Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

As empresas e a democracia dos Estados Unidos.

Artigos capitalismo democracia empresas eua imperialismo internacional noam-chomsky

O 21 de xaneiro de 2010 quedará rexistrado como un día escuro na historia da democracia de Estados Unidos e o seu devalo. Ese día, a Corte Suprema ditaminou que o Goberno non pode prohibir que as compañías fagan achegas económicas nas eleccións.
Noam Chomsky.

O 21 de xaneiro de 2010 quedará rexistrado como un día escuro na historia da democracia de Estados Unidos e o seu devalo. Ese día, a Corte Suprema ditaminou que o Goberno non pode prohibir que as compañías fagan achegas económicas nas eleccións.

A decisión afecta profundamente á política gobernamental, tanto no plano interno como no internacional, e anuncia mesmo maiores conquistas das corporacións sobre o sistema político de EEUU. Para os editores de The New York Times, a dita decisión "golpea o corazón mesmo da democracia" ao facilitar o camiño para que as corporacións empreguen os seus amplos tesouros para asolagar [con diñeiro] as eleccións e intimidar os cargos elixidos para que obedezan os seus ditados".

A Corte estivo dividida, cinco contra catro. Aos catro xuíces reaccionarios (enganosamente chamados conservadores), sumóuselles o maxistrado Anthony M. Kennedy. O maxistrado presidente, John G. Roberts Jr., tomou un caso que se podía resolver daodamente sobre bases máis limitadas e manobrou na Corte co fin de facer aprobar un ditame de gran alcance que reverte un século de restricións ás contribucións das empresas nas campañas federais.

Agora, os xerentes das compañías poderán, de feito, comprar directamente comicios, eludindo vías indirectas máis complexas. É ben sabido que os contributos empresariais, en ocasións envolveitos en paquetes complexos, poden inclinar a balanza nas eleccións e, así, dirixir a política. A Corte acaba de entregar moito máis poder a ese pequeno sector da poboación que domina a economía.

A Teoría de investimentos de política, do economista político Thomas Ferguson, constituíu durante moito tempo un exitoso prognóstico da política gobernamental. A teoría interpreta as eleccións como ocasións nas que segmentos do poder do sector privado se unen para investir no control do Estado. A decisión do 21 de xaneiro reforza os medios para socavar a democracia funcional.

O transfondo é revelador. Na súa disensión, o xuíz John Paul Stevens admitiu que "desde hai tempo sostívose que as corporacións están amparadas pola Primeira Emenda [a garantía constitucional da liberdade de expresión, que inclúe o dereito a apoiar a candidatos políticos]".

A primeiros do século XX, teóricos legais e tribunais implementaron unha decisión da Corte de 1886 mediante o cal as corporacións -esas "entidades colectivistas legais"- debían ter os mesmos dereitos que as persoas de carne e óso. Este ataque ao liberalismo clásico foi condenado con rotundidade pola especie en extinción dos conservadores. Christopher G. Tiedeman describiu o principio como "unha ameaza á liberdade do individuo e á estabilidade dos estados americanos como gobernos populares".

No seu traballo de historia sobre a lei, Morton Horwitz escribe que o concepto de personalidade corporativa evolucionou á vez que o desprazamento do poder dos accionistas cara aos xerentes e, finalmente, conduciu á doutrina de que "os poderes da mesa directiva son idénticos aos poderes da corporación". En anos posteriores, os dereitos corporativos expandíronse moito máis aló que os das persoas, particularmente mediante os mal chamados "acordos de libre comercio". Baixo eses acordos, por exemplo, se General Motors establece unha planta en México, pode esixir ser tratada igual que unha empresa mexicana (trato nacional), a diferenza dun mexicano de carne e óso que pretendese en Nova York un trato nacional ou, mesmo, os mínimos dereitos humanos.

Rivais do Goberno

Hai un século, Woodrow Wilson, daquela un académico, describiu uns Estados Unidos no que "grupos comparativamente pequenos de homes", xerentes corporativos, "exercen un poder e control sobre a riqueza e as operacións de negocios do país", converténdose en "rivais do propio Goberno". En realidade, eses grupos pequenos convertéronse cada vez máis nos amos do Goberno. A Corte Suprema dálles agora un alcance aínda maior.

A decisión de 21 de xaneiro chegou tres días despois doutra vitoria para a riqueza e o poder: a elección do candidato republicano Scott Brown para substituír o finado senador Edward M. Kennedy, o león liberal de Massachusetts.

A elección de Brown foi presentada como unha "rebelión populista" contra os elitistas liberais que manexan o Goberno. Os datos da votación revelan unha historia diferente. Unha asistencia alta de votantes dos suburbios ricos e baixa nas áreas urbanas demócratas contribuíron á vitoria de Brown. "Un 55% dos votantes republicanos dixo estar moi interesado na elección, en comparación cun 38% dos demócratas", segundo a enquisa de The Wall Street Journal/NBC. De maneira que os resultados foron, en realidade, unha revolta contra as políticas do presidente Obama: para os ricos, non estaba a facer o suficiente para enriquecelos aínda máis, en tanto que para os sectores pobres estaba a facer demasiado en favor dos poderosos.

A carraxe popular é perfectamente comprensíbel, dado que os bancos están a prosperar grazas aos rescates, mentres que o desemprego se elevou ao 10%. No sector da manufactura, un de cada seis está sen traballo: un desemprego no nivel da Gran Depresión. Coa financialización crecente da economía e o esborralle na industria produtiva, as perspectivas de recuperar os tipos de emprego que se perderon son sombrías.

A saúde pública

Brown presentouse como o voto 41 contra o programa de saúde pública; isto é, o voto que podería socavar o dominio demócrata no Senado de EEUU.

O programa de atención médica de Obama foi, en efecto, un factor na elección de Massachusetts. Os titulares están no certo cando informan de que o público se está volvendo contra o programa. As cifras da enquisa explican por que: porque a iniciativa non chega o suficientemente lonxe. A sondaxe de The Wall Street Journal/NBC revelou que a maioría dos votantes desaproba a xestión do sistema de saúde tanto polos republicanos como por Obama.

Estas cifras están na liña doutras enquisas nacionais recentes. A opción pública da saúde é apoiada polo 56% dos enquisados e o acceso a Medicare aos 55 anos de idade, polo 64%; pero ambas as iniciativas foron abandonadas. Un 85% opina que o Goberno debería ter o dereito de negociar os prezos dos medicamentos, como noutros países; porén, Obama garantiu ás grandes industrias farmacéuticas que non elixirá esa opción.

Amplas maiorías de cidadáns están a favor do recorte de custos, o que ten sentido: o custo per cápita en EEUU por atención médica é aproximadamente o dobre que noutros países industrializados e os resultados en termos de saúde están no extremo inferior.

Pero o recorte non pode ser emprendido seriamente cando se trata con gran xenerosidade ás compañías farmacéuticas e o sistema de saúde está en mans de aseguradores privados practicamente sen regulación -un sistema custoso, peculiar de EEUU-.

A decisión da Corte do 21 de xaneiro ergue novas e importantes barreiras para superar a grave crise do coidado da saúde ou para afrontar asuntos tan críticos como a inminentes crise ambiental e enerxética. A fenda entre a opinión pública e a política pública é cada vez maior. E o dano á democracia estadounidense é tan grande que dificilmente se pode esaxerar.

[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 8 de febreiro de 2010]

Noam Chomsky: Nado nos EEUU en 1928, é profesor emérito de Lingüística no Massachusetts Institute of Technology (MIT). É coñecido polo seu activismo político, sendo un persoeiro moi influínte da esquerda transformadora estadounidense. Nos seus libros de pensamento político, son de salientar obras como: The Responsibility of Intellectuals (1967), The Political Economy of Human Rights, vol. 1 e 2 (1979), On Power and Ideology(1987), The Culture of Terrorism(1988), Year 501: The Conquest Continues (1993), 9-11 (2001) ouThe Impetious Imperialist (2005).


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |