A ‘Asambleia Nazonalista de Lugo’ (1918). O centenario da primeira grande cimeira do nacionalismo galego
Artigos asemblea-nacionalista irmandades-da-fala lugo sermos-galiza uxio-breogan-dieguez-cequiel
A ‘I Asambleia Nazonalista’
Cando o devandito documento estaba a se legalizar, as Irmandades da Fala idearían un encontro de ámbito nacional; no que se reuniren aos seus activistas e reflexionaren arredor da súa consolidación, marcando unha folla de rota para o nacionalismo galego. A data marcada de inicio sería o 24 de outubro, mais o andazo de gripe existente a nível europeo faría adiar a cita, na que realizaren ‘todos os elementos significativos do galeguismo’ unha posta en común e:
“(…) porse d’acordo en canto a cousas de régimen interno, previo o nomeamento dun Direitorio e para plantear ao goberno, logo d’estudalo e discutilo, o programa máximo e mínimo das aspiracións nazonalistas da nosa terra (…)”.
O lugar marcado para o encontro sería Lugo, en base a unha significación histórica de alcance, para alén da centralidade xeográfica da localización:
“Se escolliu Lugo, por ser o logar mais céntrico para toda Galicia. E Lugo, tambén, [é] o povo adrede para juntanza. Aló foi onde houbera a ja histórica na que Antolín Faraldo pidía a independenza da nosa terra que se desbotou por un voto” (A Nosa Terra, nº70, 1918).
Mantendo a cidade amurallada para o ‘xuntoiro’, marcaríase unha nova data. Así, entre o 17 e o 18 de novembro do 1918 celebraríase aquel encontro, ‘I Asambleia Nazonalista Galega’, encamiñada a conseguir:
“… a autonomía integral da Nazón Galega e fixar n-un programa concreto as que que coidan testas solucións ôs problemas que intresan d’un xeito fondosísimo á vida nazonal da Galicia”.
O manifesto de Lugo
A militancia das Irmandades presente nesta cimeira aprobaría un programa-manifesto que, durante anos, guiaría o axir do galeguismo político, inaugurando formal e explicitamente o ‘nazonalismo’ galego a partir da ‘previa’ ao documento, no que se podía ler:
“Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós nomeámonos de oxe pra sempre nazonalistas galegos, xa que a verba ‘rexionalismo’ non recolle tódal-as aspiracións nin encerra a intensidade dos nosos problemas” (ANT, nº73-74, 1918).
No mesmo documento, demandaríase a constitución dun ‘Poder Autónomo Galego’ e dun ‘Xuntoiro ou Parlamento galego’, así como dunha ‘Federación da Iberia’ -integrada polos Estados que se conformaran neste marco, incluído Galiza e Portugal-, e dun réxime tributario galego. Reclamaríase a igualdade de dereitos para as mulleres en relación aos homes, incluíndose a reivindicación do sufraxio universal (sen parangón na política da época). Reivindicábase a oficialización do idioma galego na administración e no ensino na Galiza (apostando pola cooficialidade co español), entre outras iniciativas de enorme alcance. Aliás, proclamaríase a ‘soberanía estética da Nazón Galega’, que se exercería sobre construcións urbanas e rurais, ditándose unha lei que obrigara ás e aos propietarios a ‘axeitarse o estilo das suas construciós ô estilo xeneral de cada vila galega’. Remataban as Irmandades da Fala o seu ‘manifesto’ de Lugo aseverando:
“Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d ́amore con outras soberanías, contr ́as que non vai nin quér ire a soberanía nosa.
Pensade pois, nas nosas concrusións, feitas pra todol-os galegos. Pró, ademais, sentídeas, practicádeas. Nosos brazos están abertos pr ́a fecunda aperta. Todos xuntos melloraremos a grande obra. (…)
Ninguén é inútil pra ista cruzada. A nosa mocedade tén unha santa obriga co-a patria, e agardamos, ateigados do lume inmenso do noso amore, que todo galego dino nos mande súa adhesión á Santa Causa da Redenzón da Nai Terra”.
O devandito documento asinábano os más relevantes cadros do nacionalismo galego, e na seguinte orde, Antón Lousada Diéguez, Vicente Risco, Arturo Noguerol, Xaime Quintanilla, Ramón Cabanillas, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Antón Vilar Ponte, Lois Peña Novo, Johán Vicente Viqueira, Roberto Blanco Torres e Ramón Vilar Ponte, entre outros, destacándose que todas as Irmandades da Fala estiveran representadas, sumándose delegacións de 67 sociedades agrarias, así como cinco ‘centros culturaes’; enviando a súa adhesión cinco federacións agrarias, once cámaras municipais, máis de corenta e nove asociacións de diversa índole e ‘numerosísimas persoalidades’ da Galiza.
Artigo de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Profesor da Universidade da Coruña e integrante da Fundación Moncho Reboiras. Publicado no suplemento “Comprendermos nº16” do Sermos Galiza (25 de outubro de 2018)
2024 · Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza