A reforma das pensións.
Artigos 27-x cig crise-sistemica folga-xeral reforma-pensions suso-seixo
Suso Seixo.
Estamos ante unha nova entrega desta serie de reformas e recorte de dereitos, promovidas polo capital financeiro e as institucións políticas e financeiras que o serven, e executadas, no ámbito institucional, por aquelas forzas políticas de dereitas ou aquelas outras supostamente de "esquerdas", que levan anos defendendo o modelo capitalista neoliberal como o grande benefactor do desenvolvemento económico e o equilibrio social.
Se as medidas ou reformas adoptadas con anterioridade non estaban xustificadas, tanto por non ser causa da crise nin unha garantía pra saír dela, a reforma das pensións aínda ten menos xustificación pois, segundo a teoría oficial, estamos a falar dun problema que se presentaría a longo prazo e que non inflúe para nada nas medidas a adoptar para reactivar a economía e xerar emprego, que é o problema máis urxente.
Estamos pois, novamente, ante unha grande mentira para xustificar a adopción dunha reforma que aos únicos que lles interesa e beneficia é as entidades financeiras, moi necesitadas de captación de recursos para os seus fondos de pensións privados, contribuíndo así a paliar a súa falta de liquidez, orixinada pola crise económica e polo seu forte endebedamento.
Non é certo que o sistema público de pensións estea en perigo de cara o futuro, o que realmente non ofrece garantías son os sistemas privados de pensións. Compre recordar que o sistema público é un sistema solidario no que as pensións se pagan co que cotizan os activos, polo tanto é un sistema seguro, sempre e cando se fagan políticas serias de creación de emprego e se garantan uns salarios dignos. Nos sistemas privados de pensións as entidades xestoras dos mesmos, vinculadas á banca, negocian e especulan con estes recursos, podendo ser rendíbeis ou non segundo vaian os mercados financeiros, de feito na situación de crise económica actual, están a perder moito do seu patrimonio.
Os informes que auguran a posíbel creba do sistema público de pensións para dentro de 20, 30 ou 40 anos, non se poñen de acordo nin na data, están feitos por profesionais pagados pola banca, e carecen do máis mínimo rigor científico. Proba desto é que as predicións que fixeron ata agora estes "expertos" sobre a quebra do sistema público de pensións, sempre fracasaron. Outros datos que demostran o equivocado destes informes témolo en exemplos como: no ano 1995 os gastos das pensións no Estado español representaban o 8,3% do PIB (Produto interior Bruto, indicador que mide a riqueza dun País), a finais do 2008 representaban o 7,8% , a pesares de terse incrementado o número de pensionistas en 1,5 millóns. Outro exemplo, nos anos 2009 e 2010, en plena crise económica, e cun 20% de desempregados, a seguridade social sigue a ter superávit.
O equilibrio entre ingresos e gastos da Seguridade Social non pode basearse só no recorte dos gastos, como propoñen estes "expertos" e o propio Goberno, ese equilibrio pódese e débese lograr pola vía do incremento dos ingresos e iso garántese a través dunha boa política de xeración de emprego, duns salarios dignos e dun emprego de calidade, dunha política fiscal xusta, do combate a economía somerxida e outras medidas similares, xusto na liña contraria ás políticas neoliberais que se están a facer polo Goberno.
Diante deste conxunto de medidas políticas que está a adoptar o Goberno Español, claramente contrarias ao que son os intereses das clases traballadoras e dentro do que sería a lóxica dun goberno de dereitas, calquera cidadán atento a actividade política diaria, estará preguntándose como é posíbel tanta torpeza por parte do PSOE? como pode estar a facer as políticas da dereita, limpándolle o camiño ao PP para que se instale comodamente no Goberno durante os próximos anos? A resposta é que non existe tal torpeza, o que existe é a identificación globalmente do PSOE co actual modelo capitalista neoliberal, nada novo por certo, coa conseguinte renuncia a oporse ás políticas especulativas e de negocio fácil deseñadas pola oligarquía financeira, en función dos seus intereses de clase, afondando así no modelo neoliberal de agudización das desigualdades sociais e de concentración, da riqueza e do poder, nuns países e nunhas elites que determinan as políticas económicas mundiais.
Só desde o debate e a mobilización social podemos dar contestación e parar unhas medidas tan regresivas e tan agresivas cos intereses, os dereitos e as condicións de vida da clase traballadora. O nacionalismo galego temos pois a oportunidade de contrastar social e politicamente o modelo alternativo que a nivel político, económico, social ou laboral representamos, en clara identificación coas intereses das clases populares galegas.
A folga xeral que a CIG está a promover, con data de referencia do 27 de xaneiro, entra dentro desa estratexia necesaria de debate e mobilización social.
Artigo tirado de Terra e Tempo dixital o 10/01/2010.
Suso Seixo é o Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG)
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza