Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

As outras loitas nacionais alternativas no marco da crise neoliberal.

Artigos mexico seminario-internacional

Ante todo, quero agradecer ao Partido do Traballo de México a invitación para participar deste Seminario Internacional que, debo afirmar, en todas as ocasións anteriores nas que acudín foi enormemente positivo, tanto polo nivel das intervencións, como polo contraste de realidades, ideas e experiencias.

Manuel Mera Sánchez.

Ante todo, quero agradecer ao Partido do Traballo de México a invitación para participar deste Seminario Internacional que, debo afirmar, en todas as ocasións anteriores nas que acudín foi enormemente positivo, tanto polo nivel das intervencións, como polo contraste de realidades, ideas e experiencias.

Cando se fala dos procesos alternativos de nación en case todos os casos pensamos axiña naqueles países que, tendo unha independencia recoñecida polos organismos internacionais, están sometidos a algún tipo de dependencia imperialista ou teñen que loitar no día a día para manter a súa plena soberanía, por exemplo os países do ALBA. Como máximo alargamos o concepto de colonialismo a aqueles territorios que están afastados fisicamente do resto das zonas que conforman o “estado-nación” conquistador por medio de algún tipo de lazo de asociación ou autonomía (aínda que para estes últimos sexan unha parte indivisíbel do país). Un claro exemplo neste caso son Martinica e Guadalupe en relación con Francia.

Porén, non se pode descoñecer que ademais existen entidades nacionais que carecen de toda soberanía (ou só teñen competencias cedidas nalgúns temas), e que son conflitos non resoltos. Un exemplo evidente poden ser Cataluña, Euskadi e Galiza no Estado español, que aínda sendo recoñecidas como nacionalidades históricas na Constitución e nos seus respectivos Estatutos de Autonomía, despois non teñen capacidade soberana, xa que esta reside no Estado español. Tampouco hai unha aceptación nestes casos dun status colonial nos organismos internacionais, aínda que no seu momento o comité das minorías nacionais da Sociedade de Nacións recoñecese na década dos trinta do século pasado a estas nacións e outras.

A miña intención é, neste documento, non me centrar no debate sobre os dereitos das nacións sen estado propio senón analizar o reaxuste que se está producindo no capitalismo por efecto da crise. Nunha primeira ollada podemos ver que, neste intre, está causando unha maior concentración e centralización da riqueza e o poder; porén se cadra coñécese menos que asemade afecta dun xeito moi agudo ás nacións carentes de estado propio (soberanía) e recoñecemento internacional.

Sen dúbida é moi cedo para saber como se vai pechar esta crise (estamos nun período de conxuntura), xa que aínda están abertos outros escenarios posíbeis, como amosan as revoltas no Norte de África e Medio Oriente, ou as folgas de Grecia e Wisconsin. Porén, a tendencia actual indica que aínda que aumenten os centros de poder (e un novo reparto das potencias emerxentes) hai un salto adiante na globalización neoliberal aproveitando a crise. Este salto susténtase na hexemonía nos medios de comunicación e a cultura de masas, o gran poder militar, no temor a perder o traballo, e na enorme man de obra de reserva pola inmensidade dos procesos migratorios, etc. A isto temos que engadir a fragmentación da clase traballadora, como consecuencia dos novos modelos de produción; porén tamén e fundamentalmente polo auxe de ideas equivocadas no seo das masas oprimidas e explotadas, como as representadas polo reformismo e ultra-esquerdismo.

Non se pode negar a importancia de proxectos alternativos e liberadores, como o representado polos países do ALBA, que son un polo de referencia plural para todo o mundo; algo moi importante, porén aínda lonxe de poder condicionar a hexemonía neoliberal. En todo caso, neste terreo, a situación avanzou positivamente en relación a momentos tan difíciles como a década dos noventa do século pasado, non só pola existencia deste polo senón porque o despunte de novas potencias deu folgos a un aumento das tendencias soberanistas e progresistas en certas áreas do mundo. Isto non é algo a desprezar neste contexto internacional, aínda sabendo que estes últimos poidan ser gobernos contraditorios (ou en disputa) e que non completen máis que nunha moi pequena parte as arelas da clase traballadora e outros sectores populares.

Quérome centrar no caso concreto de Galiza, xa que supoño é descoñecido para a maioría dos presentes neste encontro internacional, e pode ser ilustrativo da situación das nacións carentes de soberanía e que son periféricas dos estados centrais do sistema.

En este momento o desemprego (248.000 persoas) chega no meu país ao 20% da poboación activa, e dáse o paradoxo de que se mantén tan alto o paro aínda morrendo máis xente que a que nace desde hai unha década e malia que cada ano emigran entre 15 e 20 mil mozos, para unha poboación de menos de tres millóns de habitantes. Medio millón de galegos viven noutras partes do Estado español, e varios centos de miles máis no resto do mundo (especialmente en América Latina)... mentres que entra man de obra inmigrante. A alta renda por persoa, que asombra a moitos, e o desenvolvemento urbano, agocha o feito de que se conseguiu alentando a emigración, dificultando a natalidade, xerando un tecido económico dependente e de enclave, aumentando a xornada real e os ritmos laborais (baixando o salario real), e incorporando a muller ao traballo asalariado e os inmigrantes en condicións moi precarias. Este avance realízase cunha distribución da renda que beneficiou especialmente á burguesía , porén tamén aumentou as diferenzas salariais. No ano ou 2009 os ingresos por salarios dos 6.000 asalariados da franxa máis alta (directivos, técnicos, etc.), eran en Galiza iguais aos dos 290.000 da franxa máis baixa.

Estas eivas do modelo de crecemento, que parecían menores para un sector maioritario da sociedade en momentos de auxe económico sustentado na burbulla inmobiliaria, agora convértense en pesadas lousas difíciles de remover. Ese modelo conduciu á situación actual que só beneficia a unha minoría (a alta burguesía) e aos grandes grupos económicos foráneos . O país, como concepto social e económico, está cada vez máis ligado (a todo os niveis) ás empresas e menos ás xentes que o habitan.

Todo o que frea a expansión da economía de escada é atraso e polo tanto un escollo a destruír. Esa visión da burguesía non só invade o económico e laboral, senón que se alonga á cultura e á lingua galega que son vistas por estes círculos de poder, en Madrid, mais tamén en Galiza, como un atranco. Polo que se están pondo todos os medios para denigrar e marxinalizar cultura e lingua propia. Os pasos dados polo Goberno do Partido Popular en Galiza en materia educativa e outros ámbitos, van nese sentido, ignorando a enorme protesta social (varias manifestacións na capital, Compostela, de máis de 50 mil persoas, oposición dos mestres e profesores, etc.)

No aspecto económico e social, as últimas medidas tomadas polo Goberno español, para equilibrar as contas públicas e salvar as empresas endebedadas ou que reduciron beneficios (co argumento de manter e xerar máis emprego), van dirixidas a aumentar a explotación laboral e re-centralizar as competencias cedidas ás comunidades autónomas (que, como xa dixen, son vistas como unha traba ao proceso de globalización dos mercados). A reforma laboral e das pensións, o aumento dos impostos indirectos, a redución de prestacións sociais e por último (por agora) a bancarización das caixas de aforros, son medidas do Goberno (supostamente menos duras que as propostas pola dereita), que en moitos casos contan co apoio das dúas principais centrais sindicais, herdeiras dunha longa tradición de pactos sociais (AMI, ANE, AI, etc). Son contra-reformas solicitadas polas clases dominantes (especialmente os grandes bancos), que contan co arroupe entusiasta, esixindo máis e máis rápido, do principal partido da oposición, o Partido Popular (de dereitas). Este último, no colmo do cinismo teatral, preséntase nos medios de comunicación como o salvador da maioría social, prometendo limitar o gasto e así xerar moito emprego despois das próximas eleccións xerais.

Durante a expansión montada sobre a burbulla inmobiliaria e a entrada masiva de inmigrantes (aumento do consumo e diminución salarial), reducíronse ou elimináronse moitos dos impostos directos, por exemplo: ao patrimonio, aos beneficios empresariais, aos fondos de investimento, como as SICAV, etc. Coa crise, nunha primeira etapa, dramatizando a situación e “para salvar as empresas e os empregos”, aumentáronse os impostos indirectos, en concreto o IVE, que atinxe especialmente o consumo e as clases populares. Ademais, aumentáronse as transferencias de capital á banca e ás grandes empresas, por dúas vías, mediante axudas directas e rebaixas nas cotizacións sociais. E todo iso malia que no ano 2010 as empresas do IBEX35 (as principais que cotizan en Bolsa) gañaron 50 mil millóns de euros.

Nunha segunda etapa, deuse un novo paso, reformando o chamado “mercado laboral”: rebaixando os salarios dos empregados públicos, reducindo as indemnizacións por despedimento improcedente, facilitando o descolgue das empresas dos acordos por convenio en materia salarial, privatizando o sistema de colocación de desempregados, abríndoo ás empresas con ánimo de lucro, etc . Estas medidas foron contestadas por todo o sindicalismo do Estado español, mediante a convocatoria dunha folga xeral, o pasado 29 de setembro, que resultou un éxito. Porén que se fixo a destempo, xa que a medida do Goberno xa estaba en vigor e só faltaba a súa aprobación no Congreso, algo que conseguiu sen moito esforzo facendo pequenas rectificacións que lle pedían algúns partidos de dereita e centro dereita.

O Goberno do PSOE fortalecido nas institucións, empurrado polo eixo Merkel-Sarkozy e os mal chamado mercados (o gran capital especulativo), e aplaudido polos analistas neoliberais, deu (porque quixo) un novo paso este ano atacando o sistema público de pensións. As reformas introducidas, co falso argumento de evitar a súa quebra, aumentan a idade de xubilación de 65 a 67 anos, o tempo cotizado para cobrar o 100% de 35 a 37,5 anos, e o período que serve de base para o cálculo das pensións de 15 a 25 anos. Para xubilarse aos 65 anos fai falla unha cotización mínima de 38 anos e medio. Introducindo algunhas melloras para colectivos moi reducidos, que se utiliza como aval para vender a reforma como positiva.

Todas estas modificacións aplicaranse dun modo progresivo ate 2027, porén ao final calcúlase que, segundo o caso, os pensionistas terán entre un 20% e un 29% menos de ingresos. Hai que dicir que esta reforma faise nun momento en que o sistema mantén o superávit, (tres mil millóns de euros) a pesar dunha porcentaxe de desemprego do 20%, e que existe un fondo de reserva de 65 mil millóns. Tampouco se pode ignorar que nos últimos anos diminuíron as cotizacións sociais para “crear emprego” e que despois de aprobar esta medida por parte do Goberno, porque “non chegan os recursos” decidiu beneficiar os contratos a tempo parcial cunha gran redución das cotizacións sociais (por suposto, da parte que lles corresponde aos empresarios).

Estas modificacións non afectan a todos por igual, xa que son moito máis prexudiciais para a mocidade e as mulleres, con altas taxas de eventualidade e contratación a tempo parcial; e para aqueles traballos menos cualificados. Porén tamén para aqueles territorios, como Galiza, que teñen uns salarios máis baixos, altos niveis de paro e unha parte importante da clase traballadora de recente incorporación ao traballo asalariado. Un dato, no ano 2009 en Galiza un 76% dos xubilados tiñan pensións inferiores aos 600 euros (salario mínimo 546 euros)..

A reforma das pensións ten a finalidade de potenciar os fondos de pensións privados, que no Estado español teñen menos peso que no resto de Unión Europea, convertendo o sistema de xubilación público nunha prestación cun carácter básico, asistencial. Hai que ter en consideración que no ano 2008, por exemplo, estes fondos descapitalizáronse un 9,3% no Estado español. Dada a precariedade do mercado laboral (un 30% de contratos temporais), e a importancia da economía en negro (entre un 20 e 23%), o endurecemento das condicións de acceso ao sistema público de pensións deixará a unha gran parte da clase traballadora desprotexida na súa vellez (nun dos países que ten das máis altas rendas por persoa).

Porén, o máis grave é que esta reforma (ou contra-reforma) aínda que nun principio conta coa oposición de CC.OO. e UXT, despois de moito teatro termínase aprobando co seu consentimento, sen ningunha diferenza básica a respecto do proxecto orixinal. Todo porque é o mal menor. E neste momento, ambas as centrais sindicais realizan unha intensa propaganda sobre os beneficios da reforma que, defenden con toda firmeza, “garante as pensións do futuro”. Aínda que despois, por se a caso, introducen no texto que o sistema revisarase cada cinco anos.

En Euskadi e Galiza, diante deste novo ataque aos intereses da clase traballadora, as centrais sindicais nacionalistas e de clase decidiron convocar unha folga xeral para o pasado 27 de xaneiro. Un paro que contou co apoio doutras centrais sindicais tanto nestes territorios como noutros que forman parte do Estado Español. Aínda que non foi unha folga total, tivo unha incidencia moi importante nas grandes empresas, a industria, a construción, e sectores dos servizos esenciais, como se reflectiu nas manifestacións. En todo caso esta mobilización deixou claro que hai posibilidades de contestación, que CC.OO. e UXT non teñen a exclusividade da representación sindical para convocar unha folga xeral, como afirmaban días antes. Neste camiño, para o 5 de abril está convocada unha manifestación en Madrid polo mesmo tema, dado que o problema das pensións aínda debe pasar o debate parlamentar. A esta mobilización van acudir delegados sindicais das centrais nacionalistas vascas e galegas, e seguramente contará co apoio doutras organizacións sindicais combativas do Estado español.

A esta altura, xa cunha boa parte do sindicalismo totalmente entregado (non todo el, por suposto) estamos diante dunha nova arremetida contra os dereitos dos traballadores e as competencias transferidas ás comunidades autónomas e ás nacionalidades históricas (Euskadi, Cataluña e Galiza). Quérese reformar a negociación colectiva suprimindo ou restando competencias aos convenios sectoriais de ámbito provincial. Estes convenios son os que producen a maioría da conflitividade laboral, onde se conseguen avances máis importantes, e nos que existe unha maior pluralidade sindical e unha presenza importante do sindicalismo alternativo (CIG, ELA, LAB, e outras centrais).

Segundo a proposta, que se está debatendo neste momento pola patronal e CC.OO. e UXT, existirían convenios de ámbito estatal, que pactarían acordos mínimos. Nestas mesas nas que tradicionalmente negocian as cúpulas, a conflitividade que se xera é mínima e as folgas perden forza. Este ámbito interésalle tanto á patronal como a CC.OO. e UXT que teñen maioría nas mesas de negociación. Permitiríase ademais a negociación na empresa, que podería así modificar o convenio de ámbito do Estado español. Evidentemente isto só sería posíbel nas empresas máis grandes, con máis forza sindical, deixando as pequenas e medianas, a gran maioría, nas condicións laborais mínimas do convenio marco estatal. Fractúrase ademais a unidade real de clase. Neste caso, de novo CC.OO. e UXT din que ou chegan a acordos ou o Goberno eliminará a ultra-actividade, é dicir cando termine a vixencia dun convenio os traballadores quedarían nas condicións mínimas que marca a Lei ate que se negocie outro. De novo pártese da derrota, de non mobilizar, do cambio de cromos, a vella e gastada utilización do pacto social que significou enormes retrocesos nas últimas décadas .

O outro aspecto importante, neste momento no que existe unha ofensiva por parte das clases dominantes, é a privatización das caixas de aforro, que son entidades crediticias semi-públicas, na que está depositado máis da metade do aforro (o que indica a súa aceptación pola poboación). Aínda que perderon boa parte da súa función orixinal, e é necesaria unha democratización das mesmas, así como volver ligalas ás localidades e autonomías máis fortemente, aínda seguen sendo fundamentais para a actividade das pequenas empresas, o crédito ás familias, e ademais dedican os seus beneficios á obra social: cultura, deporte, formación, sectores dependentes ou en risco de marxinación, etc. dedican os seus beneficios a obra social: cultura, deporte, formación, sectores dependentes ou en risco de marxinación, etc.

Agora, coa xustificación do gran endebedamento por mor da burbulla inmobiliaria, e a “presión dos mercados” (é dicir: do gran capital), pídeselles ás caixas de aforros un Core Capital moi superior ao dos bancos, impóñenselles condicións ás axudas públicas (algo que non se fixo coa banca privada) para facer delas bancos e en cinco anos, unha vez saneadas, privatizalas. Outro camiño que se lles aconsella, sería a súa privatización, neste momento, recorrendo aos mercados ou investidores. O propio Goberno crea alarmismo sobre a súa situación económica, cando só algunha das caixas ten unha exposición maior que os grandes bancos, como o Santander e BBVA. Empúxase á súa privatización e á venda do seu capital a prezo de saldo.

Dados todos estes pasos, por parte do gran capital e as institucións e medios ao seu servizo, ¿cales serán os próximos?..., ou pódese pensar seriamente que non abra novas imposicións para seguir concentrando e centralizando a riqueza?...

O que está sucedendo indica que esta é a tendencia dominante, máxime nun contexto no que, freado o proceso expansivo (polos propios límites da natureza, entre outras cousas), a loita radica en apropiarse de mercados existentes e aumentar o nivel de explotación (sen facer achegas de ningún tipo ao nivel de vida das persoas). Por iso ten tanta importancia o tamaño neste contexto (malia que se fale moito da eficiencia e a innovación), porque estamos no esencial fronte a un problema de forza, de poder.

En Europa, tamén no meu país, son moitas as voces desde “a esquerda” que pensan que esta tendencia dominante está totalmente consolidada no continente, e polo tanto que unicamente é posíbel conseguir resultados favorábeis á clase traballadora apostando por facer menos custosas as reformas reaccionarias. Outros, non poucos, sumáronse ás teses do capitalismo como o mellor dos sistemas, e só sería necesario dominar a especulación financeira e outros excesos. Pensan estes últimos que a clase obreira está na súa maior parte incorporada á clase media, con niveis de vida confortábeis. En realidade, aínda habendo diferenzas entre os países do centro de Europa e a súa periferia, isto non é verdade. Por exemplo, no caso de Galiza máis dun 60% das familias non aforra ren e ten grandes dificultades para chegar a final de mes.

Desde esta esquerda domesticada, renegan do marxismo como ferramenta esencial para analizar e dar resposta aos problemas sociais, e da clase obreira como suxeito revolucionario. Cren, ou quérennos facer crer, que se pode volver a recrear o “estado de benestar” orixinado en condicións moi específicas, tanto pola existencia da Unión Soviética, como pola presenza dunha esquerda combativa moi forte no continente. Teríase que repetir un pacto entre todas as clases sociais porque é o máis beneficioso para todos (xa que aumentaría o consumo, o emprego, e polo tanto os lucros). Esquecen que a concentración e centralización da riqueza, o lucro, é consubstancial ao capitalismo, e só será posíbel arrincar concesións a través de grandes loitas.

Neste contexto, as revoltas no norte de África e Oriente Próximo son unha demostración máis de que aínda están abertos todos os escenarios (e posibilidades) para a superación da crise. Sen dúbida, estas loitas tan extensas pola democracia e un reparto máis xusto da riqueza, non terán todas o mesmo resultado, que dependerá de cada país. Porén todas elas significan un apoderamento por parte das clases populares (tanto en nivel de conciencia, como en capacidade de mobilización, e a medio prazo de organización). Son revoltas que se suman ás sucesivas folgas xerais e protestas de Grecia, dignas de admiración, ou á oposición xeralizada a custear os excesos da banca en Islandia. Tampouco se pode ignorar a importancia das manifestacións en Wisconsin e Ohio nos Estados Unidos, xa que son protestas no centro mesmo do sistema.

Por iso, malia o enorme control dos grandes medios de comunicación e da cultura de masas, e da inmensa hexemonía militar do imperialismo, especialmente dos Estados Unidos, podemos dicir a esta altura, que ese obxectivo non está máis afastado neste momento, como parecía indicar hai uns meses a tendencia hexemónica. O que dá forza e urxencia á loita por unha sociedade xusta, democrática, respectuosa do ecosistema, que defenda os dereitos dos pobos ao seu soberanía, que garanta a paz, a igualdade de xénero, etc.

Todos os escenarios seguen abertos e dependerá dos nosos esforzos, en cada un dos nosos países, que se impoña unha ou outra a tendencia nesta nova etapa histórica que se está iniciando. Sen dúbida que neste aspecto, a consolidación e ampliación do ALBA é fundamental, porén tamén que aumente o número de gobernos progresistas no mundo e se fortalezan os partidos, sindicatos e outras organizacións de base que loitan polo socialismo. Para iso é fundamental, neste momento, dar prioridade á formación e á comunicación coa sociedade, para evitar o illamento e socializar as loitas dos traballadores, das nacións dependentes, dos pobos marxinados, etc.

A socialización dos conflitos (desde a nosa óptica) é necesaria ademais para fortalecer as ideas correctas no seo das clases populares, combatendo o derrotismo (o economicismo) e o ultra-esquerdismo , que hoxe o sistema tamén ofrece como unha segunda alternativa para os descontentos. Deste xeito desalenta a oposición. Sen dar a batalla no campo das ideas é imposíbel superar o fraccionamento actual, evitar o espontaneismo, e polo tanto o carácter conxuntural e o localismo, o economicismo e o aventurerismo, de moitas loitas.

Este é un dos grandes problemas nas forzas de esquerda combativa en Galiza (o chamado no seu día: movemento nacional popular galego). Temos forza social, por exemplo, un 29% de representación na clase traballadora, capacidade de mobilización, estamos en case todos os conflitos laborais na vangarda, porén unha boa parte da nosa base organizada, inclusive dos cadros intermedios, deixan ver acotío concepcións equivocadas (propias do neoliberalismo, do individualismo, da colonización nacional) e ademais cústanos xeralizar a loita e mantela no tempo (non sendo en conflitos de empresa ou sectoriais). E este, como todos sabemos, non é un problema local, nin sequera continental, senón da maioría das forzas alternativas e combativas do mundo. No noso caso formamos uns 700 delegados e delegadas sindicais cada ano (dos máis de 6.000 cos que conta a CIG). Tamén publicamos material impreso e vídeos sobre historia, análise do momento ou formación política. Porén non é abondo. Os medios de comunicación de masas (xornais, radio, televisión, internet) chegan a todas as horas do día, constantemente, moitos con calidade como para atraer a atención da xente, esta presenza non se equilibra cun panfleto, boletín mensual e unha páxina web. Temos que construír neste terreo máis e mellor.

Outro dos retos importantes nesta etapa é a de ampliar as relacións, a coordinación, entre todas as forzas da esquerda combativa no mundo, tanto para ter información de primeira man, como para podernos apoiar mutuamente. Neste aspecto creo que este Seminario Internacional é unha gran contribución, polo seu pluralismo e o nivel dos asistentes. Sen dúbida hai un pulo neste tema, xa que desde hai uns anos realízanse tamén outros eventos a nivel sectorial e de partidos cunha afinidade ideolóxica. Porén coido que aínda podemos facer máis. ¡É necesario!.

Un saúdo a todas as organizacións presentes e moi especialmente ao Partido do Traballo de México.

Este foi o texto da ponencia presentada por Manuel Mera, Director da Fundación para ou Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (FESGA) da Confederación Intersindical Galega (CIG), no XV Seminario Internacional “Os partidos e a nova sociedade”, unha iniciativa do Partido do Traballo de México, que se celebrou durante o 17, 18 e 19 de marzo de 2011 na cidade de México.

___________ [1]    Máis sobre o tema: Manuel Mera, “Crise e pasividade”, www.manuelmera.blogaliza.org , 2 marzo 2010. [2]    Máis sobre o tema: Manuel Mera, “Crise e cobiza”, www.manuelmera.blogaliza.org , 18 xaneiro 2011. [3]    Máis sobre o tema, “Lingua e ideoloxia dominante”, www.manuelmera.blogaliza.org, 25 abril 2010 [4]    Máis sobre o tema: Manuel Mera, “Reforma laboral neoliberal”, www.fesga.net, 30 abril de 2010 [5]    Máis sobre o tema: “UXT e CC.OO venderon as nosas pensións”, www.folgaxeral.galizacig.com; [6]    Máis sobre pacto social en: Manuel Mera, “Pacto da Moncloa: a clase obreira traizoada”, www.fesga.net, 16 de febreiro de 2011. [7]    Máis sobre este tema, Manuel Mera, “Espontaneismo e vangardismo na política”,  www.manuelmera.blogaliza.org, 31 marzo 2010.

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |