, defender con máis firmeza estes dereitos e condicións de vida que o capital pretende arrebatar, tal e como está acontecendo nos últimos anos coa escusa da crise do sistema capitalista.

Boletín do Arquivo do sindicalismo galego, decembro 2018

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |