Fundación Moncho Reboiras
para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

A FESGA apresenta o documental "O sector enerxético en Galiza"

Audiovisual

A FESGA vén de apresentar o traballo audiovisual "O sector enerxético en Galiza. Situación e perspectivas de futuro", que contou co apoio da Deputación Provincial da Coruña. Nel trázase un percorrido que enumera as diferentes tipoloxías de xeración e explotación de enerxía no noso país,  a cuestión da soberanía enerxética, os custes medioambientais ou a importancia económica do sector. Ademais, trátanse cuestións de actualidade como o "Decreto do Carbón" ou a emerxencia das renovábeis.

A FESGA vén de apresentar o traballo audiovisual "O sector enerxético en Galiza. Situación e perspectivas de futuro", que contou co apoio da Deputación Provincial da Coruña. Nel trázase un percorrido que enumera as diferentes tipoloxías de xeración e explotación de enerxía no noso país,  a cuestión da soberanía enerxética, os custes medioambientais ou a importancia económica do sector. Ademais, trátanse cuestións de actualidade como o "Decreto do Carbón" ou a emerxencia das renovábeis.

Entrevistas a:

Fernando Branco Parga. Ex-membro do comité de empresa de Endesa-As Pontes e deputado do BNG no Parlamento de Galiza.

Jesus Castro Lozano. Director da Axencia da Enerxia Provincial da Coruña - FAEPAC

Fins Eirexas. Secretario Executivo de ADEGA

Antón Casal. Técnico industrial e director xerente de FORGA

Alberte Gonçalves. Secretario Nacional de CIG-Quimicas e Enerxía

Bernardo Varela. Concelleiro de Medio Ambiente de Allariz

Achegamos o prólogo do traballo, elaborado pola equipa técnica de FESGA.

O sector exerxético en Galiza. Situación e perspectivas.

INTRODUCCIÓN

O futuro do sector enerxético en Galiza dependerá das políticas que se desenvolvan tanto pola Xunta de Galiza, como por parte do Goberno central e a Unión Europea, sen ignorar que ficamos engaiolados nun contexto internacional complexo e cheo de incertezas.

Neste tema, como en tantos outros, son varias as alternativas posíbeis. Todos os escenarios están abertos e dependen máis do modelo político e social que se teña como obxectivo que das cuestións técnicas ou dos presuntos condicionantes económicos, sen esquecer que estes tamén teñen a súa importancia. Será correcta a solución que permita crecer, xerar emprego, mellorar a calidade de vida, e facelo sen estragar o medio ambiente e de xeito sostíbel no tempo. Non é un reto doado, porén temos riqueza, potencialidades, que hai que por en valor, como o vento, auga, mareas, sol, etc.

O presente traballo quere ofrecer ao público unha fotografía de conxunto arredor da situación do sector enerxético en Galiza, a través dunha análise da súa situación presente e máis dos seus retos e oportunidades no futuro. Non ten unha pretensión académica, senón fundamentalmente divulgativa, e en todo caso complementar aos numerosos traballos xa editados sobre esta temática por parte de diferentes organismos públicos, como o INEGA, ou empresas do sector.

Trátase de posibilitar unha aproximación asequíbel mesmo para aquelas persoas que non teñan amplos coñecementos previos, a cal é a situación actual e cales son as perspectivas de futuro dun ben fundamental para o desenvolvemento económico e a calidade de vida da xente no noso país.

Este breve libro enfronta a cuestión enerxética desde os diferentes puntos de vista, incorporando a achega de persoas e colectivos con dilatada experiencia no ámbito, o que permite abranguer os aspectos produtivo, económico, ambiental e técnico.

O traballo está composto por tres pezas. En primeiro lugar un prólogo que serve dunha introdución á problemática enerxética galega, da autoría de Manuel Mera (Director de FESGA). En segundo lugar, e como bloque central, unha análise da situación actual do sector enerxético e das súas potencialidades. E por último un apéndice con seis entrevistas realizadas a seis persoeiros de acreditada experiencia no sector, desde diferentes ámbitos, que complementa e enriquecen de xeito destacado o propio texto, ofrecendo matices que axudan a compoñer unha fotografía máis nítida.


Volver

2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza

Contacto

Política cookies |

Información legal |