Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

A proclamación obreira da República Galega en 1931 (video-reportaxe)

Audiovisual

A Fundación Moncho Reboiras conmemora o 90 aniversario da declaración da República Galega en Ourense e Compostela no marco do conflito do camiño de ferro (25,26 e 27 de xuño de 1931) co relanzamento dunha curta documental que analiza uns acontecementos históricos que amosan a íntima implicación entre a liberación nacional e as loitas obreiras no noso país. A video-reportaxe de 13 minutos de duración, foi coordenada por Manuel Mera e realizada por Bernal Rúa, e conta coas intervencións dos historiadores Xerardo Dasairas e Uxío-Breogán Diéguez. O audiovisual complementa á publicación "As folgas do ferrocarril Zamora-A Coruña de 1931-32", publicada no 2012 e que a día de hoxe tamén aproveitamos para relanzar.

A proclamación da República Galega en xuño de 1931
A proclamación do Estado Galego en 1931 está ligado á clase obreira

Ás veces o pasado anticípase ao futuro. Tal é o caso da estreita relación que hai entre a proclamación do Estado Galego en 1931 e o movemento obreiro, que daquela era unha forza emerxente, moi cativa, en comparanza cos labregos/as.

Hoxe non se pode pensar en ningunha transformación, aínda a máis pequena, sen ter en conta á clase obreira, xa que é maioría social no noso país, e máis organizada para alén da burguesía. Fagamos un pouco de historia. Hai agora noventa anos proclamábase, en varios lugares de Galiza, o Estado Galego, ao abeiro da conflitiva situación do momento: agromar da Segunda República española e das arelas de liberdade das nacións oprimidas da periferia, e da folga dos obreiros contratados para a construción da vía Zamora-Ourense-A Coruña.

A República proclamouse o 14 de abril de 1931, nun proceso que abriu unha enxurrada de rápidas mudanzas moito tempo contidas. O 18 de abril, ORGA convocaba unha asemblea para debater a formación dun gran partido nacional galego e levar ás Cortes o proxecto de constitución do Estado Galego. O 4 de xuño celebrouse na Coruña a reunión presidida por Antón Alonso Ríos. Nesta asemblea acordábase: o recoñecemento da igualdade de dereitos políticos entre o home e a muller, a definición de quen é galego/a e a condición dos cidadáns españois na Galiza, e afirmábase a Galiza como un Estado autónomo dentro da República española.

Un bo comezo que atoparía unha morea de atrancos, por mor das resistencias do centralismo e pola inconsistencia política da propia ORGA. Un día antes do comezo da asemblea da Coruña paralizábanse as obras do camiño de ferro entre Zamora-Ourense-A Coruña, así como tramos do de Ferrol a Xixón. Esta decisión tería unha ampla repercusión política e social no país. A paralización atinxía a 12.000 “carrileiros”, un número inmenso para economía da época. A suspensión das obras do ferrocarril abriron unha fronte social e política en Galiza, orixinando a creación de comisións populares, como a do Carballiño, vila na que dimitían os concelleiros e decidían absterse nas eleicións para as Cortes Constituíntes do 28 de xuño.

En Ourense, o pobo organízase en Asemblea Permanente. Sucédense as reunións co goberno en Madrid e as mobilizacións, como a que se fixo en Compostela o 17 de xuño, na que participaron 800 labregos da comarca do Ulla afectados pola suspensión; ese mesmo día facíase na cidade unha asemblea a prol do tema á que acudiron 600 veciños e na que falou o alcalde.  

A resposta dos obreiros do camiño de ferro (os carrileiros) non é casual, xa que existían precedentes, tal como nos di Dionisio Pereira (no seu libro Sindicalistas e Rebeldes): “Proclamada a República no tramo que transcorre pola bisbarra de Monterrei prodúcense diversas folgas para acadar melloras laborais (...) Andando 1931, imítanos os peóns e canteiros da zona de Vilar de Barrio que, en número de 1.000, perden 9.000 horas de traballo con idéntico obxectivo.” A medida que se achegan as votacións a presión institucional e social faise máis forte, tamén as reivindicacións cun claro matiz político. Os obreiros do ferrocarril reunidos en Compostela deciden levar ao pleno que se vai celebrar en Ourense, entre outras propostas, a inmediata declaración do Estado Galego.

Ás dúas da mañá do 25 de xuño, unha morea de xente concentrada fronte ao Goberno Civil dirixiuse ao concello de Ourense e izou a bandeira galega, un mozo dirixiuse aos concentrados declarando constituída a República Galega. O 26 de xuño de 1931, reuníanse na cidade 26 delegacións de toda a Galiza para asistir á asemblea sobre a suspensión das obras. Os operarios acordaron convocar folga xeral para o día seguinte.

Os xornais salientan das reunións a intervención de Antón Alonso Ríos, como presidente da Comisión Permanente a Prol do Estatuto. Tamén chegaron unha morea de obreiros afectados pola paralización, a maioría deles da comarca do Carballiño. Na noite dese día un grupo de manifestantes asaltou o edificio do Goberno Civil, rachando a bandeira tricolor e erguendo a bandeira galega ao berro de ¡Viva Galiza ceibe! Ao día seguinte, o 27 de xuño, en Compostela dábase un paso máis, ao proclamar o Estado Galego e aclamar a Antón Alonso Ríos como Presidente do Goberno provisional. Isto acontecía logo dun gran mitin na Alameda, despois do cal os asistentes trasladáronse á casa do Concello, onde se izou a bandeira galega. Ante a falta de respostas claras, os ánimos foron fervendo entre os traballadores de xeito tal que o 27 de xuño, relata o xornal El Pueblo Gallego, despois dunha manifestación en Compostela, izouse a bandeira galega no balcón da casa do Concello e proclamouse o Estado Galego.

Dimitiron todas as autoridades e pedíuselle a Antón Alonso Ríos que ocupara a presidencia provisional da Xunta Revolucionaria. Podemos tirar como conclusión destes feitos históricos que, malia o carácter simbólico das proclamacións da República Galega, reflicte ben o estado de ánimo da poboación, as súas arelas e reivindicacións. Ao que temos que engadir, que o movemento obreiro tivo un papel de vangarda na reclamación soberanista e que os militantes galeguistas (nacionalistas) que viñeron da emigración, tal é o caso de Antón Alonso Ríos e Pedro Campos Couceiro, ligados á Federación de Sociedades Galegas e á Sociedade Nacionalista Pondal, demostráronse como fundamentais para ligar o sentir social coa cuestión nacional.

Texto: Manuel Mera Sánchez

Publicación: "As folgas do ferrocarril Zamora-A Coruña de 1931-1932"

Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |