A política de pactos sociais no Estado español
Artigos ing pacto-da-moncloa pacto-social
Co apoio a estes pactos, estas dúas centrais daban inicio a toda unha práctica sindical de pacto social, de colaboración e integración no sistema, que debilitou a clase traballadora e facilitou as sucesivas contrarreformas laborais que se viñeron producindo desde aquela data, coa conseguinte flexibilización e desregulación das relacións laborais e perda de dereitos da clase traballadora. Esta política de pacto social contou desde o seu inicio coa forte oposición do sindicalismo nacionalista galego.
O asinamento dos Pactos da Moncloa --formalmente foron dous, “Acordo sobre o programa de saneamento e reforma da economía” e “Acordo sobre o programa de actuación xurídica e política”-- xustificouse por parte das forzas asinantes pola necesidade de estabilizar o proceso de transición ao novo réxime político e de conter unha inflación que alcanzaba porcentaxes do 35%.
Estamos a falar duns acordos asinados nunha situación de crise económica, cunha forte perda de poder adquisitivo dos salarios como consecuencia da alta inflación e unha perda moi importante de postos de traballo, e a nivel político cun enfrontamento entre aquelas forzas políticas e sociais que estaban dispostas a pactar co franquismo e polo tanto a aceptar un cambio de réxime político pola vía da reforma e non da ruptura co anterior réxime ditatorial e aquelas outras que apostaban nesa ruptura, entre as cales estaba o nacionalismo galego. Os Pactos da Moncloa viñan, pois, a apoiar a vía do pacto e da reforma, a consolidar un Estado monárquico, centralista e capitalista, negador da realidade plurinacional do mesmo e que deixaba certos poderes esenciais do Estado en mans do franquismo, reconvertido ou non (policía, garda civil, exército e xudicatura), dándolle así unha saída á transición política favorábel aos intereses da oligarquía española e pactando un modelo de estado cun forte pouso antidemocrático que se mantén ata a actualidade.
Oposición do sindicalismo nacionalista
Polo que atinxe ao posicionamento do sindicalismo nacionalista --nesa altura conformado arredor da central sindical Intersindical Nacional Galega (ING)-- a respecto destes Pactos, foi claramente de oposición e rexeitamento. Facíase unha crítica clara por consideralos contrarios aos intereses da clase traballadora galega. Dicíase expresamente no EIXO, o voceiro da ING, o seguinte:
“O programa de medidas económicas elaboradas polo goberno e contidas no Pacto, non significa máis que un cambio aparente para seguir a explotarnos mellor. É así como se entende que no programa non apareza ningunha medida que nos beneficie realmente, facendo recaer sobre nós o peso dunha situación da que non temos a máis mínima culpa. As medidas máis importantes do programa son:
-Imposibilidade de subir os salarios máis do 22%, que tendo en conta a suba do custo da vida (ao redor do 35%), supón unha baixada grande do poder adquisitivo dos nosos salarios. O que xa é o colmo é que o Pacto ten carácter retroactivo, é dicir, as traballadoras e traballadores que teñan que revisar os seus convenios en xaneiro e que tiñan asinada unha suba dos seus salarios equivalente á do custo da vida, van perder grande parte da suba salarial que xa tiñan pactada e era deles/as.
-O despedimento libre non só segue senón que se vai incrementar, pois no caso de que os empresarios suban máis do 22% os salarios teñen dereito a despedir ao 5% do cadro de persoal.
-Os orzamentos dedicados a combater o paro e crear postos de traballo son baixísimos, nun momento en que se están a dar despedimentos masivos.
-Non existe ningunha medida encamiñada a poñer couto á suba de prezos.
No caso da clase traballadora galega é claro que non se ten en conta a súa situación. A nós vainos seguir tocando a función colonial de exportar man de obra barata, materias primas, enerxía, etc., e ter, por outra parte, os salarios máis baixos do Estado, o maior número de parados/as e de emigrantes… se o Pacto é grave para calquera traballador do Estado, no caso dos traballadores galegos é dobremente grave. O papel antigalego que cumpren CCOO e UGT queda tamén, unha vez máis, claro.”.
Xornada de loita
A resposta do sindicalismo nacionalista consistiu en facer un traballo de axitación e información mediante a convocatoria de manifestacións, concentracións e mitins en cidades e vilas, como foi o caso de Vigo, Marín, Ourense, Lugo, A Coruña, e outras, nas que participaron centos de traballadores e traballadoras. Finalmente optouse pola convocatoria, conxuntamente coas CCLL, dunha xornada de loita que tivo lugar o 28 de xaneiro de 1978 e que contou co apoio de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) e das forzas políticas integradas no Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG). A xornada de loita foi avaliada no seu momento como exitosa e moi positiva, pois realizáronse asembleas, paros e manifestacións en numerosas empresas e vilas, tendo especial incidencia en cidades como Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Santiago ou A Coruña e en vilas como Carballo, Carballiño, As Pontes, Moaña, Pontecaldelas, Redondela, Arcade, Rianxo, A Pobra, Monforte, Vilalba ou Quiroga.
A importancia e o valor desta xornada de loita hai que poñelo en relación co contexto político, social e económico no que se deu, a dous anos da morte do ditador, en pleno proceso de transición política, cunha forte represión e crise económica e no feito de que, por primeira vez e en solitario, se convocaba unha xornada de protesta desas características polo nacionalismo, coa oposición activa do españolismo que levou adiante unha campaña en contra, especialmente da man de CCOO.
Outro modelo sindical
Se nos últimos anos da ditadura franquista, especialmente a partir dos sucesos de 1972, e nos primeiros anos da transición, xa se tiña dado un confronto importante entre o recén nado sindicalismo nacionalista e o sindicalismo españolista, inicialmente á hora de darse a coñecer e defender o dereito de autoorganización e despois á hora de gañar espazo no baleiro deixado pola caída do sindicato vertical, a convocatoria da xornada de loita por parte da ING, supuña un salto cualitativo importante, pois implicaba por parte do sindicalismo nacionalista a superación de complexos dunha forza sindical acabada de nacer e a súa firme determinación a levar a iniciativa e a dirección da defensa dos intereses da clase traballadora galega.
Supuña, ademais, marcar as diferenzas estratéxicas entre dous modelos sindicais confrontados; por unha banda, o modelo representado polo sindicalismo españolista, especialmente CCOO e UGT, favorábel ao Pacto Social e á colaboración coa burguesía, negador na práctica da existencia da loita de clases e do carácter plurinacional do Estado; e pola outra, o modelo sindical representado polo sindicalismo nacionalista, nucleado ao redor da ING, oposto á política de pacto social, defensor da existencia da loita de clases e da necesidade de superar a dependencia colonial e falla de soberanía política de Galiza, contrario a integrarse no sistema capitalista e partidario de ir a novas formas de organización social e económicas que o superasen.
Estes dous modelos sindicais e estas dúas estratexias sindicais confrontadas, foron as que marcaron a práctica sindical de cada quen ata a actualidade e tamén o que dificultou, e dificulta hoxe en día, que en Galiza se dese ou se poida dar unha dinámica sindical unitaria, global e constante, entre o sindicalismo nacionalista que representa a CIG e o sindicalismo españolista representado por CCOO e UGT.
Artigo de Suso Seixo, Presidente da Fundación Moncho Reboiras, publicado no Comprendermos nº 11
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza